A vila da arte urbana

Creadores galegos e internacionais danse cita anualmente en DesOrdes Creativas

Ilustración do cartel de <i>DesOrdes Creativas</i> 2013
Ilustración do cartel de DesOrdes Creativas 2013
DesOrdes Creativas chega á súa sexta edición esta semana como unha cita consolidada no panorama da arte urbana galega e internacional. Creadores de primeira magnitude, moitos deles galegos, desenvolverán os seus traballos nas rúas de Ordes nunha iniciativa que está a mudar a cara desta vila e que promete continuar o seu crecemento.

Concertos, instalacións, artistas de talla internacional. A vila de Ordes acolle ao longo de toda esta semana a cita que lle está a mudar o aspecto. A sexta edición de DesOrdes Creativas comezaba onte en Ordes cunha programación ampliada e con vocación de crecemento. Entre as novidades desta xeira está a participación de creadores como Isaac Cordal ou o alemán Boris Hoppek (incorporado a última hora), que realizan instalacións e esculturas de rúa, o que leva ao evento a transcender o seu habitual formato de murais. Marcos Couso, un dos responsables da organización desde Mutante Creativo sinala que estas “son propostas algo diferentes ás que tivemos ata o de agora”. Así Cordal fai esculturas de pequeno tamaño que pinta e coloca en diferentes espazos das cidades. Hopppek, pola súa banda fai tamén esculturas e figuras inchables con plásticos. A eles súmase a proposta do madrileño 1000Ink, que xoga co mobiliario urbano e coa propia rúa nas súas instalación. Nomes de peso como Liqen, Nómada, Sekone, Escif ou Zosen fan tamén parte do elenco artístico deste ano. Canda a isto, a organización programou un ciclo audiovisual arredor da arte urbana e un concerto de fin de festa que contará con grupos como Leo e Arremecaghoná, A Magnifique Bande dos Home sen medo ou Super8, entre outros.

Financiamento social
Aínda que non se reflicte directamente no programa, unha das grandes novidades desta edición de DesOrdes Creativas é o feito de que por vez primeira o evento recorreu á fórmula do crowdfunding para buscar financiamento. Segundo aseguran desde a organización, a aposta non resposta a unha diminución de fondos, senón ao interese por medrar e mellorar as condicións dos participantes. E é que os artistas que se achegan cada ano non cobran máis que as dietas e os gastos de material e aloxamento. Segundo lembra Couso, “non é algo que fose necesario unicamente este ano. Xa en edicións anteriores cumpría un financiamento maior do que achegaba o concello, nunca houbo suficiente para financiar todo”. Desde Mutante Creativo e Cultivarte, o outro colectivo que organiza o evento, levan xa anos buscando fontes que complementen os orzamentos como rifas, venda de merchandising e outras actividades. “O noso obxectivo é que o festival sexa cada ano o máis autosuficiente posible e que a propia xente que o apoiamos sexamos os donos, sen depender de que o Concello ou outra entidade o financie”. Os máis de 3.000 euros recadados, aínda que supoñen unha achega importante que a organización agradece, son tamén unha pequena porcentaxe respecto á poboación de Ordes. “Fomos algo máis de 120 persoas as que puxemos algo, pero en en Ordes hai 15.000 habitantes. Temos que intentar para o ano conseguirmos máis apoios, que suporán máis autosuficiencia para o festival e permitirannos contar con mellores medios para que os artistas que veñan teñan tamén unhas condicións minimamente decentes”.

Os murais
Malia á novidades, os murais mantéñense como o principal sinal de identidade deste evento. As cinco edicións xa realizadas deixaron en Ordes unha trintena destas creacións de grande tamaño, realizadas por preto de corenta artistas e que adornan espazos no seu día abandonados. Deste xeito o evento, fóra de mobilizar a axenda cultural local durante o verán, deixa tamén un pouso permanente na vila. “Cada vez está máis asentado. Os veciños vanse dando conta que se están a facer cousas serias, traballos de grande envergadura e de moita calidade”, explica Couso. “Cada ano gústalles máis e séntense máis partícipes e mesmo orgullosos. En xeral a sociedade está a acoller ben o festival”, lembra. Non se pode esquecer que as obras do DesOrdes Creativas exercen un labor de rehabilitación de paisaxes urbanas degradadas. “Actúase moito, aínda que non sempre, en lugares deprimidos e en deterioro. Fachadas de tixolo á vista ou espazos en mal estado convértense en paredes cheas de cor e que transmiten unha mensaxe e establecen unha relación de diálogo entre o artista e o viandante”.

