Por vez primeira, os artigos que publicou Álvaro Cunqueiro en galego serán compilados nun libro. A editorial Galaxia anuncia para o vindeiro mes de marzo a edición de O mundo que teño de meu, unha obra que recolle textos desde antes da guerra, publicados en revistas como Vallibria e Nós ou no xornal El Pueblo Gallego ata colaboracións e cabeceiras como A Nosa Terra ou Grial. O proxecto, compilado por Xosé-Henrique Costas e Iago Castro Buerger, contará cun segundo volume dedicado integramente aos artigos do mindoniense no Faro de Vigo.