30 anos imaxinando o país (agora en vídeo)

O CCG estrea un documental sobre a súa misión e traxectoria

Nestes días, hai trinta anos, o Consello da Cultura Galega escollía ao seu primeiro presidente. A senlleira figura de Ramón Piñeiro encabezaría unha lista de altos executivos que ata agora remata no actual Presidente, Ramón Villares. Nesta produción documental dirixida por Toño Chouza, o CCG repasa a súa traxectoria, misión e futuro. Un documento esencial para entender á terceira institución do país.

Baixo a dirección de proxecto de Manuel Gago e Cristina Mouriño, que realizaron os traballos de documentación, produción e guionado previo, un equipo dirixido polo novo realizador de Boiro Toño Chouza e a dirección fotográfica de Pixi Arnoso, abordaron a tarefa de contar que é o Consello da Cultura Galega, cales son as súas raiceiras e cal é a súa visión e misión sobre a lingua e cultura galegas.

En total, son 48 minutos nos que se combinan fontes actuais e importantes persoeiros do CCG xa finados como Filgueira Valverde ou Carlos Casares. O realizador, Toño Chouza, sinala que "traballamos cunha estrutura sinxela, tentando explicar de onde vén e cara onde vai o Consello da Cultura Galega". Chouza considera que a cidadanía, polo xeral, "ten unha idea bastante básica da cultura galega. Pero as persoas teñen unha idea da cultura máis profunda do que eles mesmos cren".

O CCG apostou por Toño Chouza, un novo realizador que estes días está de actualidade porque en Cineuropa estrearase o seu documental Entreparadas. "Trátase dunha produción por encargo", sinala Chouza, "que trata sobre a inclusión social e o teatro. Seguimos a un grupo de persoas con discapacidades que se xuntaron para acudir a clases de teatro e durante dous meses prepararon microobras de autores da Xeración Nós. O importante non é a realización, senón a xente que aparece, as súas gañas de vivir e os grandes obstáculos aos que se enfrontan". Unha curta de Toño tamén foi seleccionada para o Zero Film Fest de Nova York e outros festivais internacionais e españois.

O peso dos arquivos
O documental 30 anos imaxinando o país permite ver os notables fondos que o CCG foi atesourando, ao longo destes anos, sobre a cultura e a diáspora galegas. Curiosidades como a última bandeira do Centro Galego da Habana, as coleccións de discos de pizarra editadas na emigración con música galega antes dos anos 30 ou pezas de cine son algunhas das mostras do traballo da institución. Deste xeito, repásase a traxectoria do Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia, o Arquivo Sonoro de Galicia e o Arquivo da Emigración Galega.

O documental detense tamén na relación co poder autonómico en Galicia por parte do CCG, tanto coa Xunta coma co Parlamento e outras entidades. E o documental examina tamén o futuro e nos temas que definen moita da acción dos últimos anos do CCG, como a visibilidade internacional da cultura galega e imaxe exterior do país.