A Área de Cultura da Deputación de Lugo presentaba este luns a edición 2014 do popular calendario agrícola O Gaiteiro de Lugo. O volume, editado polo Servizo de Publicacións desta entidade, recolle como é habitual previsións do tempo, calendario de feiras, ditos, adiviñas e recomendacións para coidar o agro. Canda a estes contidos, a edición dedícalle unha especial homenaxe a Díaz Castro, poeta que se lembra no Día das Letras deste ano, ao incluír varios textos seus. A publicación conta cunha tiraxe de 2.000 exemplares e distribuirase en librarías de todo o país e mais nas actividades culturais que desenvolva a Asociación Cultural Xermolos ao longo do ano.