O Consorcio de Bibliotecas Universitarias pon a disposición dos investigadores galegos as principais bases de datos do mundo

As bases da investigación

O coñecemento é caro. Empresas especializadas de todo o mundo fan resumos de publicacións, estatísticas e análises de todo tipo e véndenas na forma de bases de datos. A importancia e o custe da información é tal que as tres universidades galegas decidiron asociarse para compartir gastos e recursos. Así naceu o Consorcio de Bibliotecas Universitarias de Galicia e Bugalicia, a principal ferramenta para consultar recursos electrónicos sobre ciencia no noso país.

O mundo dos investigadores esixe consultas constantes a todo tipo de información, cruzar datos de publicacións especializadas, coñecer as últimas noticias na materia de estudio... O tempo en que esta información se acadaba consultando grosos volumes e revistas temáticas rematou. Na actualidade existen empresas especializadas que baleiran publicacións, cruzan informacións, realizan estatísticas e venden as bases de datos resultantes a institucións e empresas interesadas a un prezo habitualmente elevado. As universidades galegas non escapan deste esquema, e desde hai xa anos veñen subscribíndose ás principais bases do mundo sobre cuestións coma a Medicina, a Historia ou a Química.



Unindo esforzos

Todo empezou hai un par de anos. O excesivo custo dalgunha das bases de datos e a necesidade de optimizar recursos, fixo que as tres universidades buscasen compartir a súa subscripción a estes servicios. A iniciativa contou, ademais de coas tres universidades, co apoio da a Consellería de Educación, a Consellería de Cultura e a Secretaría Xeral de I+D. Seguindo unha fórmula desde hai moito tempo implantada en Estados Unidos pero que non chegou ó Estado Español ata o último lustro, no 2001 creouse o consorcio de Bibliotecas Universitarias de Galicia. Esta entidade, gobernada polas tres institucións universitarias, puxo en marcha un proxecto único para adquirir e xestionar as bases de datos máis importantes a nivel internacional, Bugalicia.



O caso galego

Bugalicia é o proxecto polo que o Consorcio asegura o acceso dos investigadores universitarios galegos ás bases de datos. Este proxecto supón un investimento anual de 1.678.000 euros en corenta e dúas bases de datos, dun total de 1.863.000 euros que ten de orzamento deste organismo. A través da web bugalicia.org, estudiosos de todo o país acceden gratuitamente a uns contidos que triplican os dispoñibles antes da creación do Consorcio. Entre os recursos máis solicitados, os dunha base de datos sobre artigos de Química, que custa arredor de 300.000 euros ó ano. Outros dos nomes con máis accesos son Medline, Sci Finder e Biological Abstracts en estudios de ciencias e Current Contents e Journal Citation Report noutras categorías.

Dos preto de dous millóns de consultas que se fixeron a Bugalicia durante o ano 2002 a maioría proveñen de carreiras de ciencias e da Universidade de Santiago (un 44% do total) . O acceso realízase maioritariamente a través dos ordenadores das universidades, aínda que tamén existe a opción de consultar as bases de datos mediante CDs (que só emprega un 5% dos investigadores). Curiosamente, un dos recursos que máis se busca en Bugalicia é o impacto internacional que teñen as investigacións dos distintos departamentos galegos. Isto é posible mediante as bases de datos que recollen os artigos e os estudiosos máis citados en todo o mundo.



Rendibilidade relativa


O criterio polo que se adquiren novos recursos de é a demanda existente nos grupos de investigación. Sen embargo, os datos de utilización non son tan sinxelos. Segundo sinala Victoria Millor Prego, directora do Consorcio, na actualidade están a cruzar o número de usuarios de cada unha das bases de datos co número de investigadores de cada materia para coñecer o impacto real deste sistema de consulta en cada materia de estudios. “En carreiras de humanidades hai menos consultas pero tamén menos investigadores, hai que ver a rendibilidade relativa de cada base de datos” para optimizar a súa xestión. Deste xeito, vese que hai bases moi concretas que reciben a maior parte das súas consultas desde determinadas facultades, coma as de Arquitectura ou a de Enxeñería de Telecomunicacións. “As bases que teñen moi poucas consultas poden non interesar a nivel consorciado pero si a a algunha universidade, e neses casos proponse que sexan elas as que as contraten”.



O investigadores tamén estudian


Durante o 2002, o Consorcio de Bibliotecas iniciou os seus cursos de formación para acostumar os estudiosos das comunidades galegas a este sistema. Para o 2003 está previsto continuar as actividades deste tipo explicando as novidades que se dan nos programas de consulta e estúdiase a posibilidade de desenvolver unha actividade teleformación por videoconferencia coa colaboración do Centro Multimedia de Galicia. Habitualmente estas actividades están dirixidas ós bibliotecarios das diferentes facultades que á súa vez amosan ós investigadores como funciona o sistema.




Bibliotecas universitarias unificadas


O outro grande traballo que se está a facer desde o Consorcio de Bibliotecas é a unificación dos catálogos bibliográficos das tres universidades. O obxectivo é unificar o sistema de catalogación das bibliotecas destas institucións facilitando as consultas entre centros. Esta unificación de criterios permitiría, ademais, compartir programas para xestionar recursos de información. O sistema que se elixiu para esta converxencia foi o que máis éxito ten entre os consorcios de Estados Unidos, un programa que permite que as universidades manteñan unha certa autonomía nos seus sistemas de catalogación, ó tempo que fai factible a unificación dos datos. Polo de agora este ambicioso proxecto está aínda dando os seus primeiros pasos, e agárdase que estea rematado dentro dun ano e medio aproximadamente. A experiencia nesta iniciativa foi posta a servicio da Xunta mediante un convenio polo que o Consorcio colaborou na primeira fase da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia.




Ampliacións electrónicas


Ademais destas iniciativas, Bugalicia está a traballar no acceso a revistas electrónicas a través do seu sistema, e na actualidade ten en probas a adquisición de libros electrónicos. Este soporte está a ter un grande éxito en carreiras coma informática ou telecomunicacións, onde a actualización dos manuais de determinados programas é constante. Este sistema, que abarata enormemente os custos dos diferentes volumes, recibiu nos primeiros vinte días de proba unhas setecentas visitas. Ademais de continuar coa adquisición bases de datos, o Consorcio está a estudiar, a máis longo prazo, a posibilidade de chegar a outras institucións do país que desenvolven tarefas de investigación.