A Asociación Raiceiros mobiliza a mocidade da Ulla para recuperar a requinta, unha frauta característica da zona

Moverse ó son da requinta

Un tipo de frauta característico da comarca da Ulla: A requinta. Ese foi o obxecto que mobilizou ós membros da asociación Raiceiros para desenvolver, co apoio da Unión Europea, un ambicioso proxecto de recuperación que foi desde a colleita de pezas á gravación dun documental.

A requinta é un tipo de frauta traveseira realizado en madeira e con algunhas pezas de metal que ten a súa orixe na frauta barroca do século XVIII. Existen teorías que sinalan que foi a través do Camiño de Santiago e con destino a orquestra da Catedral como se introduciu o instrumento en Galicia. Tamén hai quen di que a frauta chegou ó noso país coas bandas militares das tropas napoleónicas. De calquera xeito, a comezos do século XIX xa estaba na comarca Ulla, e axiña foi incorporada por diferentes grupos de música tradicional para acompañar a gaita levando a mesma afinación que o punteiro. A mediados dese século existe constancia de que un artesán, Antonio García de Oca, reparaba e construía estes instrumentos, e en 1884 Marcial Valladares recolle o termo no seu diccionario. A popularización do instrumento foi tal que nesta comarca chegou a coñecerse os grupos de gaiteiros coma requintas. Co tempo, e ó igual que moitas outras das nosas tradicións musicais, a requinta foi caendo e desuso, ata que na actualidade só nove persoas tocan con certa regularidade a requinta da Ulla.



Raiceiros

Aínda que o interese pola requinta xa vai para dez anos que renaceu na zona, non foi ata outubro de 2001 cando varios mozos afeccionados á música tradicional crearon a asociación Raiceiros, coa intención de recuperar e difundir o patrimonio cultural, prestando especial atención ás manifestacións musicais tradicionais. Segundo Gerardo Albela, presidente do colectivo, o obxectivo inicial era prestar apoio a través da asociación a xente que estivese interesada en colleitar música e tradicións orais, achegando material coma gravadoras, cámaras, cintas de audio ou rolos fotográficos. “Xente que fai recolleita hai bastante, as dificultades son sobre todo de tipo material”, sinala Gerardo. Prestando este servicio, a asociación agarda acadar un fondo documental sobre as nosas tradicións que poderían ceder no futuro a algunha institución que se encargue da súa catalogación, mantemento e difusión.



A conexión europea

A comezos do 2002 Raiceiros puxo en marcha o Proxecto de Recuperación da Requinta da Ulla, co apoio do Programa Acción Comunitaria Xuventude da Unión Europea. Este programa subvenciona iniciativas promovida por xente nova que revertan na propia comunidade e que teñan algún tipo de relación con Europa. “Disto a requinta é un exemplo fundamental. Veu de fóra, foi adaptada e tomouse como algo propio”, sinala Gerardo. Este traballo valeulles o recoñecemento do Instituto de la Juventud de España, que recolleu a súa iniciativa nun vídeo pedagóxico que se distribuíu por toda a UE. A ilusión que creou este movemento foi tal que ata o desde o Concello se falou de crear unha escola de requinta, proxecto polo de agora en suspenso.




Empezou a colleita

Gracias á axuda achegada por este programa, arredor de vinte persoas vencelladas a Raiceiros iniciaron un ambicioso programa de colleita de información entre os máis vellos do lugar para coñecer a fondo o peculiar instrumento da súa comarca. De todas as entrevistas realizadas gardaron abondoso material tanto en audio coma en vídeo, ademais de facer un exhaustivo censo de músicos, instrumentos e de pezas musicais para requinta. Non se esqueceron de elaborar partituras das pezas e planos de instrumentos recuperados, nin de organizar conferencias sobre o tema incluíndo recitais de vellos requinteiros coma Pepe e Marcelino (“que aínda tocan polo menos unha vez á semana”). Aproveitando a situación recolleron e dixitalizaron abondosas fotografías antigas da comarca, que agora se poden ver na completa web da asociación, e mesmo se atreveron a tentar unha producción de envergadura: un documental.




Axuda audiovisual

“Requinteiros. Músicos da Ulla” xurdiu como un xeito de difundir o instrumento, e foi posible gracias ó tesón de dous membros da asociación que traballan coma técnicos de montaxe. Foron eles os que pediron axuda primeiro a un cámara profesional, despois a xente que podía prestar cámaras en fins de semana... Gravando ós poucos, cos medios que se ían conseguindo, acadaron un bo feixe de material en formato dixital que montaron na Facultade de Xornalismo de Santiago coa colaboración do profesor Xavier Vaz. E saíu un documental de corenta e cinco minutos que inclúe unha banda sonora de cinco pezas tocadas con requinta e que narra a vida de catro requinteiros do Ulla, amosando tamén o proceso de fabricación do instrumento e as peculiaridades que o fan único.




Para despois


Aínda que o apoio europeo rematou no mes de decembro, os membros de Raiceiros non descansan no seu traballo. Á hora de abordar novos proxectos, o Gerardo Albela sinala “aínda non se trazou unha liña de futuro, hai que ver por onde quere ir a xente”. Polo de agora xa hai socios traballando sobre a arquitectura, a historia ou o repertorio das cantareiras da comarca. Por suposto, tamén queren continuar os traballos de recuperación da requinta, buscando darlle a máxima difusión ó seu documental, sexa a través da televisión sexa mediante a venda e a exposición pública,. Na busca das orixes do instrumento están a pensar en realizar un intercambio con asociacións de Centroeuropa, e mesmo poida que se acheguen a Sudamérica, onde chegou a requinta levada polos emigrantes. Polo de agora estanse a formar dous novos requinteiros que continúen cun instrumento que conta na actualidade con só nove executantes de bastante idade, pero que está a facer que se mova unha boa cantidade de xente moza.

Galería: Raiceiros do Ulla

Galería: Raiceiros do Ulla

Actuación do grupo de música tradicional de Raiceiros o sábado no I Festival de Música e Baile Tradicionais de A Baña. As imaxes da galería foron proporcionadas pola Asociación Raiceiros. Fotografía de Beatriz Iglesias.

Galeria: Raiceiros do Ulla

Galeria: Raiceiros do Ulla

O grupo de música tradicional de Raiceiros descansa antes de actuar no campo da festa de San Miguel de Sarandón mentres son gravados para o documental. Fotografía de Henrique Neira.

Galería: Raiceiros do Ulla

Galería: Raiceiros do Ulla

Gravación dunha entrevista con Xosé Neira Vilas para o documental.

Galeria: Raiceiros do Ulla

Galeria: Raiceiros do Ulla

Interpretación dunha peza durante a conferencia sobre a requinta que impartiu Xerardo Albela na parroquia compostelana de A Gracia. Fotografía de Henrique Neira

Galería: Raiceiros do Ulla

Galería: Raiceiros do Ulla

Dúas das requintas recuperadas pola asociación. Fotografía de Henrique Neira.