Reivindicar a rúa
Precisamente procurar este diálogo é a base da filosofía do festival. “Para nós ese é un dos motivos principais para organizar isto, reivindicar o dereito a empregar o espazo público de xeito activo para nos comunicar uns con outros e non unicamente como un lugar para vender un produto mediante a publicidade”, explica Couso. Para alén do impacto local, o festival conseguiu ao longo da súa existencia consolidarse a nivel internacional como unha cita de importancia para a arte urbana. Publicacións especializadas neste ámbito teñen recollido a práctica totalidade das obras que se teñen feito en Ordes, conseguindo un importante seguimento. “Isto pon Ordes no mapa, a nós parécenos importante que se difunda polo mundo este evento e non quede só para a xente que se poida achegar”.

O panorama galego
Desde a organización, sinalan a calidade do traballo que se está a facer na arte de rúa desde o noso país. “Sempre nos pareceu que en Galicia hai unha canteira con moito talento e xente moi boa, e nó tentamos apoiala”, lembra Couso. Para alén da difusión, o festival permítelle a moitos artistas abordar traballos en formatos para os que en ocasións non terían medios por si mesmos. “Tentamos achegarlles unha infraestrutura en condicións para poder traballar en grande formato”, explica. Deste xeito, sempre hai unha alta porcentaxe de galegos no programa. Nomes como Liqen ou Isaac Cordal, convidados nesta edición ou o celebérrimo Nano4814 son algúns dos consagrados fóra das nosas fronteiras. Dentro dun panorama dinámico, os responsables do DesOrdes non localizan tendencias claras entre os creadores galegos deste ámbito. “Cada un ten as súas influencias e traballa en diferentes campos ou estilos. O que si pode verse a nivel internacional e tamén en Galicia é que nos últimos anos a xente está a deixar máis de lado o emprego do spray e volta a empregar técnicas como a pintura plástica, o rolo, as brochas ou os pinceis. Aí hai tamén motivos tanto económicos como prácticos xa que resulta máis barato e é máis rápido para cubrir grandes áreas” advirte Couso.

Futuros
De cara ao futuro, o festival prevé continuar a súa expansión de formatos e de espazos. “Estamos a estudar como se pode intervir sobre os laterais de edificios cubertos con uralita, que resulta unha superficie complicada pola ondulación pero que hai moitísimos en ordes”, adianta Couso. Ademais, “queremos que o festival vaia a maiores e que integrar outras formas de expresión. Ás veces resulta complicado pola loxística, xa que non é o mesmo o material para os murais do que o que se precisa para algunhas instalacións, pero o noso obxectivo é conseguir máis medios, ter máis capacidade de actuación e ir introducindo outras cousas”. Os interesados en coñecer como está a ser a edición deste ano, só teñen que se achegar a Ordes ata o vindeiro domingo 28.

Galería: Artistas galegos en <i>DesOrdes Creativas</i> 2013

Galería: Artistas galegos en DesOrdes Creativas 2013

Mandarina chicharra, metamorphosis. Liqen. Acrílico sobre parede, Dunwich,Londres.Mayo 2013 Fonte: Web de Liqen

<i>Nas!&Nómada</i>. Nas!

Nas!&Nómada. Nas!

Fonte: Flickr de Nas!

Obra da serie <i>Cement Eclipses</i>. Isaac Cordal. Nantes, Francia.

Obra da serie Cement Eclipses. Isaac Cordal. Nantes, Francia.

Fonte: Web de Isaac Cordal

Traballo de Sekone.

Traballo de Sekone.

Fonte: Blog de Sekone

Mural de Nana no <i>DesOrdes Creativas</i> de 2012

Mural de Nana no DesOrdes Creativas de 2012

Fonte: Blog de Nana

<i>Ballena</i>. Peri. Cangas, 2010

Ballena. Peri. Cangas, 2010

Fonte: Blog de Peri

<i>Cores vs Gomas</i>. Mou e Sokram. <i>DesOrdes Creativas</i> 2012

Cores vs Gomas. Mou e Sokram. DesOrdes Creativas 2012