Os concertos e as artes escénicas acusan a crise

A danza e o teatro levan a peor parte con ofertas que se reduciron ata a metade e só 3 anos

A crise chegou tarde aos hábitos culturais dos galegos, e déixase notar en menor medida do que no conxunto do Estado, cando menos nalgúns dos indicadores. Estas son algunhas das tendencias que se poden extraer dos datos para o noso país do Anuario de las artes escénicas, musicales y audiovisuales que presentaba a pasada semana a Sociedade Xeral de Autores e Editores (SGAE) e que recolle datos ata 2012. Repasamos os datos de concertos e artes escénicas da man do Observatorio da Cultura.

De xeito xeral, semella que oferta cultural así como a asistencia de público a concertos e espectáculos de artes escénicas resiste mellor a crise do que no conxunto do Estado, onde están a se acumular caídas acusadas nos últimos anos. A comparar gráficas, semella que no noso país esa tendencia chegou máis tarde e que os indicadores non teñen a mesma caída no que na media estatal.

Música popular
No campo dos concertos de música popular, Galicia sofre unha caída destacada ainda que o público semella manter a fidelidade de cara estes espectáculos máis do que na media estatal. Así, se no conxunto de España se verifica un descenso continuo e acusado na asistencia desde o máximo de 2008, en Galicia a liña amosa un comportamento moito máis irregular e mesmo semella moderar o descenso fronte ao brusco afundimento de público que os datos da SGAE recolleron en 2011. Así, calcúlase que no ultimo ano 1.182.888 persoas acudiron a eventos deste tipo, fronte a 1.231.976 en 2011 e nada menos que 2.203.150 en 2010, unha cifra que se pode relacionar coa celebración do Xacobeo. Débese ter en conta que estes datos deixan de lado os grandes festivais e macroconcertos.



En canto ao número de actuacións deste tipo, atopamos de novo que o noso país se incorporou á tendencia ao descenso con posterioridade á media estatal, logo do destacado incremento de recitais que se deu entre 2008 e 2010. No entanto, a curva presenta unha maior tendencia ao descenso desde entón no que o conxunto estatal, cunha perda anual de máis de 200 concertos. Así, semella que o público amosa unha certa fidelidade ante unha oferta minguante. En total, en 2012 déronse en Galicia, segundo a SGAE 5.206 concertos de música popular.



Clásica
No campo da música clásica a situación semella inversa á da popular. É dicir, mentres o descenso nas programacións é relativamente leve, é a asistencia a que mingua, e a uns niveis superiores á media estatal. En total, das 408.514 persoas que asistiron a este tipo de eventos en 2007 pasamos a só 251.485 en 2012. A programación no entanto, mantense máis ou menos estable no país fronte ao continuo descenso no contexto estatal. Aínda que os 1.221 concertos do pasado ano distan moito dos 1.811 que se programaron en 2006, a mingua atenúase a comparar a cifra cos 1.285 de 2011. O apoio público a boa parte dos recitais de música clásica, fronte a un importante compoñente privado nas programcións de músicas populares en bares e outros eventos poden explicar as diferenzas na evolución da oferta.





Danza
É na danza onde se rexistra un descenso máis dramático a nivel de funcións e tamén de espectadores, aínda que non ao mesmo ritmo. Así, mentres as funcións se afunden desde 2009, a pasar de 169 a só 91, no caso do público a gráfica é máis irregular aínda que igualmente preocupante. Os espectáculos de danza baixaron nuns 24.000 espectadores entre ese ano e 2012, ao pasar de 64.292 a 40.957, aínda que o groso do afundimento se deu en 2011 e houbo un lixeiro repunte en 2011. Ao falarmos dun sector minoritario, a situación faise especialmente grave á hora de pensar na súa supervivencia.





Teatro
Tamén se presenta como dramático o descenso en funcións teatrais que se ofertan no país. Das 2.944 que se representaron en 2009 pasamos a só 1.506 en 2012, é dicir, case a metade. Fronte a isto, os espectadores pasaron no mesmo período de 548.935 a 396.624 o pasado ano, o que amosa, malia á importante diferenza, unha certa fidelidade a esta arte dun público que atopa unha oferta moi inferior.








Chama a atención nas series da SGAE que, fronte esa acusada caída de funcións e de espectadores no teatro, a recadación sofre un descenso moito menor. O incremento no prezo das entradas motivado polo IVE do 21% a este tipo de produtos axuda a comprender esta importante diferenza. Hai menos teatro e menos xente asiste a el, pero é mais caro. Esta situación deixa en 2.367.845 os euros recadados por estes espectáculos. A nivel estatal, aínda que o descenso de recadación é mais acusado desde o máximo de 2009, esta pode ser a causa dunha certa atenuación en 2012.



O Observatorio da Cultura do Consello da Cultura Galega continuará a actualizar en vindeiras datas as informacións para Galicia do Anuario da SGAE.