Máis que un Play

Arrinca en Tui a novena edición dun Play Doc que amplía a súa liña de actuación

Fotograma dun proxecto de Retrato Filmado. Fonte: play-doc.com
Fotograma dun proxecto de Retrato Filmado. Fonte: play-doc.com
“Para Play Doc a crise é relativa porque somos unha especie de mestres optimizando recursos” asegura Ángel Sánchez, codirector xunto con Sara García dun festival que cumpre nove anos prestixiando o documental. Pero a clave deste proxecto non está so nunha coidada selección oficial competitiva do seu programa senón apostar por novos rectos. Unha canle de televisión propia (Play Doc TV con R) e obradoiros como o Retrato filmado, que conclúe tras cinco anos de traballo, marcan este pequeno gran festival.

Este ano o orzamento de Play Doc rondará os 80.000 euros. “En realidade non sabemos moi ben a cifra porque a axuda económica que nos chega das administracións non se confirma ata despois da programación (o ano pasado souberon que o Ministerio lles reducía o orzamento meses despois de celebrar a oitava edición) e o noso é un salto ao baleiro” afirma Ángel Sánchez. Pero nesa incerteza traballan con gran optimismo porque “sempre entendemos que conseguimos salvar os orzamentos”. Con todo, teñen claro que a clave do festival está na ambición en tres frontes. “Primeiro, o cinema galego está a vivir unha gran efervescencia e por iso ten que ter aquí o seu oco, pero porque está ao mesmo nivel que outras producións do mundo e ás veces ten máis calidade” di Sánchez. Pero hai máis, unha sección competitiva “reducida pero selecta que pretende exhibir o último ano do eido internacional do documental”. Das preto de 600 propostas que reciben anualmente a peneira final inclúe entre 5 e 6 títulos, “e algunha galega que entra por meritos propios (este ano Arraianos de Eloy Enciso). Pero se o apartado de exhibición é importante, non o é menos, esta tendencia de achegar ata un lugar periférico e afastado dos grandes circuítos a figuras emblemáticas do documental. Fano de dúas maneiras, con retrospectivas de creadores relevantes e cos encontros. No marco das homenaxes este ano a figura destacada é Nicolás Guillén Landian, un cineasta cubano moi censurado polo que ten obra case descoñecida e que chegará a Tui porque “queremos darlle visibilidade e presenza á súa obra”.

Nesa terceira fronte aberta de Play Doc, a de descubrir á sociedade galega persoeiros importantes do xénero, este ano teñen unha relevancia significativa. É o caso de Albert Maysles, que servirá para homenaxear ao tándem que formou co seu irmán, David morto en 1986. “Unha personalidade que puxo en marcha o cinema directo e que, para unha vila de 16.000 habitantes, poder traer unha das principais figuras do cinema documental é todo un éxito” recoñece o director. Foi testemuña de momentos históricos clave, na posguerra de Estados Unidos e do nacemento dun dos grupos máis míticos da historia da música como son os Beatles.


Pero todo isto queda nunha sección oficial competitiva que cada vez, por cuestións de restricións orzamentarias, está máis condensada pero que segue atendendo a música (este ano está programado os sons afrocubano de Kumar, que entronca coa obra lírica de Nicolás Guillén), proxeccións, mesas de debate e encontro do público. Pero nese interese que Play Doc sexa algo máis que un festival de catro días, Sara, Ángel e o seu pequeno equipo traballan noutros proxectos formativos e divulgativos.
Alén da xa mencionada canle de televisión que leva o nome do festival, e que permite unha maior difusión do proxecto, este ano conclúe un dos seus proxectos formativos máis constantes, O retrato filmado. Para Ángel a “cuestión de formación era unha idea fundamental, que estaba nese interese de dar oportunidades aos novos creadores para que exploren a súa forma de ver e entender o cinema”. O Doc in progress ou O Obradoiro Filmado son só pequenas mostras desa forma de traballo.

O retrato filmado
Marta Andreu foi a encargada de darlle forma a un proxecto que aúna participación veciñal, documental e o paso do tempo. “Foi no 2009 cando decidimos embarcarnos nunha aventura coa vontade de propor algo novidoso” lembra Andreu. Dunha banda convocaron a 10 novos realizadores e da outra a dez persoas de Tui que se ofrecían para acoller nas súas casas a eses directores. “Tiña que ser unha experiencia puntual dun taller de 10 días na que cada creador retratase a un veciño co compromiso de presentar o resultado final nun video ao que chamamos Ida de volta”. Cada ano habería un novo “Ida e volta” cada un cunha orientación diferente. Retrato-encontro para deixar a pegada desa xuntanza; Retrato-memoria para lembrar o que había antes dese obradoiro; retrato-deriva para coñecer a esa personaxe desde outro punto de vista; retrato paisaxe para coñecer a contorna e rematar cun retrato Espello no que para Marta Andreu supón “recoñecer que filmar a outro é filmar a un mesmo e ver que hai de cada un de nós a personaxe”.

A coordinadora do proxecto recoñece que se xeraron uns vínculos que van máis alá do cinema, que “xorde do feito de estar traballando profundamente con eles, de acollerte na súa casa” e que agora conclúen tras cinco anos de traballo. Unha forma de que o proxecto supere os cinco días que dura o festival.
Ligazóns