Por qué a novela negra?

Analizamos os factores que lle deron ao xénero policial a importancia que ten nas letras galegas

Este ano celébrase o 30 aniversario da publicación de Crime en Compostela, de Carlos G. Reigosa. Con ocasión da efeméride, o Consello da Cultura Galega dedicáballe a pasada semana unha á xornada novela negra no noso país. O xénero, que está vivir nos últimos anos unha explosión de obras e de público, revélase como un elemento fundamental para entender a nosa literatura actual. Analizamos por qué un tipo de narrativa, a miúdo considerado menor, acadou tal peso nas nosas letras.

De xeito convencional veuse considerando o xénero negro como unha forma popular de novela de entretemento. Falta de pretensións no estilo, personaxes arquetípicas e con pouca psicoloxí ou repetición de esquemas argumentais son algunhas das críticas que se lle teñen feito. En paralelo, non faltan voces, como a do propio Reigosa, que reivindican o negro como xénero cunha longa tradición e calidade crecente, e atopan pegadas do mesmo en clásicos como As 1001 noites ou mesmo en Shakespeare. No entanto, o que non se pode negar é a pegada que a novela policial deixou nas nosas letras. Non hai historia da nosa literatura que poida evitar fitos como a publicación en 1984 de Crime en Compostela co que Carlos G. Reigosa gañou ademais o Premio Xerais. Nin a longa xeira de escritores que seguiron o seu ronsel, con nomes destacados como Aníbal Malvar ou Bieito Iglesias ata os máis recentes e exitosos Diego Ameixeiras, Pedro Feijoo ou Domingo Villar, que están a expandir o alcance do xénero alén das nosas fronteiras mediante as traducións.

Poderían ter conseguido outros xéneros como a fantasía, a ciencia ficción, o western ou a novela erótica unha pegada semellante á do xénero negro nas nosas letras? A partir das mesas redondas do encontro 30 anos de novela negra galega que se celebrou o pasado día 6 de febreiro no Consello da Cultura Galega, abordamos algúns factores que lle deron ese particular peso ao xénero na nosa literatura e as innovacións que achegou.




  1. Novo público
    A novela negra conseguiu achegar un nutrido e novo público á literatura galega. O propio Reigosa recoñeceu que a súa intención cando escribiu o seu título era chegar a novos lectores. "A novela negra, como toda a que podemos chamar popular, achegou a facilidade de lectura. As propias bases do xénero pódense resumir en que hai un morto e unha investigación. Iso fai que, se está escrita con coidado, o lector teña interese por saber qué pasou e lle resulte case imposible deixar a novela sen rematar", sinala o propio Reigosa como unha das chaves do xénero. Manuel Forcadela, pola súa banda, apunta que "ao ser literatura popular busca unha rendibilidade económica próxima e contribúe a crear un público de masas en galego, que ata entón non existía na nosa literatura".


  2. Rachar tópicos
    A publicación da obra de Reigosa xerou unha ampla polémica na cultura do país. A discusión sobre se eran esas as vías polas que debían apostar as nosas letras estivo vivo durante varios anos. Dolores Vilavedra, unha das coordinadoras do encontro, apuntaba que "alén dos seus méritos literarios, tivo a virtude de provocar un debate intensísimo e polémicas afervoadas sobre cales debían ser os vieiros polos que tiña ou podería evoluír o xénero narrativo ante os desafíos dos tempos". Segundo apuntou o propio Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura na presentación do evento, a chegada do xénero "supuxo unha viraxe na historia literaria galega. Rachou os tópicos máis frecuentes das nosas letras. A ambientación rural ou a saudade por unha Idade de Ouro perdida deixaron paso a historias que pretendían atraer e sorprender ao lector sen lle esixir unha posición ideolóxica, ética ou política. Isto supuxo un signo de madurez e é un exemplo da diversidade de rumbos que pode tomar a literatura galega".


  3. Resposta a un momento histórico
    O afianzamento do xénero negro no sistema literario galego deuse nun momento no que se estaban a abrir múltiplas posibilidades para a nosa cultura. Segundo apuntaba Manuel Forcadela na súa intervención no encontro, "Hai un cambio político evidente, aparece por vez primeira unha política cultural e dáse un proceso de normalización da lingua e da cultura que teñen o seu eco na literatura. Aparece un novo lector que demanda unha nova literatura e, á inversa, unha literatura que demanda un novo lector".


  4. Contacto coa actualidade
    Agás casos como o de Miss Ourense, que Bieito Iglesias ambienta na Cidade das Burgas dos 60, unha grande parte das obras galegas deste xénero transcorren na actualidade inmediata á súa publicación. Así, unha das posibles chaves do seu éxito e mesmo da súa transcendencia no sistema literario está nese retrato que achegan da sociedade. "Dáse unha presenza moi superior da intertextualidade coa cinematografía ou a televisión do que noutro xénero. Iso é un punto de apoio para o lector, sobre todo o pouco cultivado, que atopa referentes do seu día a día no libro e non sinte que teña que ser un especialista para entender os xogos semióticos", sinala Forcadela. Así, a referencia a series, novas e asuntos de actualidade revélanse como un dos elementos que caracterizan estas obras.


