O Bipolar Fest reúne 40 grupos na Coruña

Os eventos Arteficial e DesOrdes Creativas recorren ao Crowdfunding para se financiar

Como anticipo das celebracións de San Xoán, o Concello da Coruña acaba de presentar o Bipolar Fest. Este evento, organizado por Jacobo Paz e Dos Mundos, reunirá no parque de Santa Margarida 40 grupos de diferentes estilos e procedentes na súa maioría da Coruña os días 21 e 22 deste mes. A iniciativa inclúe marioritariamente conxunto de Paz & Records, con actuacións como as de 11007, Kabo Norte Squad, Forni, Yul, Ámbito Kinioth ou Arte en Tinta, entre outros.

Mentres, outros festivais buscan apoio do público para garantir a súa continuidade. É o caso do festival Arteficial de Ribadavia. Con Guerrera, Austin TV, Betunizer e Hexania confirmados para o seu cartel, a redución de apoios públicos fan que a organización solicite aos interesados un total de 2.000 euros mediante a plataforma Verkami para garantir que se celebre a sétima edición do evento.

En paralelo, tamén DesOrdes Creativas, o festival de arte urbana de Ordes, solicita apoio popular para completar a súa vindeira edición. Un total de 3.000 euros para cubrir gastos de materiais, desprazamentos e outras necesidades dun evento que conta con 10 artistas urbanos que realizarán murais na vila, ademais de proxeccións audiovisuais, obradoiros e outras actividades.