Palabras desde o Atlántico

O II Festival Atlántica de Narración Oral remata o 22 de marzo

Hoxe a cantante Mercedes Peón inaugurará o II Festival Atlántica de Narración Oral. Desta volta, o festival esténdese por Galicia, con sedes e actividades en Vigo e Teo, ademáis de en Compostela. Espectáculos de narración para todos os públicos, en interiores e exteriores, xuntanzas sectoriais, encontros teóricos e presentacións editoriais evidencian o rico mundo cultural que se move ao redor da narración oral.

Hoxe martes, ás 19 h. no Consello da Cultura Galega, a artista Mercedes Peón falará sobre a súa experiencia como recompiladora de tradición musical por Galicia adiante, presentada pola catedrática e membro da Real Academia Galega Margarita Ledo. A conferencia, titulada "Xénero e tradición: Reflexión sobre a creación de verdades e a adaptación contemporánea dos roles da creación colectiva", é unha boa mostra do espírito de Atlántica, asegura Soledad Felloza, directora do Festival. Mercedes Peón dedícase á música. O ano pasado, Manuel Rivas desempeñou o mesmo papel. "Ningún deles dedícase profesionalmente á narración oral, pero que dúbida cabe que son grandes contadores de historias atlánticas nas súas respectivas profesións", sinala Felloza. Mercedes Peón falará ás 19 h. e a entrada é libre.

O Festival Atlántica "reivindica a calidade e a forma de contar dos narradores do Atlántico", indica a directora do Festival. "Se houbera que definilo, creo que unha das características básicas son as escasas fronteiras entre o real e o imaxinario, e entre o presente e o pasado, todo ten sentido nun continuo". Isto se aprecia especialmente, asegura Felloza, no caso dos narradores galegos. Pero Atlántica reunirá tamén a contadores da Bretaña, Irlanda, Madeira, Arxentina, Uruguai, Brasil, canda un bo feixe dos contacontos profesionais do noso país.

A inauguración de Mercedes Peón e o espectáculo de María da Pontragha (Ordes) no pub Atlántico serán o punto de partida dunha intensa programación cultural que en 2014 reúne 40 eventos para todos os públicos en Compostela, Teo e Vigo ata o 22 de marzo.

O II Festival Atlántica de Narración Oral é o evento de narración oral máis relevante de Galicia. Está dirixido pola actriz Soledad Felloza. Organizado ao redor do Océano Atlántico como eixo, non só xeográfico, senón tamén cultural, dunha dilatada comunidade de contdores de historias, inclúe unha programación moi diversa. Hai espectáculos para todos os públicos, celebrados en bares, teatros, auditorios e mesmo nas propias rúas, en espectáculos interactivos nos que narradores e público exploran as historias das cidades. Hai obradoiros de narración oral,e mesmo xornadas teóricas de debate ao redor da tradición oral.

Dimensión internacional e galega

Nesta edición 2014, o Festival Atlántica contará coa presenza de numerosos narradores galegos e internacionais. Doutras ribeiras do Océano virán Barry Manley (Irlanda), Nicolas Mezzalira (Bretaña), Clara Haddad (Brasil), Boni Ofogo (Camerún), Claudia Fonseca e Sofía Maul (Portugal) ou Victoria Sliedecki (Arxentina). Pola banda galega, os contadores e contadoras son María da Pontragha, Raquel Queizás, Quico Cadaval, Xosé Luís Bernal “Farruco”, Cándido Pazó, Celso Fernández Sanmartín, Xurxo Souto, Quico Cadaval e Narf.

Reflexión e debate

O Festival tamén incorpora espazos para o debate e a reflexión. Desta volta, celebrarase en Compostela, o 15 de marzo, o primeiro Encontro de Directores de Festivais de Narración Oral, coordinado por Marina Navarro, directora da Rede de Bibliotecas de Madrid, e no que se reunirán programadores de España e Portugal.

O día 20 de marzo, o Consello da Cultura Galega acollerá unha xornada teórica sobre O culto e o popular na tradición oral galega, na que participarán diferentes especialistas no noso imaxinario, como Antonio Balboa, que falará sobre a raíña Lupa, o antropólogo Xosé Ramón Mariño Ferro, que tratará as lendas e o especialista en narración Antonio Reigosa, que falará sobre os contos.

Tapas Atlánticas

O Festival combinará os espectáculos coa gastronomía da cidade. Varios establementos colaboradores elaborarán unha tapa atlántica, que os asistentes aos espectáculos do Festival poderán consumir a prezos reducidos. Son os establecementos La casa de la marquesa, o Restaurante Acio, A Curtidoría, Café Altamira, A Tafona, Abastos 2.0, A Bodeguilla de San Roque e Garum Bistró.