Vontade de ollar para as charcas

Un proxecto de voluntariado ambiental de ADEGA quere pór en valor estes pequenos ecosistemas

Saída do proxecto Sarga. Fonte: ADEGA
Saída do proxecto Sarga. Fonte: ADEGA
Polo xeral, as charcas, esas pequenas extensións de auga que podemos atopar en moitos recantos, non son consideradas como un espazo a protexer. No entanto, teñen a súa importancia para a biodiversidade e achegan grandes posibilidades de cara á educación ambiental. Cando fan dez anos do seu Proxecto Ríos, a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) lanza a iniciativa Charcas con Vida, que pretende mudar a nosa visión sobre estes espazos.

O Pazo da Cultura de Pontevedra acolle este 2 de febreiro, a coincidir co Día Mundial dos Humidais, a xornada de presentación de Charcas con vida. A campaña que presenta a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia propón artellar unha rede de voluntarios que documente e coide estes espazos húmidos. No entanto, queda a dúbida de qué é exactamente unha charca. Segundo explica Lucía Parente, responsable deste programa, “hai unha grande variedade de definicións, pero pódese considerar charca calquera extensión de auga que teña entre un metro cadrado de superficie e unha hectárea. A partir dese tamaño xa se considera humidal”. Precisamente esta diferenza de tamaño determina tamén a desprotección que existe sobre estes recunchos. “Para os humidais hai convenios como o Ramsar ou a directiva Hábitat que as protexen. Pero no caso das charcas non existen figuras legais de protección, e desécanse ou cóbrense de terra sen que pase nada”.

Importancia
Malia ao seu relativamente pequeno tamaño, estes espazos teñen unha especial importancia, xa que albergan especies que dificilmente atopan noutros hábitats lugares para se desenvolver. “O sapo parteiro, por exemplo, é unha especie que está en perigo e que se atopa aquí. Logo os tritóns cada vez atopan menos estes nichos. Hai libélulas que dependen exclusivamente dos charcos para criar, que non o fan en ríos. Hai mamíferos que os empregan como bebedeiros, aves que paran neles e especies de plantas particulares”, lembra Parente. Ademais, as charcas cumpren un papel de importancia como corredores ecolóxicos, é dicir, conectado como áreas de paso zonas de reprodución ou particularmente axeitadas para a supervivencia. Isto permite ademais que as poboacións das diferentes especies manteñan contacto e favorecendo a súa diversidade interna. Por se fose pouco, captan dióxido de carbono e funcionan como reservorios de humidade en épocas de seca, entre outras funcións.

Visión social
A visión social sobre as charcas non adoita consideralas como de especial importancia. Realmente non é moi común atopar charcas en zonas destacadas das nosas vilas ou cidades, e polo xeral a súa existencia fica reducida a zonas marxinais onde non se desenvolveu a urbanización do terreo. Ruínas, entulleiras, zonas achegadas a ríos e a humidais son algúns dos espazos máis habituais. “Xa desde o franquismo a tendencia, tanto nas charcas como nos humidais, foi a desecar. En xeral a poboación considéraos como espazos degradados ou non importantes”, lembra Parente.

Construídos
Unha das peculiaridades que teñen estes hábitats é que son, en moitos casos, construídos. “Moitas das que hoxe existen proveñen de antigas explotacións mineiras e albergan poboacións moi importantes. Outras mesmo se empregan como vertedoiros”, lembra Parente. Canda a estes, na nosa sociedade tradicional tamén había espazos que cumprían a función das charcas no ecosistema e que van desaparecendo co abandono do rural. “Antes as pozas empregábanse como bebedeiros para o gando ou como balsas para o rego. Entón en Charcas con Vida hai tamén unha parte de recuperación do patrimonio cultural, restaurando estes elementos que en moitos lugares están tupidos”. Este carácter artificial permite tamén que se poidan “construír” novas charcas coas que contribuír á conservación da biodiversidade. “Resulta un traballo moi sinxelo e moi agradecido. Trátase unicamente de facer un burato, impermeabilizalo e preparalo para que o colonicen as especies correspondentes”, explica. Deste xeito, por exemplo, un colexio pode montar no seu patio a súa propia poza para a coñecer e a custodiar. “Supón un recurso estupendo de cara á educación ambiental”, lembra Parente, “en moitos lugares empréganse e agardamos que en Galicia tamén as escolas vaian facendo as súas propias charcas”

O proxecto
A proposta que agora fai ADEGA, e para a que conseguiu apoio da Fundación Biodiversidade do Ministerio de Medio Ambiente, funciona de xeito semellante ao Proxecto Ríos, que xa está en marcha no noso país. É dicir, grupos de voluntarios encárganse de vixiar e custodiar un espazo concreto. “Fanse dúas campañas cada ano, visitando a charca, e verificando as especies que a habitan, tanto animais como vexetais. Logo hai tamén unha parte divulgativa con xornadas, visitas formativas ou cursiños que queren achegar a sociedade a estes espazos”, explica a responsable. A partir do traballo desta rede de voluntarios desenvolverase un inventario co que se pretende coñecer polo miúdo a situación destes hábitats no noso país. “Cando o proxecto estea máis avanzado queremos desenvolver unha parte de custodia, animando a xente a que faga charcas na súa propiedade privada ou a que conserve as que teña nela, dándolles apoio e axudas”.

Internacional
Aínda que no noso país a proposta de ADEGA resulta moi orixinal, desde o colectivo salientan que “non estamos a inventar nada”, e lembran que ao noso carón, en Portugal, a proposta Charcos con vida desenvolve desde hai anos actividades arredor destes elementos. E a que a nivel continental a European Pond Conservation Network integra iniciativas semellantes. “Hai moitas entidades que están a promover cambios na lexislación e na protección e propostas de voluntariado coas pozas”

Movemento
Malia a que a relativa marxinalidade das charcas na nosa sociedade dá para pensar na dificultade de mobilizar voluntarios con esta causa, desde o colectivo ecoloxista consideran que “hai bastante xente que coñece a importancia destes elementos”. Por exemplo o proxecto Sarga (Seguimento de Anfibios e Réptiles de Galicia), vencellado ao Proxecto Ríos, conta coa participación de diferentes voluntarios. “Hai unha parte da sociedade, dos que nos gusta saír o monte, que coñecen este valor. Contamos xa cunha experiencia en redes de voluntariado ambiental, e pensamos que tanto colexios como entidades que colaboran con nós noutros proxectos poden sumarse a esta iniciativa”.

Custodias
A iniciativa encádrase entre as diferentes iniciativas de custodia e de voluntariado, polo que axentes sociais e privados enfrontan tarefas de conservación e coidado de espazos naturais. “Van aparecendo iniciativas diferentes, é un fenómeno que está a medrar, pero as entidades privadas e os propietarios non poden substituír as accións que debe desenvolver a administración”, explica. Ademais, salienta que “desde a administración galega case non hai iniciativas de apoio ao voluntariado ambiental. Están o Proxecto Ríos e o traballo da Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños, pero tamén se notan os recortes”. Como tarefas pendentes neste campo, desde ADEGA salientan que “cómpre algo de conservación mariña. Hai iniciativas como o da Reserva de Miñarzos que está sen apoio e tivo que reducir a súa vixilancia. E logo tamén cómpre apoiar todo o traballo da Cemma de Custodia de Costas e observación de animais mariños”, conclúe.