Inaugúrase o Museo Etnográfico de Vigo, con fondos de Olimpio Liste

Vigo etnográfico

21/12/2000 | Redacción: Santiago.Redaccion | Seccións: Historia
3 lecturas | Compartido 0 veces
Vigo conta cun novo museo, o Museo Etnográfico da Fundación Liste que foi inaugurado onte aínda que non abrirá as súas portas ata o día 26. O museo conta con catro andares que totalizan 590 metros cadrados. Neles expóñense máis de 2.000 útiles e ferramentas da sociedade tradicional. A entrada custará 400 pesetas, e incluirá unha guía.
Orixe




A colección que deviría neste museo iniciouse pola afección de Olimpio Liste a recoller aqueles obxectos de emprego asiduo na sociedade tradicional que ían desparecendo. Comezando cun xugo de bois, pouco a pouco foi reunindo unha colección tal que decidiu mercar unha casa onda o mosteiro de Oseira e expor alí parte das súas pezas. Liste declárase pioneiro na recollida deste tipo de obxectos.





Fundación




Cando o Concello de Vigo se interesou polo legado etnográfico recopilado por Liste e se viu a posibilidade de facer un museo para albergalo, decidiuse conformar a "Fundación Liste. Museo Etnográfico", que pretende divulgar os costumes da sociedae tradicional ó tempo que fomenta a investigación. O edificio foi cedido polo Concello á Fundación durante un período de cincuenta anos, e está previsto que os seus xardíns incorporen pezas de arte popular.





Salas e pezas únicas




O museo está dividido en nove salas temáticas dedicadas respectivamente ó centeo, á roda, ós oficios, ó peche, ós tecidos, á madeira escavada, ó emprego da luz, á materialidade da fé e á arte de curar. Entre as pezas únicas que se poden observar, destcan dous moldes para exvotos do século XVII ou unha caixa para levar cadáveres, entre outros.

Universo culturagalega.gal

Contextos

Claves

Entidades
Conceptos
Lugares