Música do Facebook ao Museo

Unha exposición amosa o traballo dun proxecto virtual na recuperación do patrimonio sonoro

O pasado seis de febreiro abría no Museo de Pontevedra a exposición Galicia, terra de músicos. A mostra fai un percorrido pola nosa historia musical do século XIX e comezos do XX mediante fotografías, documentos e instrumentos. Para alén do interese que pode ter en por si, o que fai particular esta iniciativa é que resulta dun proxecto colaborativo que se desenvolve a través das redes sociais. Milagros Bará fálanos do Proxecto Virtual Recuperación do Patrimonio Musical Galego e de como deu o salto da rede ao Museo.

Galicia, terra de músicos, que abría as súas portas o pasado xoves seis de febreiro, achega ao Museo de Pontevedra un percorrido pola música galega desde o século XIX ata mediados do XX. A proposta atende por igual os diferentes estilos musicais da época, desde a música tradicional ata a clásica, sen esquecer as bandas de música. Segundo explica Milagros Bará, comisaria do proxecto canda a Alejo Amoedo, "faise unha compilación de material tematizada e por provincias". En total poden verse preto de oitenta fotografías enmarcadas, outras sesenta impresas en plotters e, ademais unha serie de instrumentos e de partituras da época. E a inmensa maioría deste material, moito do cal é inédito, foi compilado por xente interesada na cuestión a través da páxina de Facebook Proxecto Virtual Recuperación do Patrimonio Musical Galego.

Virtual
O Proxecto Virtual "naceu hai uns catro anos. Comezou porque eu son familiar de Manuel Quiroga, o violinista, e dinme conta que o patrimonio a nivel xeral, e en particular o musical, está encorsetado en museos, e arquivos. E eu quería facelo accesible á xente", explica Milagros Bará, promotora da iniciativa. Para isto, optou polo Facebook como plataforma de difusión. "Mesmo coas limitacións que ten, porque non permite ordear ben as cousas, Facebook facilita que a xente achegue datos e revele cousas descoñecidas sobre o material". No tempo que leva en marcha o proxecto superou xa as 3.000 referencias, na súa maior parte fotografías pero tamén documentos e partituras, e máis de 5.000 seguidores. Bará apunta que, mesmo contando con numerosos seareiros e colaboradores "levo eu soa o traballo do proxecto, aínda que hai moita xente que colabora e achega cousas". Entre estes atópanse mesmo grupos organizados. "Resulta moi sinxelo colaborar. Hai quen escanea unha imaxe ou mesmo lle tira unha fotografía e a envía. Logo hai casos como a xente de Berros do Castro de Ferrol, que fan unha pescuda casa por casa, falan coa xente e fotografan as imaxes que conservan nas casas", explica.

Fondos
Canda ao material colleitado a través da rede, a mostra que se pode ver no Museo de Pontevedra ata o 16 de marzo, recolle tamén fondos propios deste centro. Así, por vez primeira poden verse xuntas as dúas zanfonas de Perfecto Feijóo, unha en mans desta institución e a outra nos arquivos da coral Cántigas da Terra. Canda a isto, material da colección de Alejo Amoedo, comisario do proxecto, os instrumentos orixinais de Os Trintas de Trives ou unha ocarina de grande tamaño cedida por un colaborador fan parte da exposición. Boa parte dos contidos da mostra inclúen un código QR que permite ampliar a información sobre os mesmos vía web. Encol do xeito no que un proxecto virtual como este deu nunha mostra nun dos principais museos do país, Bará apunta a que foi o interese da Deputación de Pontevedra que o fixo posible. "Ana Isabel Vázquez, deputada responsable de Cultura, deuse conta da importancia do proxecto e viu que era algo que debía estar presente no Museo. Para min supón unha culminación do proxecto".

