Olegario Sotelo Blanco é declarado "Galego Egrexio" nos Premios da Crítica

O recoñecemento da crítica

Vigo foi escenario na noite do sábado da entrega dos Premios da Crítica 2001, galardóns que concede anualmente a Fundación Premios da Crítica a aquelas iniciativas culturais que axudasen a "galeguizar Galicia" durante o ano. O xurado, composto por corenta membros destacados do mundo da cultura, recoñeceu o labor de Olegario Sotelo Blanco outorgándolle o premio de "Galego Egrexio".

Estudiando




O premio á mellor iniciativa cultural do ano recaeu na "Enciclopedia Galega Universal" (EGU) que está a publicar a editorial Ir Indo. Segundo os organizadores, "trátase dunha iniciativa imprescindible para a normalización da nosa lingua e da nosa cultura". O premio de ensaio e Pensamento recaeu en Xoán González Millán pola súa obra "Resistencia cultural e diferencia histórica", e o de investigación foi para Manuel González Gómez polo seu estudio sobre "Funcións ecolóxico-ambientais do monte en Galicia. Unha perspectiva económica", que o xurado considerou un producto novidoso.












Creando





Xosé Manuel Villanueva recibiu o premio á creación literaria pola súa novela "Adeus, India, adeus", que acada, segundo o xurado "construir un mundo literario propio entre a reflexión e a crónica". No apartado de música, o premio reaceu en Antón Corral, profesor e constructor de gaitas e fundador do Obradoiro de Instrumentos da Universidade Popular de Vigo. Pola súa banda, Antón Reixa gañou o premio de ciencias e artes da representación polo seu "espírito coma creador polivalente" e o seu traballo no audiovisual.






Peticións e dedicatorias




Durante o acto de entrega o presidente da Fundación Premios da Crítica pediulles ós xornais galegos que incrementen a porcentaxe do idioma nas súas publicacións ata un mínimo do dez por cento. Pola súa banda o Grupo de Estudios sobre a Condición da Muller Alecrín denunciou nun escrito "a minusvaloración das mulleres" nestes premios. Antón Reixa apoiou esta reivindicación ó declarar, cando recolleu o seu premio, que agardaba "ser o último home que teña o premio durante moitos anos". Pola súa banda, Olegario Sotelo Blanco manifestou o seu orgullo por ofrecer o seu traballo como empresario a Galicia e deidcou o seu premio ós galegos da emigración.