A Real Academia presenta 4 manuscritos inéditos de Rosalía

Os textos amosan que a autora traballaba nun poemario inédito en castelán

Rosalía estaba a traballar cando morreu nun poemario en castelán que nunca chegou a ver a luz. Esta é unha das novidades sobre a poeta que se revelou a partir dos manuscritos inéditos da autora que presentou esta mañá a Real Academia Galega na súa sede da Coruña. Trátase dun texto en galego e tres en castelán que ata o de agora eran descoñecidos. Segundo explica Henrique Monteagudo, secretario da RAG, "deuse a feliz circunstancia de que se trata de textos complementarios. Un deles, o poema Dinche o corazón na man achéganos a primeira Rosalía, poeta en galego, cun texto cheo de alegría e tamén a máis vencellado ao popular". Mentres, "o outro texto amósanos última Rosalía, xa en castelán, angustiada e presa dun sufrimento físico e moral insoportable".

É este último manuscrito o que muda a perspectiva dos investigadores. "Amosa que estaba a escribir un novo libro, Postrimerías. Isto dálle unha luz nova ao conxunto da obra dispersa que se lle foi coñecendo postumamente, con poemas como Desolación que facían claramente parte deste proxecto".

O achado do primeiro destes manuscritos chegou da man do propio Monteagudo no Arquivo Municipal da Coruña, mentres que os poemas en castelán localizáronse no propio arquivo da Real Academia Galega nun achado paralelo del mesmo e mais de María Xesús Lama.

Segundo explica o secretario da RAG, é moi posible que aparezan aínda novos textos da poeta. "Falta por facer un traballo serio de pescuda nos arquivos, non só nos públicos senón tamén nos privados. Agardemos que ao ver estas noticias, xente que posía manuscritos rosalianos se animen a dalos a coñecer, porque aí poden aparecer cousas importantes".


No acto de presentación, ademais de Monteagudo e de Lama, estiveron presentes Xesús Alonso Montero, presidente da Real Academia Galega e mais Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía.