Un Grial de papel

A decana das revistas culturais galegas cumpre cincuenta anos

A revista de cultura Grial cumpre 200 números e 50 anos. Unhas cifras e datas que amosan a lonxevidade e vixencia do proxecto nacido da Xeración Galaxia, “a publicación decana das revistas culturais galegas e unha das máis antigas do Estado español”, segundo salienta o seu codirector, Víctor F. Freixanes. Repasamos as épocas e a evolución da revista.


A traxectoria de Grial pódese medir, en primeiro lugar, por apertura temática. A primeira Grial “centrou a súa atención preferentemente en ámbitos filolóxicos, históricos e literarios”, sinala Freixanes. No ano do seu nacemento, 1963, Grial tiña dous co-directores: Ramón Piñeiro e Francisco Fernández del Riego. O número 200 da revista recuperou un texto de Ramón Piñeiro para o Coloquio de Tréveris, en 1980, no que detalla os obxectivos de aquela primeira Grial.

“Despois de catorce anos de vixencia absoluta dos tópicos propagandístico se de adoutrinamento ideolóxico do franquismo, apreciábase unha profunda desgaleguización das novas xeracións”, afirma Ramón Piñeiro rememorando a década de 1950. Os galeguistas do interior -un núcleo de intelectuais que non se exiliaran- decidiron crear entón a Editorial Galaxia. Como toda editorial, Galaxia publicaría obras novas ou antigas de autores galegos, “pero ao grupo fundador de Galaxia interesáballe moi especialmente aparecer cunha fasquía cultural colectiva, con identidade de grupo”. Tralas fortes censuras dos anos 50, no ano 63 puidose preparar o lanzamento da revista Grial, que se marcara como obxectivos, entre outros, “ser vehículo da incorporación a Galicia da cultura universal, e en especial a europea, facer presente fóra de Galicia a imaxe da cultura galega e constribuír ao prestixio cultural da lingua galega.

A cultura como acción

O historiador e presidente do CCG Ramón Villares sinala no seu artigo “Actuar desde a cultura”, o gran papel que esta tivo na definición do nacionalismo galego. Villares sinala que o papel da cultura como un dos elementos claves para “regaleguizar” Galicia xa desde a época da República e mantén que o principal leigado de moito do galeguismo está na obra cultural que deixou, coma o Seminario de Estudos Galegos ou as editoriais. “Para a xeración galeguista que se reclamaba herdeira da tradición da preguerra (nomeadamente, o grupo Galaxia), a cultura non era só unha forma de facer política por outros medios, senón que se converte nunha frma de “producir” identidade”, afirma Villares.

A dirección conxunta de Piñeiro e Del Riego durou ata 1989. O número 101 xa chegou ás librarías baixo a dirección de Carlos Casares, que se incorporara a Galaxia como director no ano 1986. “Os temas ampliáronse, pero o esquema similar da publicación era moi similar”, sinala Malores Villanueva. Casares mantivo o formato previo pero apostou pola modernización e ampliación de temas. Trala morte de Casares e a asunción da dirección da revista por parte de Henrique Monteagudo e Víctor F. Freixanes, Grial “mudou radicalmente o seu deseño”, asegura Villanueva. Este cambio gráfico veu acompañado dun cambio conceptual: “ao tempo que se produciu o debate formal, no seo da publicación tamén tivo lugar outro de fondo entre os partidarios de manter unha liña clásica, de corte máis universitario, e os que consideraron que, sen renunciar ao rigor e á esixencia académica, debía responder aos principios fundacionais de cultura, debate e intervención”, sinala a profesora Villanueva.

Grial ten neste momento preto de 450 subscritores “non institucionais, un número lixeiramente superior á segunda etapa e aos 300 que aproximadamente houbo na primeira”, indica Villanueva. Para o futuro, Villanueva sinala que o reto máis urxente da decana das revistas galegas de cultura é a “dixitalización e a descarga en rede, aínda que a sociedade galega ten unha forte tradición de consumo en papel”.