Trinta anos no pensamento

Analizamos a pegada da Semana Galega de Filosofía o pensamento galego no seu trixésimo aniversario

A Semana Galega de Filosofía comeza hoxe a súa trixésima edición. Co lema Filosofía e Memoria, o encontro aborda, como é habitual, cuestións de actualidade da man de relatores galegos e internacionais. A longa carreira desta iniciativa deixou a súa pegada no pensamento do noso país e configurouna como un referente con amplos recoñecementos internacionais.

Ao longo de cinco días, centos de persoas ateigan un auditorio para escoitar conferencias de pensadores galegos e foráneos a falar desde diversas perspectivas arredor dun tema concreto. Desde o máis global á situación en Galicia, sucédense relatorios de grande intensidade conceptual, e durante unha semana, os medios de comunicación galegos acubillan nas súas páxinas entrevistas con pensadores de todo tipo. A Semana Galega de Filosofía, conseguiu en trinta anos de actividade a manter o mesmo esquema constituírse nun éxito de público e nun referente. Malia a estar consolidada, continúa a enfrontarse de xeito periódico a problemas de financiamento.

Evolución
Nada cunha orientación fundamental de cara á comunidade educativa, a Semana conseguiu ao longo do tempo transcender en boa medida este público. “Ao longo do tempo fomos evoluíndo, vendo os intereses e as preocupacións do público. No entanto, seguimos a pensar que todos os actos que realizamos teñen carácter formativo, e iso verifícase nos créditos que se lles recoñecen aos estudantes por asistir e mais as horas que se lles validan aos profesores”, lembra Carlos Calviño, presidente da Aula Castelao, entidade que organiza o evento. Canda a isto apunta o interese crecente por vencellar a programación do evento coa situación de cada momento. “Sobre todo nos últimos anos estamos atados polas circunstancias. Non pensamos que a Filosofía se poida dedicar unicamente a un labor escolástico ou metafísico, e queremos que estea en contacto coa actualidade, atendendo cuestións como a economía ou a memoria”. Boa mostra deste interese por manterse ao pé das problemáticas máis actuais é a conferencia de Xosé Luís Méndez Ferrín que o pasado ano se trasladou á Praza do Teucro ante o feche do espazo habitual da semana polas protestas dos afectados polas preferentes. “Moitos compañeiros saben que estamos comprometidos, para alén de coa nosa lingua e cultura, coa propia Filosofía. É tamén un obxectivo para nós loitar contra o desinterese social pola cultura e o pensamento que, por exemplo, se verifica coa desaparición da materia da filosofía dos institutos”, sinala Calviño.

Referente
Por activa ou por pasiva, non cabe dúbida de que a Semana conseguiu erguerse como referente no mapa do pensamento galego e é ineludible á hora de falarmos da filosofía do país. Desde o colectivo de pensamento Proxecto Derriba, Abraham Rubín sinala que “o importante que ten é que conseguiu popularidade fóra dos ámbitos máis tradicionais e chegou a un público moi amplo. É moi difícil concibir tanta afluencia de público en calquera outra acción sobre filosofía en Galicia ou pensar nun proxecto que se manteña tantos anos”. Tal e como recoñece Roberto Abuín, un dos coordinadores dos Encontros de Filosofía da Costa da Morte, á hora de organizar este encontro “aínda que non tomamos a semana de xeito consciente como exemplo, levan un traballo intenso e moi interesante desde hai anos, e iso sempre condiciona a nivel subconsciente e anima a continuar a traballar nesa liña”. Ao tempo, apunta que a propia existencia da Semana facilita tamén a emerxencia de xeitos alternativos de traballar neste campo. “Como eles cobren uns determinados sectores do pensar filosófico, iso tamén nos deixa a nós e a outra xente do país, posibilidades de cubrir outros ámbitos. En todo caso en xeral hai un respecto profundo polo seu traballo, que é verdadeiramente encomiable”. Antón Baamonde, pola súa banda, salienta que falamos “da principal fiestra aberta para a reflexión en Galicia, amplamente consolidada. O formato no que traballan, as conferencias con certo sentido de intervención conseguen chegar a un público masivo, e en tantos anos conseguiron tocar case todos os paus”.

