Un paporrubio para xogar como sempre

Un proxecto escénico busca achegar os mais novos aos entretementos tradicionais

É un espectáculo de teatro. E de títeres. É un espazo para xogar. E ten cancións. Luchi Iglesias botou a andar este ano Paporrubio xogos populares, un proxecto que lle dá unha reviravolta aos entretementos da nosa tradición e amosa un xeito alternativo de llelos achegar aos máis novos.

Achegarse a unha actuación de Paporrubio Xogos Populares pode sorprender a moitos. Bonecos con formas de persoas e animais, bocois, pezas de madeira tallada, e ferros de distintas formas combínanse nun aparente caos. No medio, Luchi Fernández, o artífice dese pequeno universo, móvese como peixe na auga e leva dun recuncho a outro a un feixe de nenos e nenas engaiolados cos seus contos e piadas, cos bonecos e coas cancións.

Xogos con historias
A priori, o proxecto podería parecer simplemente un espectáculo. Pero a cuestión é que cada unha das historias que narra Luchi leva integrado un xogo que os asistentes teñen que practicar. O Paporrubio que lle dá nome ao proxecto é un pequeno boneco que actúa como mestre de cerimonias e vai introducindo cada un dos brinquedos. "É un pequeno paxaro tallado en madeira e cuns zocos que guia os participantes cada xogos, baila sobre unha táboa de madeira, e eu canto por riba unha pequena tonada relacionada co xogo". Con este procedemento, e mais co saber de actor cómico de Luchi, que integra outros bonecos ou cancións con percusión e guitarra no espectáculo, "incorpórase un elemento dramático aos xogos. Isto provoca que a xente se involucre e queira traballar por exemplo a meter os queixos na casa do rato ou salvar os porcos da matanza. Fai que os xogos pasen a ser espectáculos participativos".


O galiñeiro de Luchi

Os brinquedos
Aínda que a proposta se pode adaptar a diferentes espazos con máis ou menos elementos, "polo xeral levo 5 ou 6 xogos que se presentan coa miña participación e que eu vou abrindo e fechando, e outros tantos xa coñecidos que instalo no sitio para que os nenos vaian xogando". Entre estes últimos, clásicos como a ra, a ruleta ou a carreira das tartarugas. Entre as propostas coas que Luchi innova na nosa tradición lúdica, están "A casa do rato, que consiste nun pipo de viño no que hai que introducir unhas fichas de madeira para que se alimente o animal", representado por un boneco. "No Galiñeiro hai que turrar dunha caroza para que as galiñas se movan, coman e mesmo poñan ovos". Tirado da tradición está o Papamosca, "eran xigantes que danzaban e movían a boca. Neste xogo a xente ten que se achegar e o tocar sen que lles bata. Tamén está o do Porquiños, no que a xente ten que turrar con coidado polas cordas para salvar estes animais do San Martiño". O Cuspebolas, un cabezudo que bota esferas de cores que cómpre emparellar cos correspondentes ocos e outras das propostas que se atopan no proxecto. "Incorporei tamén o xogo das pesca, xa tradiciona, pero deille aos peixes a forma e nome propios do país. Entón, cando os participantes rematan de pescar, fago como unha poxa para contar os puntos e entón eles aprenden tamén estes nomes", explica. Aínda que un percorrido completo por estes entretementos pode levar unhas dúas horas, non é estraño que a participación nos xogos sexa máis longa. "Mesmo cando os estou montando en ocasións xa hai rapaces a xogar, e cando remato e recollo pasa o mesmo", explica.

Adaptar para hoxe
Encol dos motivos polos que apostou por este formato para divulgar o xeito tradicional de xogar, Luchi explica que "pensei que os xogos sen máis ficaban algo baleiros, e que precisaban algo que lles dese un pouco de brillo. Penso que fai falla que o xogo popular vaia variando e adaptándose á sociedade de hoxe, a uns nenos que ao mellor requiren outras cousas. Entón modestamente tentei alimentar o imaxinario da nosa cultura cos cantos e estas pequenas actuacións". E semella que acertou, xa que pola súa experiencia "os nenos quedan totalmente abducidos, metidos nese imaxinario fantasioso e soñador, e logo non queren parar de xogar. Funciona moi ben, e desde que o botei a andar comprobei que tanto en centros comerciais como na Praza de María Pita, no San Froilán, en colexios ou en pequenas aldeas, funciona igual. Estou moi contento con iso, dáme moita gande de investigar e continuar".

Construír xoguetes
Malia á complexidade do proxecto e aos múltiples elementos que integra, Paporrubio naceu na realidade como unha proposta de artesanía. "A miña idea inicial era recuperar xogos. Houbo asoicacións que viñeran a pedirme que llelos fixese, e entón aí vin un baleiro e pensei en construílos. Logo veu a idea de facer os meus propios xogos, e ver se funcionaban. E a partir de aí foise desenvolvendo o proxecto ata a súa forma actual" recoñece Luchi. As súas múltiples vertentes como artesán, actor cómico, titiriteiro ou escenógrafo acabaron integradas na súa proposta, aínda que non desbota retomar o proxecto de construír artesanalmente xogos populares. "Queda para unha segunda fase que agardo iniciar en breve", apunta.

Novos xogos
Canda a esa nova fase, o mentor de Paporrubio pretende ampliar os elementos do seu espectáculo. "Quero seguir experimentando por este camiño, reconstruír novos xogos meter máis no espectáculo. Non sei exactamente se isto é o que precisa o xogo tradicional e popular, pero paréceme interesante calquera contribución que poida facelo máis visible e darlle unha maior presenza. Se eu podo achegar un mínimo a iso estou satisfeito", explica este artesán. O Paporrubio segue a voar.