Un arquitecto sostén que atopou os restos dun anfiteatro en Lugo

Isto pode ser un anfiteatro

Lugo puido ter un anfiteatro romano e os seus restos, case esborrallados pola acción do tempo e do home, estiveron localizados no barrio do Carme. Esta é a hipótese dun arquitecto que sostén que Lucus Augusti, a principal cidade romana de Galicia, foi deseñada ó milímetro de acordo cun plan establecido en Roma para crear un centro de loxística agropecuaria que abastecera as explotacións mineiras e unha cidade sagrada.

Hoxe son leiras da periferia urbana de Lugo. Hai 1900 anos puido ser a arena na que loitaban os gladiadores. 4.900 metros cadrados de anfiteatro; feito coa mesma pizarra coa que os romanos ergueron as murallas no século IV, nunha ladeira ás aforas da cidade, xusto á beira do camiño principal que viña da segunda das tres grandes cidades romanas na provincia de Gallaecia: Braga, de aquela chamada Bracara Augusta. Quedan muros, algúns sillares, un puñado de vistas aéreas e un interesante plano da cidade do século XIX no que se perciben os restos dunha construcción de forma ovalada.



“ A investigación desenvolvida nace despois de facerme a pregunta sobre se a cidade de Lucus Augusti puido ser a evolución dun campamento militar nun territorio conquistado ou se foi un proxecto “ex novo” cun promotor intencionado”, sinala o arquitecto Carlos Sánchez-Montaña na web na que explica a súa hipótese, lucusaugusti.info. O promotor, segundo esta idea, ten nome e apelidos: Octavio César Augusto, artífice da conquista da antiga Gallaecia polas rexións romanas e primeiro emperador do Imperio.




“Un Continente moi grande”



Ata agora críase que a cidade de Lugo nacera a partir dun campamento militar creado durante a conquista do territorio galego. A partir de aí, o incremento de actividade supuxera o crecemento anárquico da cidade. A perspectiva deste arquitecto lugués é diferente: Lugo foi concebido como un centro loxístico de distribución agropecuaria. A zona limítrofe, de 40 km., era dunha gran riqueza agrícola. No interior da cidade vivía un pequeno número de habitantes: os dirixentes, os “executivos” que realizaban as compras de producto e os enviaban ó Este, ás intensivas explotacións mineiras do actual oriente galego, Asturias e León e persoal técnico que realizaba tarefas adicionais para a poboación da zona, que traballaba as granxas. En palabras de Sánchez-Montaña, Lugo era “un Continente moi grande”.




A segunda das perspectivas deste arquitecto sobre o Lugo romano é como “cidade sagrada”. Para Sánchez-Montaña, os edificios públicos de Lugo puideron estar deseñadas coas proporcións pitagóricas. A intensa explotación mineira era vista na época romana como un acto de “sacrilexio” á terra. Lugo desempeñaría un espacio de intermediación co divino. Dende a perspectiva desta tese, o análise da vella cidade de Lugo pode cambiar moito. Os romanos planificaban minuciosamente as súas cidades, definindo claramente os espacios públicos, as mazás de vivendas, as zonas relixiosas e as vías de comunicacións que rodeaban o perímetro da cidade. As teses do urbanismo romano están recollidas no tratado de Vitruvio Polion, un dos grandes urbanistas da época romana, e que definiu as características do canon clásico de construcción de novas cidades.





Atopar o anfiteatro


De confirmarse a tese de Sánchez-Montaña, poderíanse producir cambios na visión da romanización en Galicia. Ata agora, a pesar dos numerosos achados romanos en todo o territorio galego, non se atopara ningunha das obras públicas que tipicamente definen a “civilización romana”, coma os circos, teatros, acueductos, etc. A presencia dun anfiteatro no noroeste peninsular cambiaría as cousas: indicaría unha maior intensidade da romanización, e unha certa asimilación dos costumes romanos nun territorio rural que acudiría ó espectáculo da loita de gladiadores, un dos primeiros espectáculos de masas da historia.




Sánchez-Montaña empregou os planos máis antigos de Lugo -para aplicar sobre eles o modelo ideal de cidade romana. Coma nun papel cebola, o arquitecto localizou a posible entrada principal da cidade, a Decumanus, que sería a actual Porta Miñá. E ó carón estaban as ruínas do anfiteatro, situadas segundo Carlos Sánchez-Montaña preto dos templos de Isis, de Marte e das termas da cidade, no que sería un importante espacio de convivencia pública. Nunha foto de 1972 pode percibirse claramente unha forma oval preto do antigo matadoiro de Lugo que coincide coa configuración típica deste tipo de construccións romanas. O anfiteatro seguía a proporción pitagórica 12/13. As excavacións máis próximas, pequenas catas realizadas durante a rehabilitación do matadoiro municipal, atoparon restos da cloaca do século IV nunha dirección que parece levar ata os posibles sumidoiros do anfiteatro. Ademais, algúns pavimentos atopados polos arqueólogos municipais da cata amosan pavimentos do século I d.C. –é dicir, da época da fundación da cidade- fóra do perímetro urbano daquel momento.




Sánchez Montaña está publicando as súas hipóteses dende a web lucusaugusti.info. Xa ten experiencia nas novas tecnoloxías: é Product Manager de Arqweb.com, un directorio profesional do sector da arquitectura. Segundo o autor, “para min era un reto poder relacionar arquitectura, historia e Internet nun único vehículo”. Visítao de cando en vez para coñecer as novas teorías do arquitecto.