Cultura para as factorías (I): Mobles e barcos

Barcos e mobles aproveitan os coñecementos tradicionais para innovar

Tripulación dos Estaleiros Triñanes. Foto: culturamaritima.org
Tripulación dos Estaleiros Triñanes. Foto: culturamaritima.org
Aproveitar a nosa tradición para conseguir innovación e orixinalidade na industria. Esta é a proposta de base coa que Isaac Díaz Pardo e Luís Seoane iniciaron o grupo Sargadelos. A seguir este exemplo o Museo do Pobo recolleu esta fin de semana, no I Foro Isaac Díaz Pardo Empresa e Cultura, varias iniciativas que percorren este ronsel na actualidade. Repasamos o xeito no que a nosa cultura pode se aproveitar para conseguir produtos de calidade nunha serie de dous reportaxes. O mobiliario e a construción naval protagonizan este primeiro.

O pasado sábado, o Museo do Pobo acollía a primeira xeira do foro Foro Isaac Díaz Pardo Empresa Cultura. Alí se presentaban catro iniciativas que se desenvolven no noso país e que amosan as posibilidades de partir da nosa cultura, da tradicións e das particularidades galegas, para desenvolver produtos de carácter industrial en diferentes ámbitos.

Mobles da Ría
As formas das Rías Baixas inspiran o traballo de Juan Ares desde o Barbanza no campo do interiorismo e mais do deseño industrial. As formas dun norai, unha nasa, os anzois ou mesmo unha nécora transfórmanse en pufs, lámpadas ou unha mesa. “A colección é unha serie de prototipos de mobiliario que aposta pola calidade e teñen como un valor engadido conceptual o feito de traballar con tradicións e xeitos de traballar que están a quedar en desuso”.
A aposta de Ares vai para alén da inspiración para o deseño e implica tamén os materiais da obra, e mesmo á hora de buscar artesáns e fábricas que plasmen o seu traballo preocúpase de botar mans dos recursos máis próximos. “Hai tamén un valor engadido da reciclaxe, empregamos elementos como cunchas mariñas para texturas. Tamén aproveitamos redes de pesca que xa non están en uso e que quedarían como lixo para facer pufs ou lámpadas. Mesmo a madeira de eucalipto que se emprega para as bateas e que, logo de tratada, reutilizamos para o interior dalgúns mobles”. A nivel de realización, “conto con carpinteiros, ebanistas e mesmo redeiras da zona, que fan que o produto sexa totalmente galego”.

A aposta de Ares conseguiu un amplo recoñecemento en medios especializados en deseño e en mobles e foi galardoada na feira Nude de Valencia, especializada nestas cuestións. Pendente de ampliar con novas propostas, está previsto que os deseños deste deseñador se comercialicen entre finais deste ano e comezos de 2014. “Quedei bastante sorprendido coa aceptación que tivemos en medios profesionais.

Para este deseñador, as posibilidades da nosa cultura de cara á industria non se dá por igual en todos os ámbitos. “A innovación non ten por qué menosprezar o coñecemento e o saber facer tradicional. Existen mercados e sectores particularmente onde se valora enormemente a artesanía e mesmo a produción case numerada dunha peza. Esa artesanía pode aplicarse en ámbitos como a moda ou a cerámica facilmente.

Barcos competitivos
Nos Estaleiros Triñanes, recoñecidos construtores de embarcacións tradicionais, a inspiración é directa. Esa empresa reutiliza o deseño tradicional do racú para construír unha embarcación destinada ao ocio. “Tentamos reutilizar algunhas tipoloxías antigas e coñecidas para actividades de recreo. Hai formas de embarcacións que se empregaban para a pesca preciosas”, explica Xerardo Triñanes desde esta empresa. No caso concreto da súa adaptación do racú, “investigamos os últimos exemplos desta embarcación que quedaban en Galicia e mesmo na costa cantábrica. Era un barco semellante á traíña pero máis pequeno e que se empregaba como apoio a esta embarcación. Naceu para se empregar con remos pero adaptouse perfectamente para a vela e mesmo para o motor”. Logo de analizar as formas, “tratámolas cun ordenador, alisámolas un pouco e obtivemos unha forma estupenda para unha embarcación de recreo”.

Malia ao emprego da tecnoloxía, a fabricación deste racús segue sistemas artesanos, de xeito que o coñecemento tradición vai para alén do produto en si e chega ao proceso polo que se crea. A crise económica impediu polo momento que houbese encargas específicas deste tipo de embarcación. “É un proxecto de futuro, pensamos que cando recupere un pouco a economía esta é unha proposta novidosa e boa. En toda Europa está a se aprezar unha náutica de recreo sustentable. A madeira non contamida, é un recurso endóxeno e non consume moita enerxía na súa produción. O problema que tiña, que era o mantemento desaparece coa apliación das novas resias epoxy ou a utilización de madeira laminada”.

Triñanes considera que as posibilidades de aproveitamento de recursos culturais para a industria “é evidente”, aínda que recoñece que “hai que ver qué tipo de industria e qué produtos artesáns teñen sentido produtivo e comercial. Non podemos facer de novo carros de vacas para cultivar só por mantermos a tradición”. Nese sentido, o seu sector é especialmente axeitado para estas sinerxías. “No caso do mar, empregando antigos xeitos de traballar podemos facer barcos totalmente competitivos e moitos máis ecolóxicos”.

Galería: Rias Baixas, Prototypes de Juan Ares

Galería: Rias Baixas, Prototypes de Juan Ares

Puf NorayFonte: Juan Ares

Lámpada anzol. Juan Ares.

Lámpada anzol. Juan Ares.

Lámpada Nasa. Juan Ares.

Lámpada Nasa. Juan Ares.

Mesa Nécora sen caixón. Juan Ares.

Mesa Nécora sen caixón. Juan Ares.

Lámpada Poliquetus. Juan Ares.

Lámpada Poliquetus. Juan Ares.