A Asociación de Escritores recoñece Morgana en Esmelle

O colectivo entregou os seus galardóns o pasado sábado na Gala das Letras

A novela Morgana en Esmelle, de Begoña Caamaño está a se apousentar como unha das obras máis exitosas das nosas letras no último ano. O libro sumaba o pasado sábado o premio da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) á mellor obra de narrativa. O centro Ágora da Coruña acollía a Gala das Letras na que a AELG deu a coñecer os seus galardóns deste ano. Para alén dos xa anunciados, como o de Escritora Galega Universal para Lídia Jorge, recoñeceuse o traballo de Ramón Nicolás co premio ao mellor blog literario e mais ao ensaio polo seu traballo Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro.

Canda a eles Ana Romaní levou o premio ao xornalismo cultural, Ledicia Costas o da literatura infantil e xuvenil con O corazón de Xúpiter, e Franciso Pillado o de teatro pola súa coordinación no volume colectivo Banqueiros. Darío Xohán Cabana foi recoñecido pola súa tradución o Cancioneiro, seguido das Rimas dispersas de Petrarca, mentres que o premio de Poesía foi Ex-Aequo para Boca da cobra, de Francisco Salinas Portugal, Os ángulos da brasa, de Manuel Álvarez Torneiro.