O cine muda

A dixitalización e a suba do IVE lastran a supervivencia dos cinemas galegos

Dispersión, dixitalización, distribución, a suba do IVE, piratería, a mellora dos equipos domésticos………son moitas as variables nunha ecuación que ten un único resultado: o cinema tradicional agoniza. Non son os espazos históricos, aqueles dunha única pantalla os que colgan o cartel de pechados, senón os multisalas con varias pantallas, algúns mesmo de recente creación. O seu peche deixa a oferta cinematográfica en mans de complexos cinematográficos vencellados a salas comerciais e ás grandes distribuidoras.

Hai varias semanas Cinebox, a única empresa de exhibición cinematográfica de Pontevedra, pechaba as súas portas. Con eles, íase a única posibilidade de ver cine na cidade. A oferta noutras ciudades non é mellor, os cines Valle Inclán de Santiago cumpren hoxe o seu segundo día pechados logo de trinta anos de traballo ininterrompidos. E acábase de engadir Ourense, cuxos cinemas están á venda tras entrar en liquidación a empresa que os xestionaba Ábaco-Cinebox. De momento so cinema están abertos mentres se busca un novo propietario que, de non chegar, serán xa dúas as capitais de provincia galega sen oferta cinematográfica.

As cifras das salas
Non é unha sorpresa, o peche de cinema e de salas é unha constante nos últimos anos.

O Observatorio da Cultura Galega, que toma os seus datos do Ministerio de Cultura e Educación, constata ese descenso. Tanto nos cinemas:


Como nas salas:



A proliferación dos centros comerciais con salas multipantalla serviu para amortiguar a caída, pero ao final acabou acelerando o peche dos complexos.
Con todo, a asistencia cinematográfica tamén decaeu. Segundo esta mesma fonte, tamén descendeu o número de veces que iamos ao cine. Se no ano 2000 a asistencia media era de 2 veces por persoa, no 2010 esa cifra baixou ata o 1.4 veces.



A dixitalización: a gran batalla
É unha das grandes eivas da exhibición cinematográfica, a conversión dos cinemas analóxicos en dixitais. E fundamental porque co cambio dos sistemas nas rodaxes e no catálogo cinematográfico que se lle oferta ás exhibidoras é unha transformación obrigatoria. É a administración non está de costas a esta iniciativa, xa que unha das prioridades do goberno, no marco da Conferencia Sectorial sobre Cultura hai un grupo de traballo especializado na dixitalización.

Ata o ano 2003 a Xunta de Galicia, tiña unha liña de axudas aberta para a dixitalización de salas de cine por importe de 30.000 euros (ata 2000 a contía era de 60.000). Unha liña que desapareceu e que agora asume o Ministerio e para o que neste ano 2013 destina a este fin, no marco dunha liña de financiamento ICO Empresas e Emprendedores 2013, por improte de 100.000 euros, pero que está moi lonxe dos tres millóns que en 2011 anunciara a daquela ministra de Cultura, Ángeles González Sinde.

O cambio do cómputo
Internet, as proxeccións cinematográficas diferentes de salas… a oferta audiovisual é moito máis ampla agora do que nunca. Con todo, iso non se reflectaba nas estatísticas. O primeiro paso deuse en 2011 o audiovisual adaptouse á forma na que se exhibía e o visionado remunerado dun filme a través de Internet comezou a contar como espectadores oficiais do Instituto de Cinematografía e Artes Audiovisuais. E, polo tanto con validez no cómputo establecido no acceso ás axudas estatais para a amortización de longametraxes. Así figura na Orde Ministerial que complementaba a polémica Lei do Cine de 2007 que revisa e actualiza os procedementos para a acreditación e certificación doutras formas de visionados (internet, soportes físicos e accesos a festivais e certames remunerados).

Nese mesmo sentido, o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, acaba de facer público que nos vindeiros meses se poñerá en marcha unha rede propia de exhibición cinematográfica para cinema galego. Esta rede tamén terá carácter oficial no cómputo do ICAA e, polo tanto, nas axudas a amortización.