Cadeas e Sobre ruínas, mellores libros de narrativa e poesía 2013 nos Premios Fervenzas Literarias

Os lectores de Fervenzas Literarias valoran os mellores libros de 2013

Estes son uns premios, convocados anualmente, nos que quen votan son os lectores deste web especializado na literatura galega. Desta volta, máis de 500 lectores escolleron aos gañadores nas diferentes categorías. Cadeas de Xabier López como mellor libro de narrativa, Sobre ruínas, de Xesús Rábade, como mellor libro de poesía e Feminismos, de Olga Castro e María Reimóndez, como mellor libro de ensaio/investigación. Isóbaras, de Gustavo Pernas Cora, como mellor libro de teatro. De seguido, listamos todos os premios a partir da recompilación feita desde a Axenda da AELG:

- Mellor libro de Narrativa de adultos para Cadeas, de Xabier López (Xerais).
- Mellor libro de Poesía para Sobre ruínas, de Xesús Rábade Paredes (Alvarellos).
- Mellor libro de Ensaio para Feminismos de Olga Castro e María Reimóndez (Xerais).
- Mellor libro de Literatura dramática para Isóbaras, de Gustavo Pernas (Xerais).
- Mellor libro de Banda Deseñada para Operario, de Jano (Demo).
- Mellor libro traducido ao galego para adultos para Ulises, de James Joyce, por Eva Almazán, María Alonso Seisdedos, Xavier Queipo e Antón Vialle (Galaxia).
- Mellor libro xuvenil para Nubes de evolución, de Andrea Maceiras (Xerais).
- Mellor libro infantil para Un rato díxolle á lúa, de Antonio García Teijeiro, ilustrado por Xosé Cobas (Xerais).
- Mellor libro traducido ao galego para público infantil e xuvenil para A evolución de Calpurnia Tate, de Jacqueline Kelly, traducido por Carlos Acevedo (Faktoría K).
- Autor do ano para Xabier López.
- Ilustrador do ano para Manel Cráneo.
- Mellor portada dun libro para adultos para A lúa da colleita (Galaxia).
- Mellor portada dun libro para público infantil e xuvenil para Pan de millo (Kalandraka).
- Mellor editorial para Xerais.
- Mellor crítico/a para Ramón Nicolás.
- O mellor acontecido para o Culturgal.
- O peor acontecido para os recortes en Cultura.
- Mellor Libraría para Andel.
- Mellor medio de comunicación para Praza.
- Mellor blog para Caderno da crítica, de Ramón Nicolás.”