  5. Crítica social
    Malia ao seu carácter de literatura popular, estamos a falar dun tipo de escrita que non carece de compoñentes críticos. Para Forcadela "amosa a idea do conflito. Lonxe de representar unha sociedade estable, estática e harmónica no sentido máis burgués destas expresións, amosa unha fondamente alterada e en crise". Así, "fronte a un discurso oficial de amor, familia, romantismo, lei e orde, temos alguén que nos relata o contrario, o sexo, a avaricia, a violencia e o poder". Canda a isto, o propio protagonista "ten unha posición inestable ante o mundo, a miúdo acepta a derrota e non ten esperanza e ningún tipo de progreso". Así e todo, estas narracións non teñen por qué carecer de carácter político. "A novela negra, segundo Gramsci, tería que ser popular e ao tempo axudar a mobilizar a clase traballadora", lembra este autor a sinalar que a este esquema se axeita o Carvalho de Vázquez Montalbán.


  6. Escenarios urbanos
    Ao trasladar a acción (aínda que non sempre) ao escenario urbano, a novela negra achegou en Galicia unha visión inédita das nosas cidades, aínda que existen discrepancias sobre o papel que estas paisaxes desempeñan nas distintas narracións. Así, Forcadela apunta que "Galicia pasa a ser un elemento referencial, non simbólico nin narrativo", é dicir, un espazo que comparten personaxe e lector. "Non se describen Vigo, Ourense ou Santiago porque son espazos que todo o mundo coñece. O elemento referencial forma parte intrínseca da ficción desde mesmo inicio", asegura. Fronte a isto, Reigosa sinala que o xénero "describe as cidades dun xeito que non se coñecía. Aparecen corruptos, prostitutas, estudantes. Ao seguir unha investigación, o protagonista visita distintos ambientes, está entre o palacio e o prostíbulo, e iso supón un instrumento fabuloso para narrar a cidade". Para Bieito Iglesias, "o xénero nace desde o comezo vencellado ao escenario urbano, especialmente París e Londres, e mesmo aos xornais", e chega a Galicia integrándose neses mesmos escenarios.


  7. Adaptacións
    Para alén de adoptar escenarios galegos, o xénero non pasou por alto peculiaridades culturais e económicas do noso país, o que contribuíu ao seu arraigo. Así, Manuel López Poy, na súa intervención sobre a banda deseñada de xénero en Galicia apunta que "o narcotráfico e a ambientacion agraria" amósanse como as grandes adaptacións deste tipo de obras ao noso país, un punto no que coincidiu con Alberto Guntín, guonista da coñecida serie Matalobos. "O narco é algo específico de Galicia. Cando tentamos vender a serie en Madrid non entendían que non explicásemos ao comezo qué era un narco". Os elementos galegos introducidos no xénero chegan mesmo a propostas arriscadas como a introdución do mundo do Alén en A lei das ánimas de Reigosa , o retrato dos políticos nacionalistas que achega Diego Ameixeiras en Asasinato no Consello Nacional ou o xeito no que Pedro Feijóo introduce as investigacións sobre Rosalía de Castro en A memoria da choiva.


  8. Evolución
    Quizais o xénero negro non se dese mantido con tan boa forma en Galicia se o mesmo non tivese evoluído. En paralelo á situación internacional, ao longo dos últimos anos reivindicouse este tipo de traballos como unha parte máis da literatura. "O concepto de novela negra que temos hoxe non ten nada que ver co que tiñamos no 84, daquela era moito máis restritivo e aplicábase sobre todo aos autores americanos e franceses que manexaban estereotipos", explica Reigosa. "Durante anos eu negaba ser autor de novela negra, aínda que acabei por aceptar o termo". Segundo el, desde aquela "deuse unha superación de arquetipos, e niso houbo unha influencia extraordinaria dos autores nórdicos. Desapareceron os arquetipos, os personaxes están tan ben traballados que non se lle pode chamar literatura menor a estas obras".


  9. Éxito internacional
    Fronte a outros xéneros, o negro ten un tirón indubidable a nivel mundial, o que sen dúbida facilitou que prendese na nosa terra. De feito, hai datos que apuntan que en conxunto é o terceiro máis lido do mundo só por tras da Biblia e dos escritos marxistas. Segundo apuntaba Bieito Iglesias, a seguir a Umberto Eco, "toda a novela popular ten un carácter consolatorio para o lector. Sempre hai alguén que imparte xustiza, que é diferente do que a Lei. Entón o xénero pódese permitir todo sempre que se resolva o crime e se vindiquen as vítimas".