Unha casa para un país

A Casa Museo de Manuel María abre as súas portas esta fin de semana

Outeiro de Rei acolle este sábado día sete a inauguración dun centro que promete achegar mudanzas á vida cultural do concello. A Fundación Manuel María abre a casa museo dedicada ao poeta chairego cun acto multitudinario que marca unha nova fase para esta entidade e para a memoria do autor.

Segundo anuncia o propio web da Fundación Manuel María de Estudos Galegos “a Casa Museo constitúe o obxectivo central” da mesma, un proxecto longamente acariñado que hoxe é posible mercé a múltiples apoios. Segundo recoñece Alberte Ansede, secretario da entidade, “Hoxe en día abrir unha institución cultural calquera é un atrevemento, para nós conseguir isto é case un pequeno milagre”.

Fondos
Acadar os fondos necesarios para adquirir e acondicionar o edificio supuxo un importante labor de contactos. “Hai apoio das institucións, das Deputacións da Coruña e de Lugo, da Consellaría de Cultura ou do Grupo de Desenvolvemento Rural 4 Terras de Lugo”. No entanto, destaca o apoio de particulares ao proxecto. “Case un terzo dos fondos veu da Asociación de Amigos da Fundación, que mes a mes foron achegando pequenas cantidades que ao final constitúen unha suma importante”. A estas súmanse pequenas achegas de máis de vinte concellos do país que participaron mediante un convenio da Federación Galega de Municipios coa Fundación. Malia á dificultade que pode supor, a priori, reunir tal cantidade de apoios, Ansede sinala que “aínda que houbo un traballo de xestión importante, poucas personalidades concitan hoxe tanta unanimidade como el. Nunca dicía que non a nada e isto agora notouse moito. Segue a ser un poeta querido e admirado, con moitos lectores e unha grande presenza nas escolas. Así que o mérito de conseguir estes apoios é do propio Manuel María”.

A casa
Para alén do seu valor como centro museístico, a casa supón un exemplo claro de arquitectura chairega, e na súa adaptación para a nova función conservouse a distribución orixinal. A principal novidade foi a transformación da antiga palleira nun auditorio. “Ten capacidade para 100 persoas, iso permítenos, ademais de organizar actos, recibir con comodidade as visitas colectivas”. O espazo está acondicionado para a proxección de audiovisuais, e a Fundación ten preparadas producións como De amor e cantería, estreada na homenaxe de 2011 ao poeta e que precisamente parte dos sonetos que o autor lle dedicara á súa casa. Canda a este, Danza do poema emocionado, un filme de 12 minutos, recibirá as visitas á casa.

Contidos
No interior, poderán verse a ampla biblioteca que reuniu Manuel María, arredor de 12.000 volumes que comprenden case todo o publicado en galego en vida do autor. Canda a isto, poderá unha colección de obras que foron agasallo para o poeta dalgúns dos principais artistas contemporáneos do país. Castelao, Seoane, Laxeiro, Díaz Pardo, Argüelles ou Torres son só algúns dos nomes que farán parte da exposición. E, por suposto, non podían faltar nunha casa museo os obxectos persoais e documentos do homenaxeado. “Haberá fotografías, audios, vídeos, e cousas como as súas coleccións de navallas, reloxos ou caxatos, todo o que teña máis a ver coa súa perspectiva persoal”.

Alén da memoria
Como indica o propio nome da Fundación, malia a que a casa vai estar centrada na figura do poeta, as actividades transcenderán con moito as dedicadas á memoria. “Nós debemos a quen nos dá nome, pero sendo fieis ao seu legado, Manuel María era unha persoa preocupada por todo cando lle podía acontecer ao ser humano e mais ao país, e poucas cousas escapan desta temática”. Así, aínda que a casa conta con ser un centro de visitas de escolares e particulares, “nós non imos estar cos brazos cruzados a agardar visitas. Queremos organizar todo tipo de actividades non só na casa senón en calquera lugar do país”.

A inauguración
Nese sentido, polo momento a entidade está centrada na inauguración do novo espazo, toda unha celebración que promete ser multitudinaria. Un xantar popular na carballeira de Santa Isabel e mais un concerto no que participarán Fuxan os Ventos, Miro Casabella, Uxía, María Manuela, Berrogüetto e Roi Casal. Ademais, haberá un recital poético a cargo de Pilar Pallarés, Luz Pozo, Miguel Anxo Fernán-Vello, Xosé Luís Méndez Ferrín, Marica Campo e Bernardino Graña. Non faltan tampouco no encontro o Mago Antón e mais Xurxo Souto. A partir de entón, a Fundación comezará a súa nova etapa. “Agora mesmo estamos esforzándonos para que a inauguración sirva para dar a coñecer a existencia deste ben, e que a partires de aí isto teña visitas. No comezo do curso escolar tentaremos facer unha boa difusión nos centros escolares e logo para inverno iremos concretando outras propostas”.

E depois
A vindeira cita da Fundación será na Coruña o vindeiro 19. O Teatro Colón acollerá entón a homenaxe anual que se lle tributa ao poeta nesta cidade. “Faremos un espectáculo no que se mesturará a maxia o audiovisual e a música” no que participarán o ilusionista Martín Camiña e mais Pilocha e María Manuela. Entre as novidades, estrearase tamén o audiovisual Andei todos os camiños, feito a partir de poemas de Manuel María. E despois, o camiño seguirá.