Onde habita a memoria

Un proxecto artístico indaga nas lembranzas que evocan os obxectos cotiás

Os obxectos cotiás lémbrannos cousas do pasado, da nosa personalidade ou da nosa percepción da realidade. Hai a quen ese efecto case regresivo lle chega por mor dunha fotografía, a outros por mor dunha cadeira… son moitos os obxectos que teñen ese poder evocador. Todas esas impresións canalízanse desde un punto de vista artístico en Té con madalenas, un proxecto artellado desde Normal (espazo de arte da UDC)que acaba de iniciar unha fase de traballo onde o público ten moito que dicir.

Unhas fotografías amoreadas de mulleres que nunca aparecerán nos libros de historia pero que contribuíron a formar parte do somos como persoas e como pobo. Entre todas pretenden facer un arquivo da memoria colectiva das mulleres galegas para o que Carolina Cruz Guimarei chama a colaboración de todas as persoas que queiran achegar o seu gran de area (ata o 10 de xullo poden achegar unha fotografía da súa contorna que lle transmita ou lembre algún feito autobiográfico, acompañada dun texto de dúas liñas). O seu é un dos oito proxectos que compoñen a iniciativa Té con Madalenas que ideou e comisaría Clara García

O proxecto.
Té con Madalenas toma o nome dunha pasaxe dun libro de Marcel Proust, En busca do tempo perdido. “O protagonista toma un té con madalenas e ese sabor lémbralle a súa xuventude, a súa familia e o lugar no que vivira” apunta Clara Rodríguez. Con esa idea de fondo, a comisaria xuntou a oito artistas para que conten as súas vivencias coa idea de “explicar como as sensacións que nos chegan a través de obxectos cotiás son os que mellor nos representan”. Por iso, buscou oito artistas que teñen traballado habitualmente aspectos autobiográficos para este proxecto no que a primeira persona cobra un significado especial e no que o público colabora en varias iniciativas.

“Todos deseñaron un proxecto artístico que parte dunha anécdota persoal que comentan e que implican a diferentes colectivos e á cidadanía para construír dunha maneira colectiva a exposición”. Pero hai outro aspecto que lle interesaba a artista, que eran os materiais cos que traballaban. “Primeiro porque son baratos e neste momento son cousas a ter en conta, pero tamén porque son efémeros, moi cotiás, moi próximos que a xente entende fácilmente” explica Clara. O proxecto bosquexado pola artista Neves Seara é moi evidente neste sentido, porque nunha homenaxe á súa avoa (a proposta chámase As cadeiras da avoa esperanza) xuntará cadeiras cedidas pola xente que lle evoquen a cuestións persoais da súa memoria. “Unha cadeira é algo que entende todo o mundo e que todos temos nas nosas casa e, aínda sendo todas iguais, cada quen ten a súa. Por iso, cando algúen falta esa cadeira queda baleira, ten unha significación maior”.

As particularidades
Alén da temática, a proposta ten outros valores engadidos. Un deles é ese proceso colaborativo que varios dos seus creadores abren ao público, coa intención de que acheguen material ao proxecto. As propostas de Carolina Cruz Guimarey, Christian García Bello e Neves Seara solicitan directamente do público a súa colaboración. Outros, como o coñecido creador Jorge Perianes, traballará cun medio plástico reciclado (escadas de madeira) en torno aos conceptos de realidade e a súa reinterpretación co que colaborará un colectivo de voluntarios.

Outra creadora, Begoña Ante, traballará coa fotografía e a palabra en torno á idea dos espazos que nos representan e que recreamos na memoria, e para iso parte da colaboración con alumnos da Universidade Sénior, cos que Normal comparte espazo físico. Pola súa banda, Paula Cabaleiro traballará coa vestimenta e a costura en torno á capacidade da indumentaria para representarnos, en colaboración cun colectivo de nais.

A outra gran particularidade desta intervención ten lugar na forma. “Este espazo está destinado ao publico no que normalmente cada exposición se complementa cunha gran variedade de actividades paralelas. Pero eu pensei que había facelo ao revés, que as actividades construíran a exposición” asegura Clara García. De aí que desde o mes de maio se desenvolven os obradoiros cos diferentes colectivos e cuxos resultados se van incorporando a obra. E aquí radica da segunda gran achega deste proxecto. Desde onte o público pode visitar o espazo de Normal. “Pero non atoparán unha exposición pechada, senón que se atopará cunha exposición en proxecto” asume. Durante dous meses artistas e público irán configurando mutuamente a mostra que estará completa o 19 de xullo cando terá lugar “a non inanuguración”. Despois, ata mediados de setembro poderá visitarse este espazo que xa terá a forma máis habitual de exposición.