Reivindicar a sementadora

Un estudio analiza a musealización popular de ferramentas agrarias

26/8/2013 | Santiago. Redacción | Seccións: patrimoniosociedade
36 lecturas | Compartido 0 veces

ementadora de caixón metálico e de modelo descoñecido. Bertamiráns (Ames)

Desde hai ben tempo é habitual en bares, museos e casas privadas a exposición de ferramentas de labranza como obxectos decorativos. Se ata o de agora o máis común era que se amosasen instrumentos artesanais, nos últimos anos está a se producir recuperación de aparellos agrícolas de fabricación industrial como elementos decorativos. Unha investigación pioneira no seo do grupo Histagra da Universidade de Santiago indaga neste fenómeno, que ten nas casas particulares o seu principal espazo.
Musealización popular da tecnoloxía agraria da segunda onda da industrialización (1890-1940) Nas comarcas da Terra de Santiago e Xallas é o título do traballo de investigación que realizou Bruno Esperante, baixo a dirección de Lourenzo Fernández Prieto no marco do grupo Historia Agraria e Política do Mundo Rural (Histagra) da Universidade de Santiago. Segundo explica o autor “falamos de sachadoras, vesos ou arados ou sementadoras da última fase da agricultura orgánica que se colocan en casas e xardíns, moitas veces ao carón de macetas, hórreos ou potes”.

O valor simbólico
No seu traballo, Esperante visitou preto de trinta casas e realizou as correspondentes entrevistas analizando o xeito no que se amosan estas ferramentas e o interese que os seus posuidores teñen por as pór en valor. “Aínda que hai unha ampla variedade de respostas, a maior parte da xente outórgalles un especial valor a estas ferramentas, sinalan que significaron lago importante para a familia ao lles facer máis sinxelo o traballo. A través da tecnoloxía rememoran o seu propio pasado e dotan de significado a súa propia vida e situación, empregan estes aparellos como símbolos”. Dentro das pezas que atopou na súa investigación, Esperante sinala que “os máis rechamantes para min eran algúns modelos que foran feitos pola propia xente. É dicir, había aparellos con marcas da época pero tamén moitos que foran feitos por ferreiros da zona, e nalgúns casos mesmo por membros da propia familia”.

Maneiras de expor
Polo xeral, nos casos estudados, estas ferramentas son facilmente localizables xa que están expostas de xeito máis ou menos ostentoso. “Adóitanse expor na parte dianteira das casas, en lugares moi visibles dos xardíns ou en portais, aínda que tamén hai quen as ten no interior ou as pon na parte traseira da casa”, explica. Ademais, é moi común que as pezas estean coidadas ou restauradas, “polo xeral píntanse”, apunta Esperante. Deste xeito, semella que a coordenadas simbólicas na que se desenvolve este proceso de musealización non son moi diferentes daquelas que dan na musealización doutros elementos etnográficos. É dicir, unha sachadora de comezos do século XX pode equivaler, dentro da concepción popular do patrimonio, a un carro ou un arado de pau. “Equipáranse, en moitos casos vin que a tecnoloxía deste periodo mesturábase con arados de madeira e, de xeito recorrente con carros e rodas de carros, hórreos e potes”. No entanto, este proceso de valorización como elemento decorativo e histórico non chegou polo que semella ás ferramentas motorizadas que foron chegando posteriormente ao noso agro, como poden ser os tractores. “Pertencen a un período posterior, dáselles un valor diferente e o xeito no que se tratan tamén é distinto”.

Musealizadores
En canto ao perfil da xente que pon en valor así esta vella tecnoloxía, dentro das comarcas de Santiago, Barcala e Xallas, que foron as estudadas, Esperante sinala que “a maioría da xente que a musealiza xa non traballa o campo pero traballouno hai tres xeracións”. Son excepci´no as persoas que aínda traballan no agro pero que apostaron pola musealización destes elementos. “Contei dúas ou tres casas entre un total aproximado de corenta”, explica o autor. Atendendo a esta extracción agraria, polo común as ferramentas son unha herdanza familiar, aínda que tamén ai casos, como emigrantes retornados “que só traballaran o campo de pequenos” ou descendentes de familias que traballaran na restauración, que mercaban pezas para as expor. Aínda que en xeral os posuidores destes aparellos están orgullosos dos mesmos e falan deles con gusto. “Sempre é complicado chegar sen coñecer á xente e preguntar. En moitas casas pensaban que llelos quería mercar, pero en xeral contaban de boa gana sobre as pezas, o seu pasado e o tempo que lles levaba restauralas”, lembra este investigador.

Patrimonio pendente
Aínda que na súa análise verifica a consideración que se lle outorga a estes bens a nivel popular, o investigador apunta que non se consideran aínda como patrimonio, especialmente desde as institucións. “Estas pezas son como os castros cando se consideraban como canteiras para coller pedra. Ata que houbo estudos a dicir o que eran e aos explicar non se van recoñecer como patrimonio, aínda que é evidente que están aí”, sinala. “Aínda que a xente lle dá valor, esa aceptación ten que chegar á sociedade e considerarse e verse como unha nova forma patrimonial que xorde dela mesma. Nese sentido as institucións teñen que actuar para a consolidar”. Aínda que convencido de que “co tempo” estas pezas que agora adornan xardíns pasarán a ser protexidas e coidadas, pensa que aínda falta tempo ata este momento. O traballo de Esperante estará presente o vindeiro mes de setembro no I SOPA, congreso sobre a educación e a socialización do patrimonio no rural, que se celebra en Cáceres.

Universo culturagalega.gal

25/05/2015

A cultura xeolocalizada

Cada vez máis iniciativas apostan polos mapas como un xeito de visibilizar o noso legado cultural

29/09/2010

Obxectos ausentes

Só un museo de Galicia exhibe as súas coleccións en Internet

Universo

Explora o Universo

Pincha para ampliar esta historia
no seu contexto cultural galego

Escenarios
1 lugar identificados
Claves temáticas
Lugares