Preséntase o I congreso Escénika

Desenvolverase entre 9 e o 19 de setembro cunha especial dedicación a Vidal Bolaño

A Escola Superior de Arte Dramática de Vigo acollerá entre os días 9 e 19 deste mes a primeira edición de Escénika, o Congreso de Investigacións Escénicas. A iniciativa, que se presentaba esta mañá da man da propia escola e mais da Axencia Galega das Industrias Culturais, reunirá 25 relatores que distribuirán as súas intervencións en dous bloques, un de temática xeral e outro centrado exclusivamente na figura e obra de Roberto Vidal Bolaño. Co nome de Serminario Roberto Vidal Bolaño, este apartado contará con intervencións como as de Eduardo Alonso, Avelino González, Uxía Blanco, Antonio Mourelos, Laura Ponte, Roberto Pascual, Damián A. Villalaín ou Manuel Guede Oliva. No apartado xeral, contarase coa presenza de José Romera Castillo, Marcelino De Sousa Lopes ou Eduardo Pérez Rasilla entre outros especialistas na escena.