Castelao entre os cadriños

O máis ambicioso proxecto proxecto da BD galega actual retrata o aspecto humano do galeguista

Máis alá, terceiro volume dos oito que Inacio Vilariño e mais Iván Suárez queren completar sobre a vida de Castelao, acaba de saír á rúa. O lanzamento confirma a realidade e a potencia dun ambicioso proxecto sobre o persoeiro por excelencia do galeguismo que os dous autores queren tratar nun total de oito álbums. Historias pequenas, pensamento íntimos, ensoñacións e datos rigorosamente biográficos amósannos a vertente máis humana do personaxe histórico.

“A miña proposta é contar os castelaos que fican máis escuros e menos narrados, os que quizais quedaron un pouco á marxe”, explica Inacio Vilariño, guionista deste proxecto. “Hai un Castelao que se nos presenta como o máis canónico e sen embargo trátase de alguén que ten un proceso evolutivo, un ser que se vai modificando e aprendendo, alguén sempre moi inquedo e que non se pode fixar ou definir en cada momento”. Nese sentido, na súa recreación da vida de Castelao, Inacio e Iván foxen “dos relatos que están máis na boca de todos”.

Ao comezo, un cabezudo
Malia ao ambicioso da proposta, na realidade todo comezou a partir cun cabezudo, o que protagoniza o relato Peito de Lobo, de Castelao e mais o álbum Titoán. “Fómonos enleando no proxecto, non comezou como algo moi claro. Eu estaba a facer unha exposición sobre cabezudos e festas populares e pensei que o relato amosaba moi ben a construción e a funcionalidade social do cabezudo. Na mostra había diferentes recursos narrativos e faltábanos a banda deseñada, entón metemos algo. E de socato estabamos a contar a vida de Castelao sen o ter previsto”. Un proxecto de oito tomos, unha envergadura descomunal para a banda deseñada galega, comezaba a tomar forma.

A fascinación de Castelao
Para alén desa fascinación inicial a través do cabezudo, Inacio recoñece que, á hora de continuar, decatouse de que “non é só interesante contalo a el, con el cóntase toda unha época e un xeito de vivir, o pulso dunha época”. O guionista viuse seducido “pola atención que amosa sempre cara aos demais, esa capacidade de escoitar, paréceme unha marabilla e é das cousas que máis me interesan”. “A intención última de todo isto é dar a coñecer a Castelao e que se lea, para isto penso que funciona un pouco mellor esta parte anecdótica”.

Realizar e editar
En apenas catro meses completouse o primeiro álbum do que acabaría sendo unha serie, a tempo para o presentar ao Premio Castelao de Banda Deseñada, que acabaría gañando. “Logo do premio o proceso de edición foi moi demorado, e aí foi cando pensamos en continuar e comezamos o traballo”. Malia a que o proxecto leva xa tres anos en marcha, o tempo de realización de cada álbum é de marca. “Máis alá foron dous meses de debuxo, O pobre tolo tres”. Logo de editar o primeiro volume con Demo Editorial grazas ao Premio Castelao de Banda Deseñada, a serie puido continuar mercé ao apoio desta firma e mais da libraría compostelá Kómic. “Son un apoio fundamental, sen eles este proxecto sería imposible. En principio contamos con seguir cando menos para fechar o primeiro arco da serie, composto por catro volumes”. Segundo recoñece o guionista “O proceso de edición resultou un proceso un pouco caótico, porque o primeiro título que saíu cronoloxicamente sería o cuarto da serie. Agora viron a luz o primeiro o segundo, e agardamos seguir co terceiro para completar unha primeira parte do proxecto que abrangue a vida de Castelao antes da Guerra”, sinala Inacio. Aínda que cada un dos volumes do proxecto é autoconclusivo, a serie ten a intención de funcionar como unha obra conxunta. “Gustaríanos que se poida ler así. Repítense personaxes e hai ideas que poden axudar a ir entendendo a evolución do personaxe. Consideramos que o traballo vai gañar moita potencia cando se poida ler por xunto”.


O xeito de traballo
Aínda que se recoñece lector de banda deseñada de vello, Inacio estreouse con esta obra na escrita para a novena arte. “Sempre fun lector de Corto Maltés, e se hai que procurar algunha influencia podería estar por aí, no sentido de aventura e de mesturar mundos”, recoñece. Con máis experiencia no xénero, o debuxante Iván Suárez sinala que, malia a ser a súa introdución na novena arte, “Inacio atopou un punto moi bo á hora de contar a historia. Ao non ter nocións de BD márcolle algo a pauta na forma de contar”, explica. “Normalmente reunímonos e falamos de cómo queremos que sexa a historia, faecemos un storyboard, ímola exprimindo e buscamos os puntos que lle poden dar máis forza”, sinala o debuxante. No entanto, advirte que “o máis importante nesta colección son as historias que vai facendo Inacio. O guión achégao todo e eu tento axeitar o debuxo a el, só cómpre deixarlle respirar e no o marcar moito. Nese sentido o meu traballo e máis de debuxante que de autor, aínda que vou achegando cousiñas. Inacio, pola súa banda, lembra que “aínda que eu vou marcando máis ou menos o que aparece en cada páxina e viñeta Iván sempre achega o seu punto de vista e complétao. Ás veces hai lugares para os que reclama máis texto, ou nos que inclúe outra imaxe. A verdade é que fai un traballo fabuloso, neste último volume sorprendeume o xeito como conseguiu puntuar o ritmo da BD e as duplas páxinas que conseguen introducirte en mundos moi concretos”.