Pezas
Dentro de todo o material recuperado no marco deste proxecto, Milagros Bará destaca algunhas pezas. "Non había fotografías coñecidas de Pepe Curros, violinista de Compostela, e agora temos un cartafol dedicado a el e estou en contacto cos seus familiares. Tamén do Enrique Lens, de quen só había unha fotografía que se vía moi mal". Felipe Paz Carbajal, importante compositor para bandas de música é outro dos músicos que se están a documentar no seo do proxecto. "Alejo Amoedo recuperou tamén rolos de pianola coa Alborada de Veiga e con música de Enrique Lens. Do fondo de Henrique Alvarellos recuperamos dúas fotos, unha inédita e outra da que non estamos certos, que amosan a Xoán Montes co Orfeón Lucense nos Xardíns da Deputación. Isto é algo moi importante porque de Montes hai moi poucas imaxes".

Vencello emocional
Malia ao interese da promotora por atender a todo tipo de xéneros musicais, aínda que hai espazo mesmo para os grupos pop, no proxecto detéctase unha maior presenza de material vencellado ás música popular e mais ás bandas. "É o que ten unha maior aceptación entre os seareiros da páxina. En xeral por todo o territorio verifícase de debaixo de cada pedra hai un músico ou un familiar de músico". E é que a miúdo son familiares os que envían material ou solicitan información. "Chégannos peticións de cousas. Ao mellor unha persoa sabe que o seu pai ou o avó tocaban nunha banda e quere atopar fotos. Hai unha carga emocional importante que vincula a xente co proxecto. Os colaboradores vense moi apoiados cando se publica unha foto que achegan, editada e preparada para que se vexa ben". Con esta base "difúndese tamén o traballo de moitos músicos e grupos que só eran coñecidos a nivel local, a xente está moi contenta".

Posibilidades
A importancia da documentación recollida fica tamén en relevo polo eco que acada o proxecto. "Teño peticións de xornalistas e de musicólogos que queren facer artigos, a nivel estatal e tamén de Sudamérica", recoñece a responsable. "Xa procuro que cada imaxe estea ben referenciada para que, se alguén poida tirar do fío, saiba quen a proporcionou e por onde pode procurar". Canda as fotografías, teñen especial importancia na iniciativas as partituras. "En Galicia hai moitísima obra composta moi boa á que é difícil ter acceso, ben porque é material inédito ou ben que se editou hai cen anos e non se sabe onde o atopar". Así, ademais das achegas dos colaboradores, a propia Bará realiza investigacións en hemerotecas e completa a información que recibe. "Antes ao mellor había que se desprazar para ter acceso a este material. Eu pretendo que isto sexa un punto de partida para que a xente poida facer cousas". Un exemplo disto púidose ver no primeiro encontro do proxecto que artellou Bará e que se celebrou en 2012. A Casa das Crechas, en Compostela, acolleu o evento, no que diferentes músicos como os membros da asociación ferrolá Berros do Castro ou Anxo Pintos interpretaron temas recuperados no marco do proxecto.

Futuro
De cara ao futuro, Bará apunta que lle gustaría "dar un paso máis, e sen abandonar o Facebook, desenvolver outro soporte que fose máis axeitado para ordenar ben a información pero que tamén permita a participación. Pero é algo que terá que ficar para cando teña tempo". Apunta que polo momento, o apoio da Deputación de Pontevedra para desenvolver a actual exposición é o único apoio institucional para o proxecto.

Galería: Proxecto Virtual Recuperación do Patrimonio Musical Galego Séculos XIX-XX

Galería: Proxecto Virtual Recuperación do Patrimonio Musical Galego Séculos XIX-XX

Xoán Montes e o seu Orfeón Lucense, Lugo en 1886. Arquivo Alvarellos Editora.

Enrique Lens Viera no Lincoln nos anos 30

Enrique Lens Viera no Lincoln nos anos 30

Fotografía propiedade de Arturo Lens Closas

Banda de Música de Souto Penedo. Anos 10-20

Banda de Música de Souto Penedo. Anos 10-20

Fotografía de Javier Torres

Cuarteto Clásico de Mondariz. Da revista Mondariz de 1902.

Cuarteto Clásico de Mondariz. Da revista Mondariz de 1902.

Recuperada por Alejo Amoedo Portela e José José Luís Pico Orjais

Los Ovnis, de Petín. Finais dos anos 60

Los Ovnis, de Petín. Finais dos anos 60

Achega de Manuel José Fernández Cruz