Os premios Xerais, considerados entre os máis prestixiosos da narrativa galega, acaban de abrir as súas novas edicións. A editorial publica no seu blog as bases destas convocatorias, e achega como grande novidade a recuperación do Premio de Literatura Xuvenil. Logo de desaparecer o pasado ano coa retirada do patrocinio da Fundación Caixa Galicia, o certame muda o seu nome para Premio Jules Verne e acada a sexta edición cun premio de 10.000 euros baixo o patrocinio do Ámbito Cultural de El Corte Inglés. A contía repítese para o XXXI Premio Xerais de Narrativa, que reduce así en 5.000 euros a súa dotación, e mais para o Merlín de Literatura Infantil, que chega este ano á súa XXIX edición.