O festival que todos queren ter

Cans cumpre dez anos batendo marcas de público e recoñecemento profesional

Paseo de Chimpíns na edición 2012. Foto: Festival de Cans
Paseo de Chimpíns na edición 2012. Foto: Festival de Cans
As cifras son abrumadoras. Catro días de certame, 108 proxeccións, 21 actuación musicais, 200 persoas na organización, 700 comidas a servir entre convidados, loxística e organizadores, o 80% dos traballos audiovisuais chegan de fóra…. E 90.000 euros de orzamento. Hoxe arrinca unha nova edición do festival de Cans. É a décima, a que marca un ciclo dun proxecto que naceu para dinamizar unha aldea e acabou por converterse nun fenónemo social e cinematográfico.

“A saída 303 vai estar cortada, a saída boa é a 305. De alí vai a tres aparcadoiros que nos ceden varios hostaleiros da zona e dos que saen autobuses cada 15 minutos. Di ti que está ao lado, porque se vas andando lévache 10 minutos” a Alfonso Pato, creador e organizador do festival de Cans preocúpalle tanto que os veciños se sintan cómodos, que a xente teña onde aparcar, como que o certame sirva para atraer a Galicia creadores que levan un tempo traballando fóra. Pode que sexa a clave do seu éxito, pero o certo é que Cans condensa unha parte cinematográfica, social e económica que o converte, con só dez anos, nunha referencia. Nesta edición , o certame ten un reto engadido, conseguir homoxeneizar a participación social e colectiva cara as actividades matutinas e cara os días da semana.

Un Cans de primicias
Se en 2012, Cans apostou polas webseries (ao seu rebufo, os Mestre Mateo premiaron este novo formato na súa última edición), este é o ano de ollar cara o audiovisual de temática gay e lesbiana. Por iso, entre as novidades destaca, un ciclo orientado e a exhibir o que se está a facer neste aspecto. E iso é porque para Alfonso Pato “poñer as cousas no escaparate e visibilizalas é unha das tarefas deste certame”.

E no foco este ano van poñer a Bretaña como país convidado, cunha escolma de trabalos chegados deste país. Por non perder a esencia dun certame que naceu para homenaxera ás curtametraxes e á música, e que acabou por tocar todas as pólas da creación audiovisual.

Pero se hai dúas seccións do que é o esqueleto do festival, esas son “A que andas” e “Fillos de cans”. Dous apartados nos que expremiados ou exparticipantes do certame adiantan parte dos seus proxectos actuais. Iso fai que Andrés Rosende presente Sink Hole, Alberto Vázquez Psiconautas, Enrique Otero Ningún Dios aquí arriba e Jorge Coira La luna en setiembre, un avance que Cans consegue en primicia. E a máxima que Pato repite cada ano “quen vén a Cans unha vez repite”. A mesma que posibilita a outra sección, “Fillos de cans”, nos que se verán os traballosFunes de Enrique Otero; Os Fenómenos de Alfonso Zarauza; Alén do Cosmos, de Rubén Pardiñas e Pedro Pablo Alonso; Your lost memories, de Alejandro Marzoa. Todos eles creadores que pasaron por Cans e que teñen a deferencia co festival de vir aquí a presentar os seus traballos. O nivel de avances e de estreas dos que goza Cans, faino realmente merecedor desa dimensión. “Eu agradézolle aos produtores e aos directores que veñan ofrecer este traballo. É unha oportunidade única” aseguraba o propio Pato.

Un Cans de mercado
Hai moitas formas de facer mercado. Hai quen organiza encontros e seccións paralelas aos certames expositivos para organizar xuntanzas, pero Cans, fiel ao seu estilo faino entre torreiros e corredoiras, presentado proxectos. Por exemplo, Isabel Coixet pechou aquí o proxecto Marcela e Elisa con Filmanova. Pato cre que, “no fondo sí é certo que se xera volume de negocio pero non sei se como unha feira”. El prefire situalo no contexto de cambio dos festivais, que tenden cara unha fórmula diferente e no que Cans, co seu agroglamour apunta un modelo.

Un Cans de famosos e famosas
“Nós non fomentamos as zonas VIP e supoño que iso é parte do seu encanto”. Asegura Pato. Pero vai moito máis alá, non é só que non lle paguen a estrelas ou a personaxes mediáticos ao certame, é que lles fan publicidade de balde. Que Wyoming e Gonzo suban un vídeo a youtube falando da sua experiencia no certame, que Tosar se declare fan deste certame son só alguns exemplos significativos. Para isto, Alfonso Pato ten outra máxima “chegan aquí como estrelas e marchan como veciños”.
Como este ano se cumpren dez anos aproveita a efeméride para xuntar a “vellos amigos”. Wyoming, Jorge Ilegal, Víctor Coyote, Juanma Bajo Ulloa, Manuel Manquiña, Tony Lomba e Elio dos Santos ou Silvia Superstar son algúns dos nomes que estarán presentes nas actividades. Pato destaca, de enter todos eles, a Fernando León e a Juanma Bajo Ulloa porque “eles viñeron cando esto aínda non era coñecido e non tivo reparos en vir a unha aldea” da que marcharon encantados.

Pero, sobre todo, os veciños
Alén da preocupación de Pato porque todo funcione, porque a xente poida participar no maior número de actividades posibles, está o interese de non perturbar a hospitalidade dos veciños.

Cans destaca de entre todos os festivais actuais por esa implicación activa e pasiva dos habitantes. “Non só nos prestan os seus palleiros e salóns para as proxeccións, senón que se implican na organización en que todo funcione e a xente tamén o percibe porque en dez anos do festival ningún dos asistentes causou ningún disturbio” asegura Pato. Por iso, o primeiro día do certame sempre é para eles. Esta noite, ás 21:00 horas, no Baixo de Moncho dará comezo o Serán dos Veciños, onde pandereiteiros e cantareiras interpretarán as pezas que levan a ensaiar varios meses. Pero tamén se presentará o cuarto xurado da historia do festival composto integramente por veciños e veciñas da parroquia de Cans. E para eles, Pato te outra máxima “quen entra a colaborar un ano, é do festival para sempre”.

E sobre este modelo irán os cambios de futuro. A posible profesionalización dalgúns postos (hoxe, todo aquel que compón o núcleo duro de 12 persoas que traballa en Can, mantén outro traballo), reflexionar sobre un proxecto paralelo entre festival e aldea e, sobre todo, como di o propio parto “que a forza do festival sirva para transformar cousas na aldea, tanto a nivel paisaxísticas como educativas, que lle achegue cousas a nenos e veciños, …. Son os retornos sostibles cara a comunidade local”.