Todo é poesía

Branca Novoneyra, Fantoches Baj e DandyLady aúnan na Zona C os seus proxectos poéticos

“É unha proposta arredor da poesía pero que devén dunha afinidade de intereses artísticos que están próximos á música, á escena ou ás artes visuais” explica Branca Novoneyra, coordinadora deste proxecto que arrinca o venres na Zona C en Santiago. Tres espectáculos (Aneis, o Asombro, e Dessasosego) constrúen este proxecto que se presenta como unha iniciativa piloto.

Hai unha varias ideas que planan de fondo neste proxecto de poesía escénica. En primeiro lugar, en palabras de Branca Novoneyra, “facer ver que a poesía non está só nos libros, que está no teatro, na danza, no cabaré” e por iso, presentan formatos que “sacan a poesía dos libros e dos recitais moi pechados sobre si mesmos e que para xente de fóra é un espazo complexo”. En segundo lugar, conxugar tres proxectos que xa existían como eran Aneis (da propia Branca Novoneyra), o Asombro (de Fantoches Baj), e Dessasosego (de DandyLady) para poder “achegar unha maior facilidade de distribución aso espectáculos que estaban producidos ante o contexto actual”. Por iso é un proxecto piloto, “de ver se é posible agrupar tres espectáculos e mellorar as posibilidades de distribución”.

Pero hai máis, procurar novos públicos. Para iso, en colaboración Departamento de Literatura do IES Rosalía de Castro, poñen en marcha un "Taller de Públicos" mediante o cal un grupo de 15 alumnos fará un traballo sobre cada unha das creacións. “Queremos que fagan un mapa de post-its de cada peza, con palabras que escoitaron, cores que viron..… un traballo sobre a activación da mirada escénica, para que saiban que non é necesario “entender” senón que se pode conectar cuns obxectos, cunhas palabras, cuns elementos…". Un proceso posterior a cada función e que pretende “gañar futuros espectadores ou, ¿quen sabe?, lectores de poesía”.