Logo de dous anos de actividade a Federación Galega de Teatro Afeccionado consolídase como aglutinadora da escena amateur do país

O pobo do pano

O xeito de ver o teatro que temos a maioría redúcese á perspectiva que existe desde a butaca. Sen embargo, é moita a xente que opta por unha visión diferente, unha visión na que engloba as dúas caras do pano. Trátase dos afeccionados ó teatro que, organizados en diferentes grupos por todo o país, levan á escena as máis variadas historias. Na actualidade, vintedous destes grupos conforman a Federación Galega de Teatro Afeccionado, unha entidade que quere que se recoñeza o importante labor deste pobo.

Todos coñecemos algunha historia semellante. Unhas poucas persoas namoradas do teatro falan de montar unha obra, convencen a outra xente máis ou menos interesadas no xénero e nace unha montaxe. Despois dunha ou (nos mellores casos) de varias representacións, poden acontecer dúas cousas. Ou o grupo desaparece ou se mantén e se vai estructurando en sucesivas actividades e montaxes. No noso país existen arredor de cento trinta grupos de teatro rexistrados pola Xunta. Deles, vintedous están integrados desde finais do 2001 na Federación Galega de Teatro Afeccionado, una iniciativa que pretende optimizar o traballo destes grupos. Un traballo que, segundo sinala un dos promotores desta organización, é a base do teatro: “O afeccionado chega a lugares ós que non chega o teatro profesional porque emprega outros recursos e en ocasións precisa de menos infraestructuras para actuar, crea público.”




Nacer



A orixe da FEGATEA hai que buscala no grupo Metátese Teatro de Palas de Rei. Este colectivo levaba xa varios anos en contacto coa Confederación Española de Teatro Afeccionado (CETA), e en 1999, desde esta agrupación lles propuxeron botar a andar unha Federación Galega. Os de Metátese non se asustaron e puxéronse a andar, contactando con todos os grupos coñecidos en Galicia e organizando un encontro en Palas e no que reunirían a unhas cincuenta asociacións de afeccionados. Logo da primeira xuntanza fóronse elaborando uns estatutos que se aprobaron definitivamente en Compostela en xuño do 2001. A estas bases só se adheriron sete grupos dos iniciais, Metátese, Ditea, O Trasno, Aurin, Atrezzo, o Grupo da Asociación de Mulleres de Moaña e Escoitade. Desde aquela fóronse incorporando outros colectivos ata chegar ós 22 da actualidade. Segundo sinala Afonso García, delegado da FEGATEA na CETA, “se se integrasen na FEGATEA todos os grupos que asistiron ás primeiras xuntanzas en Compostela, arredor de cincuenta, seríamos a terceira maior federación do Estado”.



Sobre os grupos

A maioría dos grupos de participan na FEGATEA están compostos por unha mestura de traballadores e estudiantes, e levan xa uns cantos anos traballando. En total máis de duascentas cincuenta persoas que compatibilizan vida e teatro. O máis veterano é Ditea de Compostela, que naceu hai xa corenta e dous anos e que, coma os demais grupos, só aportou sesenta euros de cota inicial e outros sesenta cada ano para formar parte da organización. A pesar da veteranía e da constancia destes colectivos, desde a federación non ven mal os grupos que montan unha obra e desaparecen. “Hai moitos grupos da terceira idade que só representan unha vez, e nos institutos pasa o mesmo. Iso é bo porque de aí moitas veces continúa o grupo ou algunha xente que se integra noutras formacións”, sinala Afonso. Sen embargo, cre que “habería que vencer eses reductos minifundistas de grupos que se conforman con tres ou catro actuacións ou os que teñen asegurado un número de actuacións e non queren saír de aí”. Dentro da FEGATEA conviven todas as tendencias de teatro, desde a representación de textos clásicos ata os experimentos escénicos máis vangardistas. Unha mostra de todas estas tendencias poden verse nos diferentes festivais que organiza.



Un pouco de todo


O primeiro dos festivais de teatro da FEGATEA foi o Festival de Teatro Amador de Palas de Rei, organizado polo grupo Metátese Teatro. Desde que se constituíu a federación comezaron os esforzos por facer unha rede de festivais de teatro non profesional por toda Galicia. O primeiro destes intentos viu o seu froito a comezos de decembro do 2002 en Compostela, cando se celebrou o I Festival de Teatro Afeccionado Agustín Magán. Este evento, que leva o nome do falecido director de Ditea Teatro, reuniu en dúas salas da capital galega sete grupos que ían desde o texto de Plauto que puxo en escena Achádego Teatro ata a improvisación que realizan os membros de Lohengrin. A intención da FEGATEA é que os festivais amosen todas as tendencias que existen no teatro amateur actual. Despois da experiencia de Compostela, desenvolvida coa colaboración do IGAEM, queren desenvolver novos encontros nas principais cidades galegas a partir dos grupos de teatro existentes en cada unha, dándolle os nomes de figuras destacadas da escena local.



Perfeccionando a afección

Unha das principais preocupacións da FEGATEA é a organización e participación en cursos para perfeccionar a súa capacidade escénica. No pasado mes de abril un acordo co IGAEM permitiulles participar nun obradoiro de expresión oral e corporal que impartiu Eduardo Alonso. Ademais, un convenio coa Asociación de Actores, Directores e Técnicos de Escena permite ós membros da FEGATEA participar en todos os cursos organizados por estoutro colectivo coma se fosen membros do mesmo, o vindeiro será en febreiro. Tamén a colaboración coa CETA favorece os intercambios entre membros de diferentes federacións do Estado con fins formativos. As relacións exteriores dos afeccionados galegos non quedan no estado, e manteñen contacto regular coa Asociación Internacional de Teatro Afeccionado (AITA). Segundo Afonso García “o feito de sermos afeccionados non significa que non nos preocupemos de facer as cousas do mellor xeito posible”.



Doce meses para adiante

O traballo que ten por diante a FEGATEA para este ano é intenso. Para comezar está o desenvolvemento da rede de festivais que se quere rematar para este ano. Ademais, hai que seleccionar un grupo da federación para que participe no festival da CETA, e colaborar na organización deste festival e doutras actividades da confederación estatal. Entre outras tarefas, será en Galicia onde se redacte boa parte da colaboración da CETA ó Libro Branco sobre o teatro que prepara o Ministerio de Cultura. Neste texto analízase a situación e obxectivos do teatro afeccionado. A FEGATEA está tamén a analizar novos xeitos de financiamento, xa que as exiguas cotas que pagan os seus membros non abondan para cubrir os gastos da actividade do grupo. O 2003 comeza cun grande paso para os grupos amateurs de Galicia, a creación dun circuíto de actuacións estables atópase nas últimas fases de negociación, e agárdase que durante os vindeiros doce meses as vintedúas compañías de afeccionados poidan visitar boa parte da xeografía do país. O traballo foi moito para este tempo, e vanse vendo os froitos “desde que se puxo en marcha a federación houbo un incremento brutal de actuacións e de intercambio con outros grupos, e tamén de ilusión”, sinala Afonso García.