O Camiño termal

Procura incrementar o turismo internacional e o gasto dos visitantes

Foto: Concello de Vigo
Foto: Concello de Vigo
As iconas turísticas nacidas nos 90 en Galicia, coma o Camiño de Santiago ou o termalismo, canda a gastronomía e o patrimonio son, para a Xunta, os eixos a partir dos que artellará a política turística do país ata o 2016. O plan propón incrementar o número de turistas, a ocupación hoteleira e o gasto dos visitantes a Galicia. A estratexia ten un orzamento específico de 136 millóns de euros ata 2016.

Segundo o Presidente da Xunta, o Plan Integral de Turismo de Galicia fixa catro grandes retos para o turismo galego, e que son: posicionar a marca diferencial, é dicir, “definir Galicia como un destino diferenciado a nivel interno, nacional e internacional”; consolidar a Comunidade “como un destino multiexperiencial, cunha oferta segmentada e desestacionalizada”; facer do noso “un referente do turismo sustentable a nivel europeo”; e reforzar o sector para facelo “máis innovador e máis competitivo, cada vez máis importante no mercado internacional”.

O Presidente da Xunta enfatizou que o turismo achega máis do 10% do PIB autonómico e un 11% dos postos de traballo, pero no que aínda hai grandes posibilidades de desenvolvemento. Concretou os obxectivos do plan partindo dos rexistros de 2013: pasar dos 3,7 millóns de turistas a 4 millóns; de 900.000 turistas internacionais a 1 millón; dunha ocupación media hoteleira do 29,65% ao 33,54%; dunha estadía media de 2,13 noites a 2,5 noites; e dun gasto total dos turistas internacionais de 733 millóns de euros a 836 millóns

Avanza unha liña orientada á consolidación do Camiño de Santiago como eixe vertebrador das novas alternativas de turismo e reclamo de Galicia nos mercados internacionais a través dun Plan Director, da diversificación da oferta e da introdución das novas tecnoloxías