Un todoterreo branco

O actor Carlos Blanco prepara un novo espectáculo co debuxante humorístico Luis Davila

É un auténtico traballador do espectáculo, capaz de baterse tanto en ruidosos bares como en selectos teatros e series de televisión. Pero ademáis, Carlos Blanco destaca pola súa capacidade de innovación, superando o concepto tradicional de monólogo. Nestes momentos prepara un espectáculo co humorista Luis Davila e produce o seu primeiro DVD cos mellores momentos. Falamos co artista para coñecer a súa fórmula.

“Charlie White goes to London (shows in Galician language (Arousan Cockney!!!)”, anuncia Carlos Blanco no seu web oficial. O actor arousán realizará en outubro unha xira londinense por tres locais, que alternarán as sesións de monólogos nun pub tradicional, con outros eventos máis étnicos, como unha actuación precedida dun cocido galego. O periplo londinense de Carlos Blanco quere ser o principio de viaxes á diáspora galega, pero sobre todo amosa o talante de emprendemento deste artista. “O futuro é iso. En Londres hai tantos galegos como xente en Narón, uns 40.000, e voos a cincuenta euros. A que estamos esperando? Nós somos dous”. No futuro, o actor confía viaxar a outros puntos nos que pode haber un público potencial de galegos que o queiran acoller, pero non só do país.

“Este é o momento de vender historias desde aquí, para ampliar mercado e público”, asegura Blanco, e sitúa como exemplo o feixe de webseries que neste momento están a ser producidas. E é que Internet é determinante para a actividade profesional de Carlos Blanco. Úsaa como fonte de inspiración, como forma de abrir mercados e como xeito de distribución, alén dos seus propios espectáculos. O actor comezou a producirse por si mesmo e unha das primeiras consecuencias é a edición dun DVD de grandes éxitos cos seus monólogos máis memorables. O DVD, gravado no Teatro Colón da Coruña, ten versións en galego e castelán, véndese por Internet e nos espectáculos e funciona como produto complementario das súas funcións, algo nada habitual no sector dos espectáculos en Galicia.

A fusión de ideas
A actividade de Blanco ten dous polos. Dunha banda, a dificilísima escena dos bares, onde o contacto co público non só é cara a cara, senón básicamente de ti a ti. Para os bares, Blanco reserva a súa cara máis gamberra e o humor máis directo e popular. “Pídenme maís que actúe en teatro, pero todo é máis directo, máis divertido, é como xogar unha pachanga entre amigos”. Blanco é parte desa importante colección de actores, contacontos e monologuistas galegos como Kiko Cadaval, Cándido Pazó ou Paula Carballeira que percorren a xeografía do país con estes espectáculos de pequeño formato, cultura popular e estilo de bar.
Pero hai outra cara de Blanco que o convirte nun actor singular: a súa colaboración con creadores e músicos doutras disciplinas en espectáculos concebidos para teatro polo seu maior requerimento técnico. Leva unha década xa experimentando formatos “e teño na cabeza outros vinte máis”, comenta rindo, “aquí dicimos actuar, pero o equivalente francés é jouer e o inglés é play, námbolos dous casos, xogar. Aquí se trata de xogar, de pasalo ben. O público nota á perfección cando un artista non está cómodo, ou está pasándoo mal en escena”.
Os xogos de Blanco buscan experimentar na relación entre os seus monólogos e outras disciplinas musicais, nomeadamente a música. “O máis ousado, o máis atrevido e experimental foi Dillei (2004), con Ecléctica Ensemble e DJ Keison. “Ese era un espectáculo de alto orzamento, e alí experimentei cun humor máis escuro”. O espectáculo combinaba os monólogos de Blanco con interpretacións musicais e videocreación.

Con músico guineano Manecas Costa, o actor arousán puxo en marcha Humor Negro (2008), no que “xoguei máis coa música, coa sonoridade do idioma e da africanidade”. En Ordem e Progresso (2011) explorou máis a música brasileira co grupo Sergio Tannus Trio. A súa última experiencia en tamdem foi o espectáculo iLalelo, realizado con Xosé Manuel Budiño. O gaiteiro aparcou nel a súa variante máis folk e amosou unha descoñecida cara de DJ. “Budiño experimentou máis con bases rítmicas, coa súa faceta de creador de sons”. iLalelo, actualmente en cartel, pecharase en novembro na Capitol.

No seu novo experimento recunca compartindo escenario. Trátase dun espectáculo chamado Menú do día, levado a catro mans co debuxante humorístico do Faro de Vigo Luis Davila. “Comezamos a ensaiar estes días na Illa de Arousa, e estamos coñecéndonos, facéndonos amigos, eu traballo así. A idea é que mentres eu falo, el irá debuxando, e empregaremos unha pantalla xigante a cor. Eu creo que vai ser algo nunca visto”. A colaboración entre Davila e Blanco non chegará aos escenarios ata a primavera de 2014.

Autoprodución
Nos últimos espectáculos, Carlos Blanco asumiu directamente a produción, ou sexa, o investimento económico para facelos posibles. “Ao administrarte ti mesmo, iso supón moito máis traballo, pero es ti quen dominas o teu tempo”, asegura o actor. Coa coxuntura económica existente, para o actor é inevitable ter que levar as rendas económicas do propio espectáculo. “Agora falan dos emprendedores”, di Blanco con sorna, “pero nós levamos moito tempo séndoo”.

Aínda que as dificultades orzamentarias do sector do teatro son endémicas, do que si non hai dúbida é que Carlos Blanco sabe como facelo rendibles, enchendo bares e teatros. “No ano 29, na Gran Depresión, nos Estados Unidos o que ía ver a xente ao cine eran os Irmáns Marx e outros títulos de evasión. Esta tempada, estamos todos para moi poucas coñas neste sentido. Se o público te que investir, queres que lle garantas hora e media de divertimento”.

Do que non hai dúbida é que eses vindeiros vinte espectáculos que Carlos Blanco ten aínda só na cabeza estarán cubertos por esa garantía.