Dura lex, sed lex

As galerías afrontan ARCO con optimismo malia a suba fiscal

Unha obra exposta en anos anteriores en ARCO.
Unha obra exposta en anos anteriores en ARCO.
Para o sector da arte contemporánea non houbo nunca “vacas gordas”. A incomprensión social, a falta de apoios públicos e un mercado susceptible da situación económica foron sempre constantes. A crise golpeounos coa mesma virulencia que a outros sectores igualándoos a todos cun IVE e un IRPF do 21%, á cabeza de toda Europa. Mañá abre ARCO, a feira de arte contemporánea máis importante do Estado, un escenario imprescindible que testará o mercado e, para moitas, unha táboa de salvación. Entre as máis de 200 galerías, tres galegas e máis algún nome propio para o ARCO máis tenso da súa historia que arrinca este xoves.

É o peor dos escenarios posibles dos últimos anos. España en crise económica, os petos dos coleccionistas moito máis selectivos (hai un informe da Fundación Arte y Mecenazgo que asegura que o mercado nacional da arte se reduciu un 33% desde 2007) e unha contracción xeralizada dos capítulos de compra das grandes institucións públicas e privadas. A iso, úneselle que non compiten todas en igualdade de condicións. As galerías de todo o Estado chegan cunha fiscalidade moi superior á das europeas. “No resto de Europa teñen un IVE e un IRPF máis baixo, xogamos en clara desvantaxe e, temos que asumir nós esa suba para non perxudicar os nosos artistas e poder estar no mercado” asegura a directora da Galería Ad Hoc, Inés Ramiro. Asunta Rodríguez, responsable da galería Trinta é moi clara “dura lex, sed lex, non hai máis”.

Esta edición de ARCO naceu tensa. Primeiro polo órdago lanzado desde un grupo de galerías catalás que solicitaron, sen éxito, rebaixar as condicións de asistencia á feira (acudir a ARCO ten un custe medio de 20.000 euros). Ao final, non se fixo caso das súas peticións e alguna delas, algunha histórica, decidiu non acudir. Susana Montesinos, de Bacelos, asegura que “non eran peticións esaxeradas e iso que, este ano se fixeron condicións especiais. Antes tiñas que pagar o stand completo antes de poñer un pé en Madrid, adiantando un investimento que non sabes como se recuperará”. Este ano, houbo rebaixas no prezo total e facilitades de pagamento, insuficientes para algunhas galerías, pero unha fórmula diferente. “Insuficiente, pero irrenunciable” aseguraba unha das galeristas galegas. ¿Por que? A resposta dáa moi claramente Asunta Rodríguez: “ir a ARCO pode asegurar que sobrevivas un ano máis”.

As propostas galegas
Non hai que perder o referente xa que ARCO é unha feira de galerías e todos os que van alí é para vender. Este ano, a presenza galega está con Ad Hoc, Bacelos e a santiaguesa Trinta, que regresa ao mercado despois dun lustro. “Arco cambiou pero Asunta tamén”, asegura Asunta Rodríguez desa galería, que afirma “é imprescindible estar alí porque é a plataforma comercial máis importante de todo o noso país”. E malia que as responsables das tres galerías aseguran que levan as súas liñas de traballo, os artistas cos que traballan todo o ano, o referente é vender.

A proposta da Galería Trinta pasa por Juan Hidalgo, pai do conceptual, Eva Loot, Carlos Pazos e dous galegos: Din Matamoro e Teo Soriano que, malia nacer en Mérida, leva trinta anos en Galicia. “Son cinco artistas que desenvolven un traballo formalmente moi diferente pero que teñen unha vertente poética fundamental” aseguraba Asunta da súa proposta.

A aposta da viguesa galería Bacelos para por tres artistas que traballan desde ámbitos diferentes. Susana Montesinos explica que “David Ferrando Giraut leva tres videoinstalacions, Marlena Kudlicka escultura e Abigail Lazcot leva pezas novas de pintura”

Inés Ramilo, directora de Ad Hoc, explica que a súa aposta inclué desde vídeo, escultura, fotografía pintura. Nomes propios xa coñecidos pola galería coma “o artita brasileiro, Rubens Mano, que xa estivo na galería e que traballa moito cos espazos, moi na liña que presentamos en 2012 cando levamos a Carme Nogueira como artista destacada que tamén traballaba cos espazos”. Canda el, nomes moi coñecidos como Curro González, Xoan Anleo, Suso Fandiño, Jorge Perianes ou Helena García”. Inés tamén destacada a “Fernando Pereira que ten un traballo moi importante sobre espazos e tamén co tempo”.

Ramilo recoñece que “é moi difícil predecir”. En 2012 funcionaron moi ben os coleccionistas estranxeiros e, malia que non se sabe que pode pasar, esta edición apunta máis que nunca cara o exterior.

A proxección exterior
Dúas de cada tres galerías participantes son de fóra así como o 90% dos profesionais convidados. Canda eles, uns 250 coleccionistas. Nesta ocasión é Turquía o país convidado e, en colaboración coa embaixada turca en España e con varios comisarios turcos (Vasif Kortun e Lara Fresko) seleccionáronse 10 galerias que participarán no programa Focus Turquía.

Un galego, Manuel Segade, xunto con Veronica Roberts, comisaria do Museo de Arte Moderno e Contemporáneo de Austin, Texas, fixeron a escolma de Opening: Novas galerías, unha escolma de 25 galerías de Asia, América e Europa con menos de sete anos. Unha aposta que leva un tempo en marcha e que pretende abrir cara o mercado exterior unha vía máis de traballo.

ARCO esténdese na rede
Internet pode ser un aliado, por iso desde a organización puxeron en marcha algunhas iniciativas coa rede como soporte. Unha delas é, en colaboración cunha cada de poxas, a creación dun mercado on line. Chámase Arco Collect online e ata o 24 de febreiro ofrece máis de mil obras, cun prezo máximo de 5.000 euros.

Trinta con Berta Cáccamo, Ad Hoc con Fernando Jose Pereira e Bacelos con David Ferrando Giraut están presentes neste mercado virtual paralelo á feira que se complementa co servizo gratuíto de asesoría que ofrecer Arco para non iniciados no sector.