Os tesouros da Alta Limia

Un proxecto de catalogación pon na rede a riqueza patrimonial desta comarca ourensá

3/9/2013 | Redacción: Santiago. Redacción | Seccións: patrimonio
1 lecturas | Compartido 0 veces

Mapa de dispersión de poboamento romano na Alta Limia

Un catálogo exhaustivo dos bens patrimoniais da Alta Limia, xeolocalizados e dispoñibles na rede, incluíndo as súas áreas de protección e de incidencia paisaxística. Esta é a proposta do proxecto Catálogo do Patrimonio Cultural da Alta Limia, que xa está na rede logo de varios anos de traballo e que pretende ser un exemplo a exportar a outras áreas do noso país.
Un total 2.235 bens rexistrados, distribuídos en preto de 500 quilómetros cadrados. Tres anos de traballo de documentación e de investigación sobre o terreo. Realizar un rexistro exhaustivo e sistemático o patrimonio dunha comarca como é a Alta Limia non é unha tarefa sinxela. Segundo explica Xulio Rodríguez González, director do proxecto e mais do Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense, “é unha iniciativa complexa, e houbo moita xente a traballar nel durante moito tempo”. O apoio da Fundación Barrié, que financiou a iniciativa dentro da convocatoria do seu programa Patrimonio Vivo para 2006-2007 foi fundamental á hora de desenvolver o estudo. “O proxecto xorde do convencemento que cómpre outro xeito de entender os bens patrimoniais, non como algo illado senón como elementos que definen e identifican un territorio”.

Ferramenta para a planificación
Para alén de divulgar a importancia do patrimonio da zona, a proposta pretende servir como ferramenta para a planificación urbanística e servir como exemplo que exportar a outras zonas do país. “Eu fun membro da Comisión Territorial do Patrimonio Históricos de Ourense durante moitos anos. Por estas comisións pasan as obras que precisan permisos e mais as propostas de planeamento urbanístico. E aí dinme conta de que había moitas eivas nos catálogos patrimoniais que inclúen estes plans. A catalogación segue a ser a grande materia pendente da Administración e da sociedade”. Para este investigador, “a protección do patrimonio só é posible desde a lexislación urbanística e sempre partindo dunha visión global do territorio”.

Perímetros de protección
Así o proxecto “non está so enfocado ao aproveitamento a nivel de investigación, senón que conxuga isto coa aproveitamento para a protección e a rendibilidade posterior”. Con esa perspectiva, a ficha de cada ben recolle sobre o mapa a respectiva área de protección establecida pola lei. A maiores, amósanse perímetros de protección para conxuntos de bens próximos que teñen en conta factores como a contaminación visual e que permiten coñecer de xeito sinxelo as áreas afectadas polos diferentes elementos.

Achados na Limia
A elección da Alta Limia Limia como ámbito de actuación, antes do que por un especial interese patrimonial da zona, debeuse a factores xeográficos. “É unha comarca moi ben delimitada, que por suposto ten unha grande importancia patrimonial”, explica Rodríguez. O proxecto deu, como non podía ser menos, en múltiples achados. “O grande valor deste traballo é ser sistemático. Podemos dicir que non quedan elementos que non fosen ben documentados”. Dos 2.235 bens que contan con ficha “de moitos non se sabía nada”, salienta o director da iniciativa. Á hora de apuntar algún destes elementos salienta “pola súa incidencia na paisaxe, as torres, que resultan un elemento moi interesante”.
Canda a isto, no entanto, o proxecto recolle todo tipo de elementos e de épocas. Desde canastros, fornos, cruceiros ou petos de ánimas ata arquitectura relixiosa, inscricións, restos arqueolóxicos e bens mobles, pasando por elementos dos que non está claro a súa orixe ou datación. Ademais, amosa mapas que permiten verificar, a partir das investigación realizadas, a ocupación do territorio en diferentes épocas.

Exportar o modelo
Malia á complexidade que supón unha proposta como esta, Rodríguez salienta que “tentamos facer un traballo que sirva de exemplo, amosar que pode facerse”. Nese sentido salienta a importancia de “contar sempre con profesionais de distintas disciplinas”. Así, na Alta Limia actuaron arqueólogos, historiadores da arte e arquitectos que achegaron os seus respectivos coñecementos para elaborar planimetrías, recoller datos e medidas e pescudar en arquivos.

O libro
O web compleméntase cun libro, tamén editado pola Fundación Barrié no que se repasa a metodoloxía do proxecto. Ademais “repásase o espazo xeográfico, analízanse as diferentes etapas históricas e a organización territorial”. Así ten en conta procesos como o desecamento da lagoa de Antela “que mudou moito a paisaxe”, ou recolle as vías e as pontes da zona. Segundo salienta Rodríguez, con esta proposta “o molde está feito, agora habería que abrir vieiros para conseguir extrapolalo a outras zonas”.

Universo culturagalega.gal