Pescudar a vida
O feito de traballar cunha biografía esixe, como non, un intenso traballo de documentación de Inacio enfronta con rigor. “Hai unha grande cantidade de documentación, fotografías, relatos, e textos de moita xente que fala sobre Castelao”, sinala o guionista. “Nese sentido resulta unha figura máis sinxela de tratar do que outras que están máis difuminadas. Por exemplo, o último volume está baseado no Diario 1921, como O pobre tolo parte do Adro de Sempre en Galiza e dos artigos de Verbas de chumbo. Son materiais de primeira man nos que conta moito máis do que reflexións, amosa as súas emocións e iso axuda moito”. Oito cartafoles, tres deles xa fechados, van acumulando a inxente cantidade de documentos cos que Inacio vai argallando as historia do seu Alfonso Daniel.

Vantaxes e limitacións
A circunstancia de traballar con feitos históricos supón un condicionante incontornable para os dous autores. No entanto, nesa limitación é onde se manifesta en grande medida a súa capacidade para recrear un Castelao nas marxes dos grandes fitos da súa biografía. “En Titoán, por exemplo, aparece unha viaxe en tranvía que está inventada como tal, pero o relato de Castelao está datado en Praceres, e hai un artigo del desta época sobre o tranvía a Marín, así que nalgún momento tería que o probar. É certo que hai ocos que cómpre encher, son decisións que tento confirmar e cando non podo, bótome para adiante”, explica Inacio. Suárez, pola súa banda, recoñece as facilidades que a nivel creativo supón unha documentación tan minuciosa. “O xeito de traballar de Inacio é a partir de imaxes, que moitas veces son as que lle achegan a historia. Entón integra moito material gráfico e iso facilita moito o traballo. Por exemplo no último volume seleccionou fotografías de Atget que amosan o París da época, e isto permíteme tamén traballar moito máis rápido”. Ao tempo, recoñece que a abundancia é tamén un factor que chega a limitar a creatividade do ilustrador. “Aínda que impón certas limitacións nese sentido, o guión é tan bo que sempre queda terreo para ter liberdade á hora de debuxar. Hai sempre partes de certa ensoñación que permiten facer algo máis aberto, aínda que sen saírse moito do ton xeral da historia”.

Debuxar o debuxante
Abordar a nivel gráfico o retrato do mundo dun debuxante, e para máis dun tan icónico como Castelao, cos abondosos retratos de si mesmo que deixou, supón todo un desafío para calquera debuxante. “Eu quería afastarme de todo o estilo de Castelao. Tentar imitalo ou empregalo era unha tentación, pero parecíame moi arriscado precisamente porque está moi definido e é moi coñecido. Entón tentei buscar outros códigos e, sobre todo, acoplar o meu estilo e as miñas influencias á historia que presentaba Inacio, que realmente foi o que máis marcou o debuxo da serie”, explica Suárez. En efecto, a evolución gráfica do artista sorprende se comparamos esta serie con traballos anteriores do debuxante. “Eu viña dun estilo máis escuro, que traballaba moito as atmósferas e outro tipo de debuxo. De feito se eu fose editor non me tería seleccionado para facer esta historia de ver os meus traballos anteriores. Entón tiven que me espir de moitos elementos”. Logo de tres álbums a serie publicados, tamén se detecta unha certa evolución no traballo deste debuxante. “O primeiro fíxeno con certa présa para o presentar ao concurso, e nótase unha gráfica algo diferente. Tentei unificar as tres historias, e neste último atopei un punto algo máis cómodo. Penso que nos outros se nota máis que estaba a experimentar e que non estaba moi pulido, penso que podía estar máis logrado pero que a historia se entende ben e funciona narrativamente”.

O que falta
De cara ao futuro, segundo adianta Inacio, o vindeiro volume “centrarase na etapa na que traballou en As cruces de pedra na Galiza, e logo como da man de Valentín Paz Andrade vai entrando en Política”. Para a segunda parte do proxecto queda o período da Guerra e mais do exilio, que o guionista prevé ligar con lembranzas da infancia e doutros momentos da vida do protagonista. Encol de se haberá posibilidades económica para rematar o ambicioso proxecto, Inacio sinala que “A recepción está a ser boa, hai moitos comentarios eloxiosos e vaise vendendo, entón pensamos que imos conseguindo o noso obxectivo, que é achegarlle Castelao á xente, sen dar unha visión monolítica”.

Galería: Iván Suárez selecciona páxinas de <i>Castelao</i>

Galería: Iván Suárez selecciona páxinas de Castelao

O debuxante da serie seleccionou unha serie de páxinas que amosan o seu traballo na serie. Páxina de Máis alá

Páxina de <i>Máis alá</i>. Iván Suárez.

Páxina de Máis alá. Iván Suárez.

Páxina de <i>O pobre tolo</i>. Iván Suárez

Páxina de O pobre tolo. Iván Suárez

Páxina de <i>O pobre tolo</i>. Iván Suárez

Páxina de O pobre tolo. Iván Suárez

Páxina de <i>Titoán</i>

Páxina de Titoán