A lírica desde o escenario

As propostas de poesía multimedia ao vivo afíncanse na axenda cultural galega.

Fragmento dunha actuación de <i>(Retro)visor</i>
Fragmento dunha actuación de (Retro)visor
Elementos teatrais, música, vídeo. Xa non se trata de que os poetas incorporen as novas tecnoloxías para apoiar o texto. Nos últimos tempos están a se desenvolver en Galicia diferentes iniciativas que traballan a poesía como unha posta en escena na que diferentes disciplinas se integran nun espectáculo complexo. Propostas como (Retro)visor e DandyLady están a incorporar á axenda cultural do país este xeito de entender a lírica coas súas xiras.

(Retro)visor é o título da montaxe coa que Antía Otero e Isaac Garabatos están a percorrer bares e salas do país desde a primavera deste 2013. No entanto, non estamos a falar de teatro nin de música nin de audiovisual. O título agocha unha proposta do que os seus creadores definen como “poesía expandida”, un xeito diferente de se achegar á palabra a incorporar elementos de diferentes artes. Segundo explica Otero, os asistentes a unha destas sesións atoparán “unha película en directo. Baseámonos na idea do Life Cinema de crear cinema ao vivo. Hai unha grande maqueta no escenario e unha cámara coa que vou facendo os planos e as secuencias. O texto vaise artellando a partir da imaxes e da música, todo hibridado”. Segundo explica a poeta, “non se ve o filme final, senón que se amosa como se roda a película”.

(Retro)visor //promo// from
Antía Otero on Vimeo.



Sobre o impulso que a levou a apostar pola posta en escena do que fora un poemario convencional, a autora sinala que “foi un formato que o propio texto nos foi pedindo aos poucos. O texto tiña case unha forma de monólogo, e entón comecei a lle ver a posibilidades de o levar a escena. Como ten forma de road movie, tamén lle vin o punto cinematográfico, e entón contactei con Isaac porque vin que precisaba unha banda sonora, non música de acompañamento senón unha auténtica banda sonora”. De cara ao futuro, a poeta non desbota continuar con propostas similares. “Sempre busco xeitos novos nos meus procesos e traballos. A idea inicial é seguir investigando na mesma liña, pero creo moito nos procesos e en ver onde me levan, non sei que pasará”.

DandyLady
En 2012, saía á luz Desassossego, o proxecto do dúo DandyLady, composto por Iria Pinheiro e Jesús Andrés Tejada. Segundo explica Pinheiro, a iniciativa xestouse “de xeito natural. Traballamos xuntos en espectáculos máis musicais que quixemos dar outro xeito de se achegar á poesía”. Coa sensación do desasosego como eixe e a partir do Livro do Desassossego de Fernando Pessoa, foise artellando unha proposta multimedia. “Escollemos textos de poetas que nos gustaban e que tiñan ese ingrediente”. Branca Novoneyra, Olalla Cociña, Lupe Gómez, Lucía Aldao, Sther F. Carrodeguas, Xiana Arias, Luci Romero, María Salgado e Adília Lopes están presentes no proxecto a través duns textos que en Desassossego toman forma en ocasións de poemas obxecto e que están acompañados de música específica para cada un. A nivel escenográfico, o proxecto emprega tecnoloxía dos anos setenta, xogando coa dualidade do consolo e a tensión que xera o retorno ao pasado. Cassettes, transistores, máquinas de escribir ou un proxector de diapositivas están presentes sobre o escenario. “O proxector funciona de xeito automático e coa súa cadencia vai marcándolle tamén un ritmo ao espectáculo”. A proposta adáptase a diferentes espazos e formatos, e Pinheiro apunta que “estamos a simplificar un pouco o proxecto para facilitar a mobilidade, imos quedar co esencial”.





De xeito paralelo á montaxe que levan ao vivo, DandyLady explora tamén o vídeo mediante pezas que se poden ver en liña. “É un proxecto paralelo, aínda que podemos polo un día antes de comezar o espectáculo. Trátase de contar a poesía doutro xeito, próximo á publicidade ou ao cine, e de achegarlla a outras xente”. Ademais, o web da iniciativa permite contemplar vídeos de diferentes procesos creativos do espectáculo. Segundo apunta Pinheiro, “estamos sorprendidos porque a verdade é que gusta moito. A xente ri, emociónanse e algúns ata nos mandas correos ben lindos contándonos canto lle gustou”.

Tender a man
As propostas que están actualmente de xira non son as únicas neste sentido que se teñen levado a escena no noso país. Así, a coindicir en 2009 co Día das Letras dedicado a Lois Pereiro, celebrouse a xira internacional do espectáculo Tender a man. Isaac Garabatos, Jesús Andrés Tejada, Yolanda Castaño, Branca Novoneyra e Mónica De Nut presentaban unha proposta multimedia na que a música a palabra e a danza se incorporaban arredor dos versos do homenaxeado. Tejada incorpouse despois a DandyLady e colaborou con Silvia Pernas no proxecto Cinta Adhesiva, mentres Garabatos participa en (Retro)visor e fai parte da formación Xardín Desordenado, que musica poetas galegos contemporáneos. Como se pode ver, os nomes repítense en varios destes proxectos e amosan como se está a xerar unha tendencia nas nosas letras.



O labirinto de Novoneyra
Novoneyra recuncou nesta fusión coas súas pezas Aneis e Game Over a partir do seu poemario Dentro del Laberinto. Así, no primeiro caso trátase dunha curtametraxe centrada no último poema do volume, mentres a segunda produción é un espectáculo de danza no que se percorre a totalidade das pezas presentes no libro. Segundo explica a autora e bailarina “a escrita dende o corpo e a palabra xeradora de acción son as bases das miñas pezas e poemas. Foi así dende o principio, é a esencia do meu traballo, non é unha escolla, sucede, é o único espazo onde podo crear”.





A tendencia
Para Otero “ fóra de aquí hai xa tempo que se traballa noutros formatos, é lago que se ve nos festivais de poesía. Pero penso que en Galicia non estamos nada lonxe”. Segundo asegura, “somos bastante xente que traballamos para que a poesía non sexa entendida unicamente como o papel, que non debe desaparecer, pero está por explorar as posibilidades de hibridar a poesía coas artes escénicas, a danza ou o audiovisual para un público cada vez máis ávido de cousas novas”. Coincide con ela Pinheiro, quen apunta que “aos poucos está a se asentar a poesía escénica e os videopoemas. Hai aínda pouca cousa, pero tanto a nivel galego como ibérico e europeo está a ser unha nova onda de xente que busca xeitos de contar a poesía desde unha perspectiva moi cotián”.

A poesía ao vivo
A estas súmanse aínda propostas que integran elementos escénicos ou musicais como Poetas da Hostia, dentro que aparenta ser un rexurdir da poesía ao vivo. Deste xeito, Novoneyra sinala que “hai poetas actrices, bailarinas e cantantes, tamén hai actrices e moitos músicos amantes da poesía. Parece que a poesía expandiuse fóra do papel. Nun intre onde a edición do xénero en Galicia é marxinal, os poetas publican pouco pero len e actúan en público. A poesía oral volve, as lecturas e as escenas poéticas libéranse dos espazos institucionais”. Segundo Otero “a poesía nunca estivo agochada. Si é certo que agora ao mellor aparece un grupo de xente que toma o recital doutro xeito, ven que hai aí unha opción marabillosa de comunicar co público e entón si pode haber certo movemento, aínda que penso que nunca o deixou de haber”.