Arredor do ARCO

Cinco galerías galegas exhiben as súas apostas nas feiras paralelas a ARCO

 Hotel Silken Puerta América onde se celebra JustMad
Hotel Silken Puerta América onde se celebra JustMad
Sería un desperdicio que o reclamo mediático, económico e creativo de ARCO, a feira de arte contemporánea máis relevante do Estado, quedase circunscrito ao recinto de IFEMA en Madrid. Do mesmo xeito que acontece con outras feiras mundiais, e non exclusivamente de arte, ao redor dun evento agroman outros. JustMad, ArtMadrid ou Jäälphoto, a última en chegar tamén contarán con presenza galega.

Comparten un denominador común: arte contemporánea. A partir de aí, teñen orientacións diferentes, criterios distintos e, polo tanto, ofrecen unha oferta complementarias. JustMad celebra a súa cuarta edición, ART Madrid a oitava, Flecha a vixésimo segunda e estréase ao público Jäälphoto. Son os satélites de ARCO nos que tamén hai presenza galega.

Art Madrid
Din os seus organizadores que ten un promedio de 40.000 visitantes en cada feira. Cumpren oito anos, o que as converte nun espazo de referencia e estableceron cambios no modelo de organización. Unha maior esixencia na selección, a celebración dunha dobre cita anual e, ao mesmo tempo un cambio do emprazamento pasando a Casa de Campo á Nave do Ático da Estacion de Chamartín. No formato mantén o programa xeral e o seu programa One Project (Javier Rubio Nomblot) na súa aposta da feria pola arte nova, coa presenza de novos medios e soportes non convencionais. Nesta aposta estará presemte Moret Art, a galeriá coruñesa que asiste por quinto ano consecutivo.

Juan Gallego, Toya García Senra, Xurxo Gómez-Chao, Héctor Francesch, Jano Muñoz, Xurxo Oro Claro, Miguel Piñeiro, Iván Prieto e María Treviño conforman o cartel que a galería levará. A directora de Moret, Nuria Blanco manifesta nunha nota de prensa que “Nesta edición presentamos un proxecto que aborda distintas tenencias en figuración, tanto a nivel conceptual coma a nivel formal, para obter como resultado un discurso de gran riqueza expresiva. " O realismo de Jano Muñoz ou de Juan Gallego, a ironía sutil dos retratos de Héctor Francesch e a delicadeza das fotografías de Xurxo Gómez Chao. Outro Xurxo, Oro Claro ofrece a vertente surrealista do espazo que antepón aos bodegóns hiperrealistas de Iván Prieto de María Treviño ou de Miguel Piñeiro.

Jäälphoto
Coa experiencia de Room Art Fair (celebrou en novembro de 2012 a súa segunda edición) o equipo LHOTSE inicia unha nova etapa. Pon en marcha Jäälphoto, unha “feira de fotografía nova e independente” que nace co obxectivo de “fomentar o coleccionismo neste soporte artístico, facelo máis accesible a todos os públicos así como converterse nunha cita coas últimas tendencias da fotografía”. Para iso, convocou tanto a galerías físicas como en liña para exhibir as súas propostas. A cita é do 14 ao 17 de febreiro e terá lugar nun hotel, no chic&basic Mayerling (Rúa Conde de Romanones, 6) no que as galerías ocupan as diferentes habitacións.
Nesta feira estará presente a galería santiaguesa Metro, que presenta a nova orientación da galería. Para esa cita prepararon unha mostra de traballos de varios artistas entre os que están dous creadores non galegos, o arxentino Diego Alonso e o madrileño Hernesto. Canda eles, outros nomes propios de Metro como Sheila Pazos, Rosendo Cid, Edu Valiña ou Ana Cid. A filosofía deste encontro é exhibir nunha habitación de hotel madrileño os traballos dos creadores fotográficos contemporáneos.

Nesta feira nova está tamén About Art. A galería pontevedresa que ofrecerá a obra de Alba Fandiño, Begoña Mumary, Alejandra Sampedro, Arantza Pardo e Santi Vega.

Just Mad
Jus Mad repite formato por cuarta vez e volverá , entre os días 14 e 17 de febreiro, ao vangardista Hotel Silken Puerta América (Avenida de América, 41, Madrid).

Neste encontro hai dúas galerías galegas. No programa xeral PM8 de Vigo, mentres na sección Just-Framed (destinado a galerías, espazos alternativos, colectivos artísticos e editores novos que traballan en circuitos de mercado relacionados co debuxo, a gráfica, auto-edicións e obra seriada en pequeno formato) a santiaguesa A.deFuga.

A galería A.dFuga (rúa do Preguntoiro, 28, Santiago de Compostela), ofrece o seu apoio aos artistas novos que levan realizando desde a súa apertura . Cinco artistas, catro deles galegos: Laura Piñeiro(1984, Pontedeume), Carolina Cruz Guimarey (1981, A Coruña), Gema López (1987, Lugo) e Miguel Ángel Vigo (1986, Padrón). Completa a aposta a madrileña Estela de Frutos (1983, Madrid).
Nesta cita a presenza galega chega da man de PM8 de Vigo que ofrece os traballos de Carlos Fernández –Pello e Jesús Pedraza Villalba (Córdoba, 1978). O primeiro artella reflexións en torno aos códigos de representación, a mediación no contexto da arte, a educación, e a constitución da paisaxe mentres que o segundo incide esa dimensión da arte vista desde unha óptica do cotiá.