Castiñeiros e cadeas

O premio Xerais aposta pola innovación e o Merlín inaugura unha prometedora carreira

Xabier López e Antonio Fraga
Xabier López e Antonio Fraga
Unha obra pouco convencional como é Cadeas impúxose na XXX Edición dos Premios Xerais de Novela, que se entregaron na noite do pasado sábado na Illa de San Simón. Canda a este, deuse a coñecer tamén o XXVIII Premio Merlín de Narrativa que foi para Antonio Manuel Fraga Allegue pola súa primeira obra, O castañeiro de abril. Coñecemos un pouco máis os galardoados e as súas obras.

O Xerais
O gañador do premio Xerais deste ano non é novo no mundo das letras. Xabier López López leva xa desde 1999 presente nos andeis cunha ducia de títulos, os máis recentes Cando Artur non era rei (2012) e Son un can! (2013) e varios premios no seu haber. No entanto segundo recoñece “Aínda que teño levado moitos premios, un nunca se acostuma e desde logo a repercusión dun Xerais é moito maior. Levo uns días moi intensos a nivel de atención mediática, e cheguei a perder a voz”. O autor salienta a importancia do galardón e “ten un nome destacado, e levalo na trixésima edición é para min especialmente emocionante”.

A innovación
Como característica fundamental da obra, o xurado destacou o feito de ser “unha novela de novelas. Un baúl de historias que denotan, ante todo, unha prodixiosa capacidade para fabular, para recrear, para imaxinar”. A partir do encontro entre un escritor e a súa lectora, o autor fabula toda unha serie de historias enlazadas na que a dominación xoga sempre un papel central. A coincidir co xurado, López defende esta complexidade como o valor fundamental da obra. “Gabo a valentía do xurado porque non se trata dunha historia convencional na súa estrutura. Penso que apostar esta novidade, sen ter tampouco inventado a pólvora, resulta especialmente destacable nun momento no que o mundo editorial está bastante tocado e iso fai que tanto editores como autores ou mesmo lectores se fagan máis conservadores. Nese contexto premiar un libro tan pouco conservador, é algo que valoro”. O xurado seleccionou por maioría o traballo de López entre 41 obras que se presentaron este ano ao certame.

Dominación
Encol da súa obra, apunta que “aínda que eu teño sempre problemas para pór os títulos, e case sempre os deixo cara ao final da escrita, neste caso tiven claro que Cadeas explicaba a un tempo o fondo e mais a forma da obra”. Nese sentido, incide en que o nome fai referencia “ás historias encadeadas nas que ademais hai sempre unha relación de dominación, submisión, escravitude ou colonialismo. Parte da submisión do escritor ao lector, co encontro que abre a obra, pero tamén trata a subordinación da novela á realidade. A partir de aí vaise percorrendo a historia do século XX desde os naufraxios da Costa da Morte a finais do século XIX, pasando polas guerras de Cuba e de Marrocos ou as relacións de Posguerra”.

Personaxes
Dentro do mosaico de elementos que compoñen a obra, López recoñece unha especial identificación co personaxe do escritor. “É quen vehiculiza as historias, e fai reflexións como as que fai un escritor calquera sobre quén é o destinatario da mensaxe ou a condición da novela como espello da que falaba Stendhal”. Canda a el no entanto, “hai personaxes anónimos e reais, aparecen de xeito expreso Manuel Antonio e Dieste, e xogo tamén coa existencia dos seus dobres. Trátase un pouco de amosar que hai personaxes anónimos que participan na nosa vida un pouco como actores secundarios, e do mesmo xeito hai figuras modelo recoñecidas que tamén acaban facendo ese papel, do mesmo xeito que nós, sendo protagonistas da nosa vida somos secundarios doutras”.

Impulso
Encol da pegada que pode ter este galardón nunha carreira narrativa xa consolidada como a súa, López apunta que “o último que levei foi hai dez anos, cando A vida que nos mata gañou o García Barros e mais o Premio da Crítica. Desde entón pasaron moitas cousas, a min e a todos, aínda que non penso que poida dicir que este sexa un premio de madurez. Quédame aínda moito por escribir, pero desde logo supón un empurrón importante, non só pola dotación económica, que non vou negar que vén moi ben, senón que é tamén un chanzo na carreira e dá unha certa confianza. Os escritores sempre traballamos un pouco na corta frouxa, e dubidas moito do que fas. Isto axuda moito”. O autor recibirá 15.000 euros polo galardón e verá a súa obra, como non, editada nos vindeiros meses na colección Narrativa de Xerais.

O Merlín
Debutar na escrita a levar un premio tan importante como o Merlín, dotado con 10.000 euros, non é algo ao alcance de calquera. Antonio Manuel Fraga Allegue logrou na XXVIII edición deste prestixioso galardón con O castañeiro de abril, unha novela que concitou a unanimidade do xurado e que se impuxo entre as 41 obras que se presentaran ao premio. Segundo recoñece, obter o galardón “impón moitísimo. Dous días despois da entrega é cando comezo a asimilalo, o sábado estaba nunha especie de nube e non era moi consciente do que podía significar. Foi unha grande sorpresa para min e penso que tamén para o xurado cando verificaron que era un autor novel”. Para máis, trátase dun escritor que chega dun mundo a priori alleo ao literario. “Son enxeñeiro técnico”, apunta, aínda que non considera que o seu perfil profesional influíse na súa escrita “son mundos totalmente diferentes, e cando escribo tento ser o menos técnico posible”.

O lector que escribe
No interese de Fraga por este xénero conxúganse dous factores. “Gústame moito este tipo de literatura, e de feito léoa máis agora do que cando era neno. Daquela lía máis banda deseñada e seguía algunhas coleccións pero non era un lector moi asiduo”. Canda a isto, “hai cousa de ano e medio souben que ía ter a miña primeira sobriña, e pareceume un bo agasallo para ela facer un conto. A historia foise prolongando e de aí saíu a miña primeira novela”. A experiencia de Xildas, que, segundo anuncia, verá a luz este mesmo verán, animouno a seguir no camiño e lanzarse a escribir o traballo co que gañou o Merlín.

Personaxes e narradores
Como elementos destacados da súa obra, o autor sinala que “aínda que non vai exactamente sobre isto, está moi asentada sobre un substrato da propia tradición. Ademais tentei sei moi coidadoso coa lingua e coa escrita. Quixen crear unha obra que puidese ser gozada tamén polas persoas adultas”. Canda isto apunta os personaxes como un valor do traballo. “Son persoas aparentemente febles. O protagonista, Baltasar, é un neno cego que leva unha vida moi dura, pero tento que non chegue a dar pena e que se vea como alguén independente, moi afouto e con capacidade de superación”. Ao pé dos personaxes, o xurado destacou a orixinalidade da voz do narrador, politicamente incorrecto e irónico, encarnado nun vello zapateiro amigo do protagonista. “Teño unha grande debilidade por Baltasar e tamén polo narrador, que é o seu mellor amigo con quen pasa as horas mortas na rúa”.

Influencias e futuro
Á hora de sinalar referentes no mundo da literatura infantil e xuvenil, Fraga apunta que “disfrutei moito con todos os libros de Roald Dahl. A nivel galego gústanme moito Fina Casalderrey e Agustín Fernández Paz, e entre os máis novos Marcos Calveiro e Ledicia Costas”. O flamante gañador olla o seu futuro polo momento vencellado ás obras para os máis novos. “Polo momento estou moi cómodo con este xénero e vou continuar con el, aínda que máis para adiante gustaríame escribir para outro tipo de público”.