Coa creación do clúster do audiovisual poténciase a estructura industrial do sector que se centralizará na Cidade da Imaxe

2+2=5

Unirse, compartir sinerxías e un espacio físico sen perder o principio da competencia propio do mercado. Esta é a filosofía do Clúster do Audiovisual que se constituirá en Santiago a vindeira semana. Pero a súa constitución non é máis que a punta do iceberg que encerra máis dun ano de traballo e que afecta a productores, realizadores exhibidores.... Hoxe, coa presentación do Plan de Competitividade ao Comité Asesor do Clúster pecharase a etapa preliminar antes da constitución definitiva o vindeiro día 25.

O clúster xorde nun momento propicio para o desenvolvemento do sector. A nivel administrativo pola implicación da Administración a través de medidas que afectan a cinco consellerías. Unha administración que desenvolveu un nivel normativo coa elaboración e publicación da Lei (a 6/1999) que regula o sector e que recolle figuras como o consorcio ou o propio clúster. Por outra parte e polo interese da comunidade de artistas que forman o sector reunidas na Academia Galega do Audiovisual. Faltaba un terceiro eixe que era o que afectaba as empresas que canalizan e lle poñen cifras económicas aos filmes e formatos audiovisuais. E aquí é onde entra o clúster que será unha realidade o vindeiro 25 de febreiro.



Os antecedentes


O plano estratéxico do sector elaborado pola Asociación Galega de Productoras Independentes (AGAPI) 2002-2005, seguido polo dictame favorable emitido polo Consello Económico e Social de Galicia (CES) e unha xornada de traballo celebrada o pasado 23 de xaneiro foron concretando o proxecto. En ambos os documentos destacábase a súa necesidade por crear, tal e como reza no Plan Estratéxico do Sector (AGAPI) ,"un momento de madurez no que o sector camiñe por si só e poida prescindir das muletas administrativas, competindo nos mercados en condicións de calidade e de prezo competitivo". É dicir, darlle as estructuras e apoios necesarios ao sector para que logo poida camiñar só.



En xuño de 2002 constituíuse o Comité asesor do Clúster, organismo encargado de velar xa non só pola transparencia, senón de servir de guía e de verificación de todos os pasos dados na constitución do sector. Constituído por AEGA, AGAPI, Caixanova, Caixagalicia, TVG, TVE-G, Telefónica, R, a Consellería de Industria, a Consellería de Economía e Localia o comité asesor do clúster representa a cada un dos profesionais implicados no proceso.




A definición


"Un clúster é a agrupación de empresas para cooperar. Unirse para mellorar a súa competitividade. En resumo 2+2=5" deste xeito Valentín Carrera, presidente de AGAPI, sintetiza os principios fundamentais. O audiovisual quere ter o seu propio clúster como teñen outros sectores productivos. É por iso que o Clúster integra a todas as fases da cadea productiva. Hai productores, distribuidores, exhibidores, industria auxiliar, decoradores, escenógrafos, provedores.... a liña horizontal de producción do sector.

Aínda que a constitución definitiva do Clúster do Audiovisual está prevista para a semana que vén, a día de hoxe, forman parte do clúster unhas corenta empresas. Membros que, por outra parte son de diferente natureza. Valentín Carrera recorda que "un dos problemas máis graves é o tamaño das empresas, que son mini-mini-empresas; un feito que obriga a agruparnos para ser competitivas e madurar xuntas como o sector". Por iso é doado de entender que o obxectivo principal desta iniciativa é a mellora da rendibilidade das Pemes, que aproveitasen sinerxías (como estudios de dobraxe, equipos e infraestructura necesaria para os proxectos, entre outros moitos) para maximizar os beneficios a baixo custo.




As fases do proxecto


E nesa desigual natureza está a segunda fase do proxecto, unha fase que consistía nunha definición do "Plan conxunto de Mellora da Competitividade". Unha especie de "biblia" na que se inclúen as recomendacións do goberno, das entidades financeiras ademais das propias empresas, que é a que resenta hoxe o comité asesor do clúster. Unhas recomendacións que chegan logo dunha análise sectorial, que fixera unha fotografía do sector e que se completou no 2002. O proceso preliminar rematará o vindeiro 25 de febreiro coa constitución definitiva do clúster.



E todo nun espacio propio


Cando o profesor de Economía da Universidade de Harvard, Michael E. Porter, creou o concepto de clúster como a idea de fomentar cúmulos empresariais, facía referencia a concentración de empresas. E as empresas galegas do audiovisual son como os núcleos de poboación que están espallados por toda a xeografía. Por iso, recorda Valentín Carrera "Dun total de 60 propostas, aparecía a Cidade da Imaxe". Tratábase dunha panca fundamental que é crear un espacio común ao que deben desprazarse todas as empresas nese afán de compartir sinerxías para ser competitivas". É dicir, a unión de cada unha das pezas que compoñen a engrenaxe do audiovisual ha de estar unida tamén fisicamente.



Ese espacio común que é a Cidade da Imaxe sitúase en San Marcos e o alcalde de Santiago comprometeuse a que sexa realidade en tres anos. Un investimento de 24 millóns de euros que se materializará modo de polígono industrial do audiovisual que ocupa unha superficie duns 50.000 metros cadrados, entre 160-250 parcelas que, segundo o alcalde, serán suficientes para albergar as empresas do sector do audiovisual. O proceso, que xa está en marcha, contará co apoio do IGVS, que se encargará da expropiación de terreos e dos acordos cos propietarios, así como dos elementos de urbanización.