Dez danzas distintas

Nova Galega de Danza fai dez anos a reinterpretar a nosa tradición coreográfica

Hai dez anos botaba a andar un proxecto singular no panorama da Danza Galega. Nova Galega de Danza apostaba pola fusión da tradición e da danza contemporánea nunha mestura inédita sobre cuxo éxito pairaba a incógnita. Hoxe, a compañía cumpre dez anos a demostrar as posibilidades da reinterpretación do saber tradicional, aplaudida pola crítica e cun importante apoio do público.

Co Ballet Galego Rei de Viana como antecedente máis achegado, Nova Galega de Danza naceu como unha proposta privada na que se lle daba unha volta máis á mestura de estilo tradicional e danza contemporánea. Tal e como lembra Jaime Pablo Díaz, o seu actual director e un dos fundadores canda a Vicente Colomer, “cando comezamos a traballar tiñamos a idea clara de recoller a tradición e reconvertela, crear a tirar dese fío, sempre desde a nosa visión e da nosa cultura. Un pouco do mesmo xeito que a danza contemporánea noutros lugares aproveitou raíces como o da danza afrocubana, pensamos que se pode facer unha danza contemporánea a partir da riqueza da nosa tradición”.

O apoio
O arriscado da proposta facía difícil prever o seu éxito, o que non arredou aos fundadores. “Cando comezamos non pensamos no público. Tiñamos a ilusión de contar algo diferente e niso foi no que nos concentramos”. Alento, a produción coa que se presentou a compañía conseguiu rapidamente un importante éxito de público e de crítica. “Daquela Xurxo Souto falou dunha lufada de aire fresco e a directora de Madrid en Danza mencionou que eramos unha compañía a seguir”, lembra o director. Esta mesma proposta quedou finalista no premio Max ao espectáculo revelación de danza. “Tivemos aceptación desde o primeiro momento, non o imaxinabamos. En todo no que pensabamos era en crear e amosar as nosas creacións, sen premios nin metas”. Tan prometedor comezo viuse refrendado co interese do público ata hoxe. “Desde o escenario a resposta que percibimos é que o público está encantado, e enchemos os teatros”.

Abrir camiños
Malia a que no seu momento a proposta foi pioneira no seu campo, Díaz recoñece que no panorama actual están a se percorrer camiños semellantes ao de Nova Galega de Danza. “É algo que se está a desenvolver moito agora. Nova Galega de Danza abriu un camiño e hai novas xeracións que están a arrincar e desenvolven este traballo. Todos estamos a seguir un mesmo camiño. Investigamos fórmulas para facer cousas novas desde a tradición”. A innovación do proxecto non naceu da nada, senón que contou con referentes noutras artes, nomeadamente na música que xa hai dez anos reinterpretaba pezas populares no noso país. “Desde o comezo fixámonos en grupos que reconvertían as pezas tradicionais con arranxos que as facían soar diferentes. Para nós foi un pouco unha visión do que queriamos facer no mundo da danza”, explica. Penso que agora todo o mundo está un pouco a investigar nese terreo”. Díaz recoñece tamén a débeda do seu proxecto cos múltiples grupos de música tradicional “que fixeron un traballo fantástico de recolleita e de traballo de campo que agora permite que nós fagamos isto”.

Estilo e evolución
Malia á existencia de novas propostas neste campo, o director do proxecto sinala que, logo de dunha década de traballo “a compañía ten xa un estilo propio non se parece a nada. Tanto aquí como fóra, identifícasenos e sábese quen somos, do mesmo xeito que se pode identificar un deseñador de moda”. No entanto, recoñece que, neste tempo, “mudaron moitas cousas, tanto a nivel musical como coreográfico. Tamén o movemento. Comezas os traballos cunha idea, pero tiras do fío e van aparecendo cousas coas que non contabas e coas que tamén vas evoluíndo”.

Crise
A crise, como non, déixase sentir tamén no traballo da compañía, e de xeito particular polas dimensións que move. “Non hai nada de nada, nótase moito a crise. O noso traballo resulta complicado para poder levar ao escenario, temos que mover dezasete persoas para o montar, incluíndo a parte técnica”. Para a xira de aniversario que están a desenvolver este outono, a compañía conta co apoio da Axencia Galega das Industrias Culturais e achegas de Estrella Galicia ou Gadis. “Hai pequenas achegas que permiten levar adiante este traballo, pero a maior contribución é a dos propios compoñentes da compañía que fan con ilusión moito traballo que non se paga”.

Celebración
Para conmemorar esta primeira década de de traballo, Nova Galega de Danza leva aos escenarios este outono Dez, unha peza que recolle fragmentos dos anteriores espectáculos. “Sobre todo pensamos nunha celebración que queriamos compartir co público. Só ata o final deste ano imos amosar a nosa traxectoria, ver todo o que a compañía medrou sobre os escenarios”. Así, coreografías que se puideron ver en Alento (2003), Engado (2006) e Tradicción (2008), intégranse nun espectáculo de dúas horas no que, segundo adianta o director, “o público vai ter moitas sensacións”. Logo da estrea os pasados 26 e 27 de setembro na Coruña e de visitar Compostela o día 15, o espectáculo continúa a súa xira con citas en Oleiros (26 de outubro), Vilagarcía (2 de novembro) o Festival Madrid Danza (16 e 17 de novembro), Narón (14 de decembro) e Ourense (21 de decembro).

Sen querer adiantar cal será o vindeiro paso da compañía, Díaz unicamente adianta que “hai moitas cousas na cabeza para desenvolver. Pretendemos seguir desmontando moito máis a nosa danza, ir procurando cousas que ao mellor pasan desapercibidas para crear a partir delas”. E con esa perspectiva inicia Nova Galega de Danza a súa segunda década.