O local
Un dos segredos que explican a lonxevidade e o éxito das Semana é a súa imbricación no tecido local de Pontevedra, cidade que acolle o evento desde o seu nacemento. “A relación é moi boa e a cidade está xa afeita a nós. De feito, temos bastantes problemas para sacar adiante o evento e agora hai xente que mesmo oferta participar con axudas privadas para que non desapareza”. O evento mantén o seu carácter local, primeiro da man da Caixa de Aforros de Pontevedra (logo Caixanova) que cedía o local e financiaba o encontro, e actualmente en colaboración co Concello e a Xunta de Galicia entre outras entidades “Foi un golpe duro pero conseguimos financiamento con outras entidades. As institucións locais e a universidade están implicadas”. A edición 2012 foi a primeira vez no que a Semana se desdobraba achegando unha serie de conferencias á cidade da Coruña como parte do acordo de financiamento a que chegara a Aula Castelao coa Fundación Paideia e que se repite nesta edición. Segundo Calviño, o evento continuará coa súa implicación na cidade. “Pontevedra é a nosa sede, e seguirá sendo. O caso de Paideia responde á necesidade de financiar o evento”.

O global
“A nivel galego dásenos a consideración dun evento local e particular sobre a filosofía, pero temos sona a nivel europeo e ata mundial”, apunta Calviño. “Moitos pensadores que veñen de Europa e doutros lugares do mundo teñen unha percepción diferente e ven o encontro como algo aberto e positivo. Profesores de Francia e Italia quedaban fascinados porque eles non eran capaces de artellar un encontro semellante. Tivemos estudantes da Universidade Autónoma de Barcelona acó durante un ano para tentar desenvolver alí algo semellante, e non lles foi posible”.

Contactos
Encol dese escaso eco galego da actividade, Calviño recoñece que os organizadores da Semana carecen de capacidade para atender a todos os compromisos que lles xorden. “Mantemos relacións con moitas institucións, pero é difícil estar pendentes de todas as iniciativas que se fan . Ás veces nin conseguimos seguir axeitadamente o correo. Hai moitos contactos de bibliotecas ou institucións, en Lleida a universidade quería manter un vínculo estable, pero o noso traballo é totalmente voluntario e non podemos dedicarnos a todo o que nos gustaría”. Na relativa falta de contacto da Aula Castelao con outras propostas incide Rubín desde Derriba. “Boa parte dos colectivos galegos que traballan no campo da filosofía coñécense entre si, pero penso que non hai moita relación directa coa Aula. É unha mágoa que nun país como o noso, e cunha disciplina tan atacada, non nos coñezamos máis”.


Opcións
Dentro das eivas ou das posibilidades de desenvolvemento que pode haber para a Semana logo destas tres décadas, Abuín apunta que “quizais co tempo o encontro se institucionalizase un pouco e con iso perdese algo de radicalidade ou potencia. Quizais teña unha perspectiva un pouco conciliadora entre os pares filosóficos e intelectuais, e o formato acabe por harmonizar discursos no lugar de apostar por unha deconstrución máis crítica da sociedade. Quizais falte máis campo para a dialéctica que permitise mais facilmente a experiencia do outro posible, da alteridade”. Coincide con esta percepción a xente de Derriba. “O noso colectivo está centrado en filosofía contemporánea e nos ámbitos de enganche do pensamento coa política actual, cunha percepción de intervención. Iso é algo que non se percibe na Semana, aínda que traballa temas contemporáneos, realizan o tratamento dos mesmos desde unha perspectiva máis tradicional, o cal non é negativo en si mesmo”. Baamonde, pola súa banda, apunta que “podería haber outros formatos, pero quizais lle corresponde a outra xente desenvolvelos”. Malia ás críticas, Abuín recoñece que “ o máis magnífico que ten o encontro é a súa condición de ágora plural e aberta. Iso supón unha grande luminosidade nun tempo como o de hoxe. Un lugar onde se pode dar a pluralidade do discurso do pensar e do falar, debater, e coñecer novos puntos de vista resulta fundamental”, e anuncia a súa intención de acudir ao encontro deste ano.
Programa da XXX Semana Galega de Filosofía. Filosofía e memoria.