Elas fan Tech

Unha ducia de creadoras exploran a súa relación coa tecnoloxía

| Santiago. Redacción | Seccións: Arte
Compartir:
Elas fan Tech

Normal, o espazo de intervención cultural da Universidade da Coruña, quería facer unha exposición sobre arte e mulleres. Foi a comisaria, Anxela Caramés, a que engadiu outra variable máis á proposta: que a tecnoloxía fose parte determinante do seu traballo. Chegou así a Elas fan tech, na que “hai artistas que traballan con interactivos, outras veñen do ámbito das belas artes e o seu achegamento á tecnoloxía vén pola ironía, pola parte lúdica ou pola fantasía, e hai outras, que programan directamente o seu propio traballo”. A exposición, acompañada de obradoiros e conferencias, botará o feche o vindeiro 8 de marzo co gallo do día da muller traballadora.

Vida y muerte de las estatuas, 2004. Victoria Diehl
1/6
Floating Land, Anaisa Franco
2/6
Origin Story, Chris Sugrue
3/6
Visions Project, Francesca Mereu
4/6
Mutaciones do poder, Fátima Castano
5/6
Cero mais un
6/6

A tecnoloxía é un mundo de homes, dominado por eles, que se encargan de xestionar, dirixir e crear malia que a precursora de todo fora unha muller: Ada Lovelace. A filla de Lord Byron, poeta da literatura inglesa e símbolo do romanticismo, foi a que creou unha serie de indicacións que permitían facer cálculos que permitiron a científicos posteriores, como o inglés Alan Turing, chegar aos alicerces da ciencia da computación. Precisamente a historia desta matemática estará presente nas actividades paralelas que acompañan esta exposición que se adentra na tecnoloxía e a súa relación coas mulleres.

A maior parte das doce artistas que conforman o cartel da exposición foron buscando de xeito persoal os seus camiños. “A formación autodidacta é moi importante, pero si que é certo que moitas deles se foron especializando grazas aos seus programas de doutoramento, así como centros de formación como en Valencia” explica Caramés, que xa traballou con moitas das creadoras que agora está na Coruña.

En Elas fan Tech, hai perfís diferentes. “Chris Sugrue é unha artista estradounidanse que destaca por ser unha das poucas mulleres programadoras do mundo” apunta Caramés, que destaca que este tipo de arte adoita ser colectiva. “Si que hai artistas que programaron a súa propia obra, pero hai moitas outras como Inés parcero que contaron con equipos para a parte interactiva. Entre a nómina de creadoras Victoria Diehl, Bego Santiago e Inés Parcero poñen o acento galego. “Todas elas, xunto coa ponferradina Yasmina Morán se formaron na Facultade de Belas Artes de Pontevedra” explica Caramés.

A exposición non remata na propia sala de Normal, senón que están programadas de xeito paralelo unha serie de actividades para completar a visión da exposición. Visitas para adultos, obradoiros (a relación entre software libre, xénero e creación artística, linguaxes de programación e software audiovisual) completan esta proposta.

Que che parece esta nova?
29 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Axuda a difundir a cultura galega
Ligazóns externas

Do mesmo ámbito

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con Tecnoloxía, Mulleres, Belas Artes, Universidade da Coruña...