Transformar a nave en casa

O proxecto Casa Tomada recupera un almacén ferroviario desde a cultura de base

Este verán A Coruña contará cun novo centro cultural. Un antigo almacén ferroviario abrirá as súas portas como Casa tomada, un proxecto nado do asociacionismo de base que quere achegar un xeito diferente de se relacionar coa cultura e facilitar un espazo de calidade á rede sociocultural que xa existe na cidade.

Pódese dicir que A Casa Tomada é un proxecto exprés. Desde se descubriu a dispoñibilidade do espazo ata a inauguración, prevista para finais de xullo, pasaron apenas 5 meses. “Todo comezou cando Carolina, unha compañeira da asociación que estaba a buscar un espazo para outra iniciativa, descubriu a nave. Polo estado no que se atopaba, o espazo non se axeitaba ao que eles precisaban, pero pensou que se podía aproveitar. Comentoullo a Óscar e foise sumando xente que viron que se podía botar a andar algo e as necesidade do sitio”, explica David Paz, un dos responsables de comunicación da iniciativa.

As obras
O espazo en cuestión é un antigo almacén ferroviario situado na estación da Coruña e que, malia a presentar unha estrutura sólida, estaba necesitado de importantes traballos de acondicionamento. Chan, xanelas, fiestras, melloras nos accesos, seguridade e servizos como zona de lectura, espazos para xogos ou aparcadoiro de bicicletas son algunhas das necesidades que apuntan os responsables do proxecto. Ademais, a recuperación busca ser sustentable e aposta por materiais de refugallo ou reciclables para se desenvolver.

O alugueiro
O proxecto desenvólvese co permiso de Adif, empresa responsable das infraestruturas ferroviarias, que cobra un alugueiro pola cesión da nave. Nas negociacións para abordar a transformación do espazo “contamos co apoio de Manuel Romeu, que se encarga deste tema na estación da Coruña. Considera que para a propia estación vai ser interesante contar cun espazo cultural nunha nave rehabilitada, e facilitounos moito o labor, aínda que houbo que facer moitas xestións burocráticas”, lembra Paz. Logo disto, e de adiantar o depósito e o pago do alugueiro por un ano, un total de 2.000 euros, comezaron os traballos de recuperación propiamente ditos. Para alén das achegas do socios, a proposta conseguiu un crédito da Cooperativa O Peto, centrada en proxectos sustentables de microfinanciamento dentro dos parámetros de banca ética.

O crowdfunding
A maiores destes fondos, estes días, a Casa Tomada está a piques de rematar unha iniciativa de crowdfunding para conseguir fondos que permitan rematar a rehabilitación. No día en que remata o prazo para realizar achegas, o proxecto superou con creces os 3.000 euros que solicitaba ao sumar máis de 4.600 euros. “Todo o que consigamos benvido sexa. Temos moi orzamentado todo e sabemos exactamente para que irá cada euro, que será integramente para a rehabilitación. Nós somos unha asociación sen ánimo de lucro, e mesmo tivemos que adiantar cartos para botar a andar o proxecto. Cando máis consigamos, mellor tentaremos deixar o lugar”, explica Paz.

Aproveitar perfís profesionais
Na actualidade, a asociación promotora do proxecto conta cun núcleo dunhas doce persoas que están a traballar a bo ritmo para conseguir crear este novo espazo cultural. A variedade de perfís implicados na iniciativa está a lles facilitar en boa medida o traballo, segundo recoñece David. “Carolina é arquitecta, temos deseñadores gráficos ou electricistas. Aínda que todos apañamos o martelo e imos tirando para adiante mesmo sen ter moita idea, contar con profesionais como estes facilita moito o traballo e reduce os custos. Por exemplo, puidemos pór toda a instalación eléctrica nova grazas a un compañeiro que se dedica a iso. Logo outra xente colabora levando a comunicación ou as redes sociais”, apunta. Contables, cineastas, profesores ou músicos son outros perfís que fan parte do elenco do colectivo e que contribúen cos seus coñecementos ao proxecto.

As instalacións
O edificio, unha vez acondicionado, ofertará un espazo de 100 metros cadrados para actuacións, obradoiros, proxeccións ou calquera outra actividade. Canda a isto, instalarase unha pequena oficina para a asociación e unha área de camerinos. Segundo explica Paz, “estamos a pensar se deixar o espazo central totalmente diáfano ou buscar algunha división que facilite as actuacións. En todo caso queremos que fique o máis aberto posible, evitando barreiras que poidan limitar o seu emprego”. Nese sentido, por exemplo, exclúen a instalación de barras para servir bebidas. “Queremos que todo sexa móbil e que flúa segundo as necesidades. Non buscamos unha sala de concertos ao uso, preferimos que a xente sinta que é algo diferente. Ao mellor que poidan servirse eles mesmos unha infusión ou unha bebida sen que faga falla que estea alguén a servir”.

Contribución á rede
No lugar de buscar un oco específico de programación na Coruña, o novo centro nace coa perspectiva e colaborar e complementar propostas xa existentes. “Para nós é unha oportunidade de participar na rede sociocultural que existe na cidade. Hai moitas iniciativas e pensamos que con isto abrimos novas opcións para facer cousas. Contamos cun espazo que iniciativas como Manicómicos ou La Tuerka 27 non teñen, e entón queremos facilitalo para que se poidan facer cousas de calidade. Tamén contactamos con Extramuros, unha proposta de arte e danza que está moi preto do local e estamos a ver que van saíndo conexións que poden dar en moitas cousas”. En xeral, segundo recoñecen “estamos a atopar unha recepción moi positiva ao proxecto”.

Programación
Con esta perspectiva, A Casa Tomada acollerá propostas de música, artes escénicas, cine, obradoiros e actividades para familias. “Estamos organizados por áreas, e a priori daremos cabida a todo tipo de cousas, sempre tendo en conta o criterio de cada responsable, pero o abano non se vai fechar”. Como un denominador fundamental está a intención conseguir actividades cun custo económico o máis axustado posible. “Como consumidores que somos sabemos que o condicionante económico é importante á hora de acceder á programación cultural”, recoñece o responsable de comunicación da iniciativa. Isto limitará, como non, as posibilidades á hora de programar. “En principio non poderemos contar con grupos ou compañías de moito caché, pero queremos tamén que os artistas veñan porque vexan que aquí hai un valor engadido e que se oferta un espazo de calidade. Entón que ao mellor poidan sacrificar un pouco o factor económico polo apoio a un traballo con outra perspectiva”.

Inspiracións
A proposta non xorde da nada, senón que conta con antecedentes claros que inspiraron os promotores. “Hai proxectos nesta liña que nos inspiraron. Por exemplo en Berlín, Barcelona ou Portugal coñecemos iniciativas semellantes de recuperación de espazos urbanos abandonados”. Mesmo a nivel galego recoñecen referentes. “Algúns dos que estamos no proxecto participamos tamén co Liceo Mutante de Pontevedra, que pode considerarse unha fonte de inspiración”, explica Paz.
Coa inauguración prevista para finais do vindeiro mes de xullo, e un intenso traballo por diante, desde a asociación teñen previsto organizar unha festa de preinauguración para a xente que contribuíu no crowdfunding. E partir de aí, a Casa abre as súas portas.