O Vidal Bolaño máis cativo

Revisamos a produción para todos os públicos do homenaxeado no día das letras

Escena de Touporroutou (CDG/Teatro do Noroeste)
Escena de Touporroutou (CDG/Teatro do Noroeste)
Centos de escolares están a pasar estas semanas polo Salón Teatro de Santiago de Compostela. Alí asisten á representación de Touporroutou da lúa e do sol, unha das obras que vidal Bolaño escribiu a pensar nun público familiar. Non foi a única, o autor homenaxeado nas letras galegas deste ano desenvolveu de xeito consciente un importante traballo dirixido a este tipo de público.

Son varias as obras que Roberto Vidal Bolaño escribiu orientadas a todos os públicos. Antes do que traballos centrados nos máis novos, os estudosos da súa obra coinciden en sinalar que se trata de textos complexos, que as crianzas poden gozar plenamente pero que deixan a porta aberta a múltiplas interpretacións para os maiores. Así, non é de estrañar que o homenaxeado no Día das Letras preferise falar de teatro familiar antes de que teatro infantil. Eduardo Alonso, director da versión actual do Touporroutou da lúa e sol e antigo compañeiro de Bolaño en Teatro do Estaribel, sinala que “o teatro familiar, tanto o pensado para escenarios como o de rúa, é unha parte moi importante do traballo de Vidal Bolaño”. Segundo con quen falemos, o número de obras que se poden considerar “teatro familiar”, varía. “Hai cando menos catro ou cinco que son especificamente para todos os públicos, ás que se teñen que sumar tres ou catro de teatro de rúa pensadas para un público de paseantes”, explica Alonso.

Papel fundacional
O director do Centro Dramático Galego, Manuel Guede apunta que a escrita familiar do autor se concentra nun momento concreto da súa carreira, que coincide co traballo en Teatro Antroido, a partir de 1975. “Tiña imbuído unha especie de talante fundacional, a idea de que compría crear o teatro galego e abrir todas as fontes posibles de público, entre eles o infantil. Hai unha reflexión militante sobre a importancia de ir procurar os públicos, que se suma á propia estratexia empresarial da compañía de contar cun repertorio que cubrise todas as posibilidades”. No entanto, “unha vez que percibe que ese territorio está fundando, e que hai compañías que o traballan, xa non volta escribir teatro infantil”. Aínda así, o feito de que con Teatro de Aquí recuperase o Touporroutou para unha segunda montaxe amosa a consideración que lle tiña a este tipo de montaxes. “Aínda que el se encontraba máis cómodo no territorio poético da fronteira, dos arrabaldes e dos maxinados, isto non implica que non tivese querenza por estas obras”.

A rúa e a familia
Coincide en sinalar a conexión entre teatro de rúa e familiar Xosé Manuel Fernández Castro, destacado estudoso do traballo de Vidal Bolaño e un dos responsables da edición das súas Obras Completas. “Cando escribe Ladaíñas pola morte do meco, a censura considera que a obra é para maiores de determinada idade, e isto frustra a súa intención de montar a obra como teatro de rúa. A partir de entón, ten claro que precisa facer textos para todos os públicos, non a pensar especificamente no público infantil . Isto é fundamental para entendermos a etapa de Teatro Antroido, esta idea dun modelo de teatro para todo o mundo”. Así, apunta que “Xaxara (Xaxara, Peituda, Paniogas, Tarelo, o Rapaz e o Cachamón, ou como trocar en rato pequecho o meirande xigantón), o Toupourroutou e o Romance dos figos de ouro, que son as obras que a xente considera máis especificamente infantís, non se entenden sen os pór en relación co teatro de rúa. De feito hai fragmentos de textos que se repiten duns para outros, e que afondan nas mesmas claves temática que outros máis ambiciosos, todo actúa como un conxunto”.

Os temas
A nivel temático nestas obras, segundo sinala Alonso, “vese claramente unha intención moi definida que é a conexión coa cultura popular, que se ben está presente no seu teatro en xeral, é máis evidente no de rúa e no familiar. Tenta pór ao dia lendas, ditos, consellos ou historias e busca recuperar esa tradición oral e parateatral”. Segundo Fernández Castro, no traballo de Vidal Bolaño, e tamén nesta parte da súa produción “unha característica básica é que escribe de xeito consciente cousas que manteñen a súa actualidade durante un período moi amplo. Afonda en verdades moi transcendentes, de xeito que a súa análise ten relación coa época na que vive pero que tamén mantén a vida logo de moito tempo”. Así, apunta que como en “Xaxara trata un problema sobre a lingua que nos podería parecer nos anos noventa un tema superado, pero hoxe volta a ter actualidade. No Touporroutou aparece unha cosmogonía tradicional que tamén mantén a súa vixencia”. En calquera caso, o que semella claro, é que as obras continúan a ter éxito na actualidade. “Os nenos de hoxe quedan asombrados de coñecer esas lendas e eses xeitos de entender o mundo e a vida”, explica Alonso a falar do Touporroutou.

Semellanzas e diferenzas
Para Eduardo Alonso, malia á posibilidade de considerar en conxunto as obras, existen algunhas diferenzas entre as pezas máis familiares e as adultas do autor. “Dramaturxicamente están separadas. No familiar Vidal Bolaño é moito máis libre, deixa fluír máis a imaxinación o que ao tempo complica tamén a posta en escena, que se fai máis sinxela no teatro de adultos”. Vese por exemplo esta problemática no Toupourrotou, na que catro ou cinco actores deben interpretar 24 personaxes, e no que cómpre levar a escena o dioivo universal ou inferno. Malia a tratar cuestións en aparencia máis sinxelas, Fernández destaca a complexidade que existe en todos os traballos do dramaturgo. “Así como as lecturas sucesivas das súas obras amosan cada vez capas máis fondas do que pretendía transmitir, tamén nos seus traballos para público familiar se advirte esta versatilidade e poden se facer varias lecturas. Obras como Anxeliños, que son estupendas para os adolescentes, fan unha unha crítica das estruturas de poder que os adultos poden percibir pero ao mellor este público non ve”, incide.

Touporroutou
Os interesados en coñece polo miúdo algo máis das obras familiares de Vidal Bolaño teñen diferentes opcións. Por unha banda, a edición das Obras completas do autor por parte de Edicións Positivas, permite acceder directamente aos textos do autor. Pola outra, como xa comentamos, o Centro Dramático Galego ten en cartel o Touporroutou da lúa e do sol ata o vindeiro 20 de outubro. Esta coprodución con Teatro do Noroeste continuará despois unha xira que levará a obra ata o final da temporada por todo o país. Por se fose pouco, a coincidir coa celebración do Día das Letras, o Consello da Cultura publicaba na rede o facsímile de Ruada das papas e do unto, un exemplo único que permite coñecer, para alén do texto, os deseños e anotacións cos que o autor concibía as súas obras.
Facsímile da Ruada das papas e do unto.
Dosier do Touporroutou do CDG e Teatro do Noroeste.