Os visitantes estranxeiros salvan o turismo cultural galego

O Camiño de Santiago continúa a ser un importante motor deste tipo de visitas

A crise económica e a resaca do Ano Santo de 2010 déixase sentir no sector do turismo cultural galego. En 2012 continuou o descenso de visitantes chegados do resto do Estado, aínda que medrou o número de visitantes foráneos. De xeito paralelo, o noso país perde peso como destino de cultura para os españois, mentres semella que para os peregrinos e para os estranxeiros este atractivo conta cada vez máis. O Observatorio da Cultura Galega analiza polo miúdo a situación do turismo cultural no seu novo informe.

As cifras do Observatorio da Cultura Galega a partir dos datos do Instituto de Estudos Turísticos do Ministeiro de Industria, Turismo e Comercio permítennos coñecer unha radiografía do turismo cultural en Galicia actualizada a 2012. Na mesma, albíscase unha primeira recuperación do sector en canto a visitantes internacionais, logo dunha importante queda. Así, segundo sinalan estes datos 953.300 persoas visitaron Galicia en 2012 atraídos pola súa cultura, deixando no noso país un total 731 millóns de euros.

Menos españois, menos interese pola cultura
Entre estes viaxeiros, a pegada do turismo chegado do resto do Estado continúa a se revelar moi importante, xa que supón 491.500 visitantes en 2012. No entanto, a cifra non é tan positiva se temos en conta que desde o último Ano Santo, en 2010, está a diminuír o número de turistas con esta orixe, que chegaron entón a 577.100. Aínda que se pode considerar a influencia da crise na mingua de viaxes chegados desde España, o descenso do 8,4% é máis acusado do que a media estatal, o que podería indicar unha diminución do atractivo do noso país como destino do turismo cultural. A reforzar esta idea, entre os visitantes que chegan onda nós desde España cada vez son menos os que viaxan atraídos de xeito principal por motivos culturais. Só un 12,8% do total de turistas españois asegura ter a cultura como un dos principais obxectivos á hora de escollernos como destino, o que supón a porcentaxe máis baixa dos últimos cinco anos estudados.

Viaxes de residentes en España a Galicia, realizadas principalmente por motivos culturais

2007

2008

2009

2010

2011

2012

TOTAL (En miles)

499,8

550,1

488

577,1

536,8

491,5

% respecto ao total de viaxes por ocio, recreo ou vacacións

14,4

15,9

12,9

16,4

16,2

12,8

% respecto ao total de viaxes

5,8

6,4

5,6

7,2

7,1

6

Fonte: Ministerio de Educación, Cultura y Deporte. Encuesta de Turismo Cultural



Máis turistas internacionais con máis interese pola cultura
Fronte a esta baixada de visitantes estatais, no mesmo período rexístrase un destacado incremento de turistas internacionais. En 2012 foron 467.800 os visitantes de fóra de España. Esta cifra marca un camiño de recuperación neste tipo de público desde a importante baixada de 2010, cando se perderan 84.000 visitantes nun ano e se chegara a un mínimo de 404.700, mesmo co efecto do Ano Santo. No entanto, a cifra actual continúa moi afastada do máximo de 2007, cando se cuantificaron 634.500 visitantes. De calquera xeito, estes xiros semellan estar moi apegados á tendencia xeral do turismo a nivel estatal, que tamén viu en 2009 e 2010 descensos significativos dos que se comezou a recuperar nos anos posteriores, segundo as cifras dun xeito moito máis acelerado do en Galicia.

Indicadores das entradas de turistas internacionais que realizan actividades culturais na súa estadí­a en Galicia

2007

2008

2009

2010

2011

2012

Total (en miles)

634,5

634,4

488

404,7

426,6

467,8

Porcentaxe

2

2

1,8

1,5

1,4

1,5

% respecto ao total de entradas de turistas internacionales por ocio, recreo ou vacacións

89

98,3

119,1

130,2

102,5

80,6

% respecto ao total de entradas de turistas internacionais

61,6

68

64,1

58,7

62,3

52

Fonte: Ministerio de Educación, Cultura y Deporte. Encuesta de Turismo Cultural



Entre este público semella que o tirón cultural do noso país ten máis peso do que entre os visitantes estatais, xa que ata o 52% dos que recalan en Galicia desenvolveron actividades culturais nas súas visitas. No entanto, cómpre ter en conta que a enquisa da que xorden estes datos non inclúe preguntas pola motivación das viaxes, polo que non se pode comparar de xeito directo a cifra co interese cultural dos turistas españois.




Os gastos
Para alén de que se lles pode atribuír un maior interese pola cultura, a importancia dos turistas internacionais multiplícase ao termos en conta o gasto que realizan. Así, malia a supor algo mais da metade dos visitantes, o gasto que realizan supón nada menos que 590 millóns de euros, cun gasto medio por turista de 1.262, unha cifra que nos últimos anos está a se situar por riba da media estatal (1070 euros en 2012). Aínda que de novo debemos matizar este dato xa que na conta vai incluído tamén o custo da viaxe, que polo xeral multiplica o prezo dos desprazamentos a nivel estatal. En calquera caso, a cifra contrasta cos 142 millóns de euros (300 por viaxe) que invisten os españois na súas visitas.




Un camiño máis cultural
As rutas xacobeas continúan a ser unha das principais vías de chegada de visitantes con intereses culturais ao noso país. As cifras de peregrinos manteñen a súa tendencia ascendente nos últimos anos, con picos nos Anos Santos, e chegaron en 2012 a 192.488 persoas as que fixeron algún destes camiños. Entre estes, a motivación cultural para emprender a peregrinación e mais a mestura de elementos relixiosos e culturais gañan peso, aínda que son unha mínima parte os que inician a ruta unicamente por motivos culturais.