Editoras que son discográficas

As firmas galegas apostan pola fusión de música e literatura en tempo de crise

É época de libros-CD. A grandes editoras do país, con Galaxia á cabeza, están a amosar o seu crecente interese por un formato que protagoniza boa parte das novidades deste outono. O acceso a novos públicos, as posibilidades do formato ou mesmo a suba do IVE poden explicar esta tendencia.

Son moitos os lanzamentos editoriais que, ao longo dos últimos meses, e con especial intensidade de cara á campaña de Nadal están a apostar polo formato de libro con CD. Aínda que a unión de letras e música está presente desde hai tempo no noso panorama editorial, con traballos como os de Kalandraka, Ouvirmos ou PAI Música (especialmente arredor do proxecto Ponte... nas ondas!) como exemplos destacados, semella que neste último ano está a se verificar unha aposta de grandes firmas do noso panorama por esta fórmula. De feito, é de destacar que a aposta de Galaxia polo mercado en castelán coa colección Sueños del Gatipedro, en colaboración con Boa Music, xorde tamén neste formato. Para Francisco Castro, responsable de novos proxectos de Galaxia, "reafírmase a idea do auxe do libro-disco. É un pouco o símbolo dos tempos, cada vez fálase máis de literatura transmedia, e os máis cativos están cada vez máis afeitos a ler deste xeito, con pantallas ou con sons". No mesmo sentido, José Manuel Aldea, responsable de Ouvirmos, apunta que "é certo que existe un pequeno boom para este formato na edición galega".

Tipos de produto
A práctica totalidade dos lanzamentos recentes neste formato poden inserirse en tres categorías, nalgúns casos en máis de unha. Por unha banda, temos discos máis ou menos convencionais que adaptan poemas, neste outono con Rosalía de Castro como protagonista destacada e que acompañan o CD cunha edición deses textos. É este o caso de Na lingua que eu falo de Najla Shami, ou de Nas tardes escuras de Narf. Pola outra, temos edicións de álbums ilustrados para os máis novos nos que de novo se reproducen e contextualizan as letras das cancións, como son Cartas que veñen e van de Mamá Cabra, Pan de millo de Migallas, Os bolechas fan unha banda ou Toc Toc de Pablo Díaz, coa Rosalía pequeniña de Uxía pudendo adscribirse a este grupo e mais ao anterior. Para alén dos produtos especificamente infantís, esta opción multimedia está a se aproveitar tamén para público xuvenil con propostas como A terra queima, de Xerais. O libro, con textos de Xurxo Souto, intégrase coas cancións de Lalo Martínez, que achegan pistas e completan a historia escrita. Finalmente, están as publicacións dedicadas especificamente á música na que os CD supón un complemento ao contido ensaístico, como é a Historia da música galega de Ouvirmos, De roda en roda. Músicas e danzas do mundo ou De Voces Ceibes a Milladoiro de Antón Seoane. A clasificación complétase proxectos singulares que xorden da unión de fotografía, texto e música como é o CoraSons que editou Kalandraka.

Difusión e novos públicos
Desde Galaxia insiren a súa aposta por este formato, centrada na maior parte dos seus lanzamentos no público infantil, "nunha vontade de facer produtos editoriais que leven a lingua galega aos pequenos. Nese sentido non estamos a inventar nada ao dicir que a música é un dos grandes vehículos nese sentido. Gústanos moito ver como a rapazada canta en galego mesmo sen ser galegofalante". Fóra deste público concreto, apunta os lanzamentos de poemas musicados como un xeito de chegar a novos públicos e de difundir as nosas letras. Pola súa banda, Aldea recoñece que "teño reflexionado moito sobre como editoras convencionais chegaron a este formato, e penso que foi sobre todo porque se trata dun espazo que as discográficas deixaron libre, arrastradas pola crise no formato", explica. Nese contexto, "as editoras viron que podían chegar a un público diferente ao que non alcanzaba unicamente co libro".

IVE
Un factor que pode influír neste auxe é que o libro-CD conta cun tipo impositivo inferior ao dun disco convencional. A marxe mingua do 21 que paga a música ao 4% cando falamos dun libro, o que obviamente redunda no beneficio que pode tirar o editor. Se temos en conta que calquera obra a partir de 49 páxinas se considera libro e que no caso de obras infantís nin sequera compre chegar a esta cifra, explícase que economicamente sexa rendible transformar un libreto con letras nun pequeno libro para acompañar un disco. Malia a isto, Castro asegura que non é ese o motivo que impulsa a aposta de Galaxia. "Non temos a cuestión do IVE na cabeza, nin procuramos tampouco novos espazos de distribución. Son libro-discos pero potenciando a idea de libro. Véndense en librarías".

Libros sobre música
Fóra de cuestións puramente económicas, non hai dúbida de que este formato resulta especialmente acaído para determinado tipo de lanzamentos. Por exemplo, aquelas obras que falan precisamente de música. Tirar o volume de Antón Seoane De Voces Ceibes a Milladoiro. Unha memoria do movemento popular da canción galega 1973-1978 sen dar a opción a poder escoitar os correspondentes temas, perdería pegada. A fórmula libro sobre música con CD conta con exemplos senlleiros nos últimos anos como Berrogüetto. O pulso da terra que editou Galaxia en 2011. Do mesmo xeito, as posibilidades do formato téñense aproveitado particularmente no caso de traballos de recuperación de música tradicional e de didáctica da mesma. Destaca neste campo traballos como os que ten publicado Do Cumio sobre diferentes grupos ou os proxectos didácticos sobre danza e canto como Para cantar e bailar ou o máis recente Xogos musicais.

Veteranos
Desde Ouvirmos amosan desde hai unha década o seu interese polo potencial do libro-CD en series como A Tiracolo, centrada tamén na recuperación de grupos antigos. "Cando comezamos a traballar na restauración sonora de músicas e artistas anteriores aos anos 50 vimos que o formato CD quedaba moi curto. Para alén deses audios recuperados, había un lote de historias pequenas e grandes que había que pór a disposición da xente". Así, o libro funcionaba como un complemento que explicaba e contextualizaba o son. O formato valeulles tamén para lanzar obras vencelladas coa música dun xeito amplo como os Itinerarios Histórico-Musicais e volumes divulgativosHistoria da Música en Galicia ou a Guía didáctica de instrumentos galegos. "Nestes casos pódese dicir que é o CD o que complementa os contidos do libro", sinala Aldea. Fóra xa da música, tamén apostaron polo son a acompañar a letra coa serie Fotobiografías, cuxos volumes inclúen pistas coas voces dos protagonistas.

Futuro
Encol do futuro desta aposta, "en Ouvirmos pensamos que o CD como obxecto ten os días contados, non sei canto durará este pequeno boom", adianta Aldea. No entanto, recoñece que "o que si penso que pode ter percorrido son as edicións coidadas e especializadas que se apoien no libro e empreguen o CD como complemento, especialmente para libros musicais e edicións para nenos. Cando menos ata o de agora valeu, aínda que hai cambios ultrarrápidos neste sector". Galaxia pola súa banda anuncia o seu interese e seguir afondando por este camiño con novos lanzamentos para primavera, e considera plena a vixencia deste formato."Funcionan ben. No conxunto do Estado a literatura infantil e xuvenil é a que sostén a industria editorial, e dentro desta o álbum con música ocupa unha alta porcentaxe das vendas". Así que é de agardar que continuemos vendo este tipos de proxectos no ano que comeza.