Comeza a andar a Fundación Torrente Ballester catro anos despois do pasamento do escritor

Torrente de historias

O número 7 da Rúa do Vilar, en Santiago, leva a partir do luns o nome de Gonzalo Torrente Ballester (Ferrol, 1912- Salamanca, 1999). Será entón cando se inaugure a fundación que leva o seu nome e que terá como obxectivo difundir e promover a súa obra e figura. Pero non todo foi un camiño de rosas, atrás quedan os continuos adiamentos ó proxecto, os problemas xudiciais polo herdo, a presunta desaparición dos fondos e a busca dunha sede.

Foi o propio Torrente o que acariñou e madurou a idea de poñer en marcha unha fundación que levase o seu nome, para gardar e difundir o seu patrimonio literario. Aínda en vida, o escritor ferrolán subscribiu un convenio coa Xunta, a Deputación da Coruña, o Concello de Santiago e a Universidade polo que cedía o seu arquivo persoal e biblioteca a Compostela. Unha cidade na que viviu e coa que mantiña fondas raizames persoais e literarias.



Coa morte do principal defensor da Fundación, as cousas diminuíron o seu ritmo. A creación dunha sede adiouse constantemente e os seus fillos iniciaron unha disputa xudicial entre si polo herdo, que dura xa dous anos.



Arquivo e legado da fundación


O arquivo e o legado que a Fundación Torrente albergará é de dous tipos. Por unha parte, está o arquivo persoal que estivo sen catalogar ata finais do 2001. Pola outra, está a achega bibliográfica que foi catalogada en 1997 polo propio escritor. Trátase dun conxunto de 11.000 títulos e que, segundo un fillo do escritor, foi visado por un técnico da Biblioteca Nacional e remitido á Xunta de Galicia.



En total, os fondos cos que contará a fundación son 11.000 títulos e 12.000 volumes entre libros e revistas. E aquí entran os problemas xudiciais entre os fillos do primeiro e segundo matrimonio do escritor. A día de hoxe non están feitas as particións testamentarias, aínda que a viúva do escritor goza da administración cautelar dos fondos. Foi en virtude disto polo que se fixo o traslado desde a súa residencia de Salamanca ata Santiago. Un traslado que efectuaron membros da Universidade compostelá.



Organigrama e obxectivo


O consorcio de Santiago asumiu a rehabilitación do edificio que tivo un custo de 601.000 euros. Unha rehabilitación que estivo lista en marzo de 2001, aínda que boa parte dos fondos chegaron case un ano despois.


A Fundación está xestionada por un Padroado que preside a viúva e segunda muller de Torrente, sendo rexente Carlos Mella e directora cultural Carmen Becerra. Forman parte da mesma, o conselleiro de cultura, o alcalde de Santiago, o presidente da Deputación, os fillos Álvaro, José Miguel, Francisca e Javier Torrente Malvido, a súa sobriña, Isabel Torrente; o presidente do Consello da Cultura Galega, Alfonso Zulueta; o director da Academia de Belas Artes de San Fernando, César Antonio Molina e a restauradora Adelaida Bermúdez.



Aínda que os principais obxectivos da fundación son a custodia e difusión dos fondos de Torrente, facilitando o traballo a afeccionados e investigadores, existen tamén uns obxectivos máis amplos. E son os de servir de foro cultural aberto á literatura e a outras actividades artísticas.

O luns a fundación abrirá a súas portas nun acto breve no que participarán os Reis de España, os presidentes das Real Academia Española e Galega, García de la Concha e Barreiro Fernández, o premio Nobel José Saramago, a ministra de Cultura. Trala apertura comezará o programa de actividades previsto que se iniciará amosando o legado persoal e literario do escritor. Unha exposición que conta cunha escolma de fotos familiares, primeiras edicións dos seus libros e algún dos obxectos que lle acompañaron durante boa parte da súa vida.


Outras homenaxes a Torrente

A cidade Natal de Torrente non quixo desaproveitar estas singulares datas nas que se cumpre o cuarto cabodano do escritor para honrar a súa memoria. E fíxoo dun xeito dobre: cun congreso e coa inauguración dun camiño que segue as pegadas do escritor a través da súa literatura. O Congreso iniciado onte leva por titulo "De Javier Mariño (1943) a La Boda de Chon Recalde (1995): cincuenta anos de búsqueda literaria”. Tres días nos que críticos, escritores e expertos en literatura afondarán na súa literatura e na reinterpretación das súas obras. E foi tamén a partir delas e das súas señas biográficas polas que o Concello de Ferrol puxo en marcha un camiño cultural seguindo ó seu cidadán máis ilustre.


Ademais, o domingo pasado a compañía Ad Libitum, quixo aportar o seu gran de area ó estrear no auditorio ferrolá “O señor das palabras”, unha dramatización das escenas da vida cotiá baseadas nos recordos de infancia que Torrente reflectiu na súa obra “Dafne y ensueños”.