O VI Premio Internacional Compostela de Álbums Ilustrados foi para Arxentina. Mamá, de Mariana Ruiz Johnson impúxose entre os 374 traballos procedentes de 21 países que se presentaron ao galardón. O xurado destacou "a vitalidade, a forza e o manexo da cor dun libro que traballa un tema universal e especialmente cercano ao mundo da infancia". A gañadora leva 9.000 euros de premio e verá o seu traballo editado da man de Kalandraka, editora que convoca o certame en colaboración co Concello de Santiago. O xurado destacou tamén con mencións especiais os traballos Panda, de Marcos Guardiola Martín e mais Un día cualquiera, de Cristina Martín Recaséns.