Nobuyoshi Araki, Balka, Jorge Barbi, Joan Fontcuberta, Nan Goldin, Eulàlia Valldosera, Walid Raad & Jayce Salloum, Xurxo Oro Claro, Miguel Palma, Thomas Hirschhorn, Din Matamoro, Antón Lamazares, Antonio Murado ou Antón Patiño. Son só algúns nomes destacados dos máis de cen que fan parte cos seus traballos desta conmemoración que comisariou o propio Miguel von Hafe, director do Centro. Co ano 1993 como eixe, a exposición realiza unha instantánea do momento artístico de entón, mesturando o que eran valores emerxentes con carreiras consagradas que deixaban sentir a súa influencia. Ata o vindeiro 23 de marzo ten abertas as súas portas esta iniciativa, que achega a Compostela obras dalgúns dos máis destacados nomes da arte internacional e nos convida a botar unha ollada á arte de hai vinte anos.
Novos xeitos para a arte
Para alén do valor simbólico da data escolleita, 93 segundo explican desde o centro, amosa tamén un momento de cambio crucial no xeito de entender a arte. "Nestes comezos dos noventa advírtese un cambio moi fondo nos modos de produción cultural, precisamente porque o sistema das artes asiste a un importante e continuado proceso de profesionalización", sinala o texto de presentación do evento. No caso galego, ademais, esta tendencia coincidiu cun panorama artístico auqe "particularmente na Península Ibérica, comezaba a súa traxectoria logo da normalización política e da chegada das respectivas democracias a España e Portugal". A creación de centros de arte e o coleccionismo privado marcan en boa medida as mudanzas no sector na época que se reflicte nesta mostra.
Mudanzas na creación
A maiores, naqueles primeiros noventa constitúe "unha época na que os artistas viven no ronsel da euforia dos oitenta, cunha maior conciencia crítica fronte a problemas económicos, políticos e sociais marcados non só pola fonda crise dos mercados acontecida a finais da década anterior, senon tamén pola emerxencia de preocupacións e estudos de xénero, e por unha postura máis vinculada ao que se denominou unha estética relacional, fronte á autorreferencialidade privilexiada con anterioridade". Novos xeitos de crear marcaron o contexto co que abría as súas portas en Compostela o edificio deseñado polo portugués Álvaro Siza.
Encontros sobre a arte
De xeito paralelo á mostra, o centro organizou unha serie de encontros nos que Miguel von Hafe dialoga con algúns dos artistas que están presentes na mostra. Logo das visitas de Vari Caramés, Antón Patiño, Ignasi Aballí,Juan Luis Moraza, Nuria Canal, Chelo Matesanz, ao longo deste mes recibiranse as visitas de Pedro Cabrita Reis (11 de marzo) e, o vindeiro día 18 de Pedro G. Romero e Isidoro Valcárcel Medina, que reflexionarán sobre a situación da arte no momento que reflicte a mostra e a súa evolución desde entón.
Outras reflexións
Non foron os artistas os únicos que achegaron a súa reflexión sobre a creación artística co gallo dos vinte anos do centro. A aproveitar 93 desenvolveuse no centro entre o 26 de febreiro e o 1 de marzo a acción Eu son arte contemporánea. Na mesma, o crítico e xornalista Camilo Franco conversou cos visitantes ao CGAC. Coa intención "non tanto de facer un estudo estatístico coma unha cata orientadora sobre como manobra cada individuo diante dos espazos que abren as pezas artísticas", explica o centro. Os encontros, pois, permitiron "facer unha valoración sobre a percepción da arte contemporánea e sobre traballo do centro desde a súa apertura" a partir do material da exposición de aniversario. Do proxecto xurdiron un total de 13 conversas que concentran un pequeno universo de visións sobre a arte contemporánea e o centro. Desde neófitos ata profesionais do sector, Camilo Franco esculcou na variedade de públicos que pasan polas salas do edifico de Siza.
Máis celebracións
Non Canda á exposición, o CGAC organizou como conmemoración dos seus vinte anos outras actividades como ciclos de cinema centrados respectivamente en Italia e mais no tranxénero (este último en marcha ata o 3 de abril), ademais dunha programación festiva o pasado mes de setembro que incluiu concertos, visitas guiadas e xornadas de portas abertas.
Logo da incorporación, a pasada semana, de Sofía Santos Pérez e Luis Sirvent López como nova presidenta e vicepresidente do padroado da institución, o CGAC remata as celebracións e abre as portas a un futuro no que, de certo, ha seguir sendo un referente para a arte no noso país.
Galería: 93
Nan Goldin. Christine on the train, Austria, 1993 CAL CEGO. Colección de arte contemporáeno, Barcelona
Francesc Torres Power Contested (Three Graces in Unstable Equilibrium), 1993
Colección CAJA MEDITERRÁNEO, depósito en MACA, Museo de Arte Contemporáneo de Alicante
Pedro G. Romero. Sin título (Counter), 1993
Centro Andaluz de Arte Contemporáneo Colección de la Junta de Andalucía
William Wegman Cinderella (mariés), 1993
©William Wegman / CNAP /Photographe: Y. Chenot, Paris
Juan Uslé, The Guardian, 1993
Colección particular, depósito Fundación RAC
Ana Laura Aláez, Pulseras, 1993
Colección arte contemporáneo Fundación Coca-Cola España
Miguel Palma. Engenho, 1993
Coleção Fundação de Serralves - Museu de Arte Contemporânea, Porto
Francisco Leiro. Guajalote
Colección del artista
Pedro Cabrita Reis H. Suite VII, 1993
Fundación ARCO
Pepe Espaliú El nido (Arhhem, Holanda), 1993
Colección MUSAC
Miroslaw Balka, 1993 2 x (216 x 35 x 65 cm) (190 x 83 x 48 cm), 1993
Collection Fonds régional dart contemporain Bretagne, Rennes
Sam Taylor-Wood Basil Ray, Steve & Kline, 1993
Coleção Américo Marques, Cascais